6 dic. 2015

Domingo 2 de Advento C

DOMINGO II DE ADVENTO - CICLO   C


Primeira Lectura          Bar 5, 1-9
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA BARUC
Deus vai mostrar o teu esplendor
  
Xerusalén, quita o vestido da túa dor e da túa desgraza ,
e viste para sempre o esplendor da gloria que vén de Deus.
Envólvete no manto glorioso da xustiza que vén de Deus:
pon na túa cabeza o diadema da gloria do Eterno.
Deus vai mostrar o teu esplendor a toda cidade baixo o ceo,
pois Deus fará que o teu nome sexa para sempre
"paz da Xustiza e Gloria da Piedade diante de Deus".
Ponte de pé, Xerusalén, ponte de pé no alto,
e mira cara ao nacente,
olla os teus fillos reunidos pola palabra do Santo,
alegres pola lembranza do Señor
desde o poñente ata o nacente.
Saíron de onda ti,
levados a pé polos inimigos,
pero Deus devólvechos en andas de gloria,
coma un trono de realeza.
Pois mandou o Señor que se rebaixasen
os montes altos e os vellos outeiros
e que os barrancos se enchesen volvéndose chairas,
para que Israel camiñe con paso seguro,
guiado pola gloria de Deus;
e por orde de Deus as árbores do bosque e as plantas recendentes
déronlle sombra a Israel.
Si, Deus conducirá a Israel con alegría á luz da súa gloria,
coa misericordia e a xustiza que están con El.

  Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus

                                                                                                                                           
SALMO RESPONSORIAL        Sal 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
R/. (3): O Señor fai connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría.

Cando o Señor cambiou a sorte de Sión,
parecíanos un soño.
A boca enchéusenos de risos,
a lingua de cantares.

Daquela dicían os pagáns:
"O Señor fixo con eles cousas grandes".
O Señor fixo connosco cousas grandes,
estamos cheos de alegría.

Cambia, Señor, a nosa sorte,
coma os regatos no deserto.
Os que sementan entre bágoas,
recollen entre cantares.


Cando van, van chorando
os que levan a semente.
Ó viren, veñen cantando
os que traen os seus monllos.
                                                                                                                                            

Segunda Lectura            Flp 1, 4-6. 8-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS  FILIPENSES
Sede sinceros e permanecede sen pecado para o día de Cristo
  
Irmáns:
Sempre que rezo por vós, fágoo con alegría, pola parte que vides tomando na difusión do Evanxeo desde o primeiro día ata hoxe. Eu confío en que o que encetou en vós un traballo bo, halle de ir dando cabo de aquí ao día de Cristo Xesús.
(Ben sabe Deus con que morriña cristiá vos boto a faltar aquí! E na miña oración pido que o voso amor reborde de coñecemento e de sensibilidade para todo: así poderedes acertar co mellor para chegardes enxebres e sen tacha ao día de Cristo Xesús, e cheos do froito da xustiza que se consegue por medio de Xesús Cristo para gloria e loanza de Deus.
                                                                                                                                            
   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus


ALELUIA     Lc 3, 4. 6
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Preparade os camiños do Señor endereitade os seus carreiros;
todos verán a salvación de Deus.
Aleluia.


Evanxeo               Lc 3, 1-6
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Todos verán a salvación de Deus
  
No ano quince do reinado do emperador Tiberio César, sendo Poncio Pilato gobernador de Xudea e Herodes tetrarca de Galilea; sendo Filipo, o seu irmán, tetrarca de Iturea e mais da Traconítide, e Lisanias, tetrarca de Abilene: durante o pontificado de Anás e Caifás, chegoulle a Palabra de Deus a Xoán, fillo de Zacarías, no deserto.
Entón el percorreu toda a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión, para acadar o perdón dos pecados, conforme está escrito no libro do profeta Isaías:
Unha voz chama no deserto:
Preparade os camiños do Señor,
reparade os seus vieiros.
Toda barranqueira se cubrirá
todo monte e outeiro se rebaixará,
os camiños tortos hanse endereitar
e os fragosos hanse achanzar.
E todos verán a salvación de Deus.

 Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo



2º DOMINGO DE ADVENTO C  2015

POWER POINTS


CANTO GOZOSO
ENTRADA: Volve Señor              
LECTURAS: Escoita ti 
OFERTORIO: Como che cantarei 

ESCOITA ACTIVA
Avanzando neste tempo de preparación ao Nadal que é o Advento, aparece hoxe nos textos da palabra de Deus Xoán o Bautista. Irrompe na liturxia deste domingo para lembrarnos o obvio, inda que moitas veces non o queiramos nin ver nin escoitar: preparémonos para que a celebración do nacemento sexa iso, celebración. Esforcémonos por deixar atrás rutinas, costumes, consumo ou canto identifique Nadal con nostalxia, tristura ou discusión de familia no canto de unión agradecida porque Deus vén. Fagamos coma Xoán: preparémonos con sentido de fe, acollida e ledicia compartida. Porque a salvación deixou de ser unha palabra baleira para converterse en realidade no Xesús que vai chegar e ao que lle queremos facer sitio en nós.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
•          Volve, Señor, danos a paz diante das situacións nas que temos sido conflitivos e desagradables cos demais;             RENÓVANOS POR DENTRO, SEÑOR.
•          Volve, Señor, para que o pesimismo non aniñe en nós e nos converta en persoas tristes e sen alegría no corazón;                      RENÓVANOS POR DENTRO, CRISTO.
•          Volve, Señor, para que saibamos deixar atrás todo canto nos fai desconfiados e insensibles ás dificultades dos demais;     RENÓVANOS POR DENTRO, SEÑOR.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
•          Neste noso ir acompañando o cambio do corazón e a preparación para celebrar o Nadal con sentido cristián, engadimos hoxe no taboleiro a silueta duns mozos/as, para continuar facendo deste tempo de Advento unha marabillosa oportunidade de reflexionar, -desde a misericordia- sobre a familia e o importante que esta estea unida, non polos papeis (iso non é mais ca puro formalismo sen contido), senón polo amor, o respecto e a as relacións de agarimo que se van desenvolvendo dentro dela. E todos nós -por iso non falamos de memoria, senón desde a experiencia-, somos membros dunha familia; unha familia que non é nin mellor nin máis mala que as outras, pero si é a nosa, a que temos que ir coidando e termando dela para que a vaiamos convertendo nun espazo onde sexamos escoitados; un espazo onde non nos sintamos nin estraños nin clientes; un espazo que estea rexido pola capacidade de aprender a preocuparnos uns polos outros para que nos momentos bos celebremos as ledicias, e cando nos veñen malas atopemos unhas mans, uns ollos, unhas palabras e un corazón enchoupados da tenrura do Deus que nos axuda a “quitarnos o vestido da dor e da desgraza” para axudarnos a vestir co que nos ofrece, sen mirar para outro lado e ignorar a realidade: o da esperanza e mais da alegría. Non esa alegría que só é froito da maquillaxe externa, senón a alegría do corazón. A alegría profunda que nos cambia e nos fai sentir con ánimo e forza cando as cousas veñen duras e difíciles, que a todos nos veñen, non nos enganemos. Por iso nos deixamos levar -que non manipular- da man de Deus. El danos, e nel atopamos, a seguridade que a nós tantas veces nos falta.


•          Deste xeito, como ben di Paulo, a oración non é rutina, repetición nin aburrimento, senón comunicación esperanzada do que nos vai pasando na vida. É conversa sinxela, sincera e tranquila, do que vai acontecendo cada día. Así, haberá días nos que so poidamos dicir: Señor, hoxe non vexo saída, parece que tódalas portas se me van pechando; namentres haberá outros nos que compartamos a ledicia de que as cousas van indo por onde pensabamos, o que nos aleda e agrada. Porque rezar, orar, comunicarnos con Deus é iso: abrirlle o noso corazón, sen disimulos nin frases bonitas, e sentir que non estamos solos para afrontar canto nos vai chegando...o bo e tamén o malo. Orar, como ben lles dicía Xesús ao ensinarlles o Noso Pai é deixarnos levar da confianza que poñemos Nel, para non facer o camiño solos. É tamén ter a capacidade para erguer a vista e darnos conta de que non estamos sós; que ao noso lado segue a haber xente á que podemos tenderlle a man ou compartir con ela un pouco do noso tempo. Por iso a oración ten unha dobre dirección: de nós para con Deus e de nós para cos demais. Unha dobre dirección que se vai retroalimentando na confianza e o diálogo de quen sabe que aínda que sexa moi difícil o camiño, non o vai facer en solitario. Iso a Paulo producíalle moita alegría, e ben seguro que a nós tamén. Deste xeito deixará de ser un monólogo centrado en nós mesmos para abrirse á preocupación polos que están ao noso lado e á confianza en Deus.

•          Esta experiencia, fonda e sempre aberta á confianza, é a que nos trae Xesús. Por iso celebramos o Nadal. Non como festa de consumo e luces de moitas cores, que distraen pero non curan os corazóns magoados, senón como experiencia de acollida en cada un de nós; e desde nós nas nosas familias, do Deus que se fai un igual: sinxelo, pequeno, necesitado, sen alardear de ser nin máis importante nin superior. O evanxelista Lucas, tal como vimos de escoitar, utiliza unha fermosa metáfora para axudarnos a entendelo e vivilo, e dinos, que se somos capaces de cambiar o corazón, e deixar atrás toda a roña que nel se foi acumulando, entenderemos por que desaparecerán as barranqueiras –tan perigosas e inesperadas– e se rebaixaran os montes; é dicir: aprenderemos a ver a realidade non desde as dificultades, senón desde a posibilidade de ir cambiando cousas ata que aquelas desaparezan de seu. Que fagamos logo deste tempo de Advento unha experiencia que faga posible que os camiños tortos endereiten e as fragas se achanden. 

FRATERNIDADE ORANTE
Porque a ledicia do corazón é posible, compartamos, como comunidade que somos, este momento de oración comunitaria e digamos xuntos:
QUE NOS DEIXEMOS ACOMPAÑAR POR TI


            Que fagamos da Igrexa, Señor, como nos repite unha e outra vez o papa Francisco, un hospital de campaña que estea sempre preparado para acoller, escoitar e sandar as feridas que a vida vai producindo nos nosos corazóns, OREMOS. 
QUE NOS DEIXEMOS ACOMPAÑAR POR TI

            Que as nosas celebración rompan a rutina que nos desgana e impide que poidamos vivilas, celebralas e compartilas como experiencias de gozo, esperanza e solidariedade diante do que nos fai sufrir e sentirnos moitas veces esquecidos e solos, OREMOS. 
QUE NOS DEIXEMOS ACOMPAÑAR POR TI

            Para que cantos nos reunimos hoxe para rezar e renovar a forza da nosa esperanza en Deus abramos o corazón para que a misericordia sexa a que guíe o acontecer das nosas familias no amor, o perdón e a axuda mutua, OREMOS. 
QUE NOS DEIXEMOS ACOMPAÑAR POR TI


Grazas, Señor, por facer deste momento de oración experiencia comunitaria de unión e solidariedade nas esperanzas e tamén nas dificultades que nos imos atopando na vida. Que a forza de canto rezamos sexa sempre para nós pulo de esperanza. P.X.N.S. Amén.


MIRADA ESPERANZADA
A historia escribímola sempre desde os grandes, 
desde eses que dicimos que “fixeron historia”,
desde os poderosos,
desde os triunfadores política ou economicamente.
Cando escribiremos a historia desde embaixo?
Desde os ninguén:
os que non teñen conta corrente de moitos números,
os que non cotizan na bolsa,
os que non xogan ao fútbol nin gañan moito,
desde os enfermos,
desde os que viven nos países empobrecidos,
desde as vítimas inocentes do afán de poder
e da intolerancia dos que queren mandar e controlar.
Todo o contrario do que nos pasa con Deus:
El escribe a historia desde os de embaixo.
El mesmo fíxose historia para ser un de nós.
El segue a facer historia na xente sinxela:
os que non teñen casa,
os que viven no baldío da desesperanza e a tristura,
os que se senten solos e esquecidos.
Vivimos crendo que os únicos que teñen a verdade,
tamén na Igrexa, son os de enriba.
Esquecemos o importante:
que Deus tamén agasalla, mellor: agasalla principalmente,
coa verdade aos de embaixo.
Que poñamos o oído atento para escoitar e entender a súa mensaxe. 

(Desde unha idea do libro de Cáritas.)


No hay comentarios:

Publicar un comentario