Nadal
(Vixilia de Nadal, Misa da Noite, Misa do Amencer, Natividade do Señor)
Ofrecendo sempre
misericordia, chega o mensaxeiro traendo a boa nova farturenta que se fai
palabra viva e acolledora para quedar entre nós - Nadal C 2015
SINAL DO NADAL
1- Ao comezo da celebración imos ata o nacemento e colocamos a figura do Neno. Onde non haxa nacemento, pódese
colocar no berce que adoita estar diante do altar a figura do Neno, e que logo se dará a bicar no remate da celebración. O
que queremos significar é que o berce, antes baleiro, convértese agora en berce
no que todos somos acollidos/as, por riba de raza, xénero, relixión ou cultura.
Porque confesar a fe é facer do noso actuar imaxe do Evanxeo.
2- Tamén se pode
colocar, logo de mostralo a todos, no portal o texto coas obras
de misericordia, para poñer de manifesto que o Deus
Neno que chega, faino sendo testemuña da misericordia da que nos invita a dar
testemuño.
CANTO AGRADECIDO
ESCOITA ACTIVA
É Nadal. Si, Deus nace en rúas e fogares, en actitudes
e comportamentos, en sorrisos e alentos. Deus nace, e esta é a gran afirmación
que nos axuda a entender o que hoxe celebramos en tódalas comunidades cristiás
do mundo. Nace para quedar e acompañar; nace para denunciar as inxustizas e os
abusos; nace para non calar diante da mentira dos que nos queren facer crer que
todo vai ben e é moi bonito; nace para os resentidos, para os que perderon a
esperanza, para os que foron desprazados, para os que... Si, nace para que non
nos deixemos levar da tristura do corazón e da incapacidade para levantarnos
logo dunha caída, un fracaso ou un desengano. Nace para nós e con nós. Nace
para dicirnos que hai esperanza, que o futuro depende de nós, que detrás de
cada persoa hai unha historia, unha vida; tamén moitas veces un berro que nos
di: estou aquí, préstame a túa atención e algo do teu tempo. Nadal é nacer, e
El lémbranos hoxe que naceremos cantas veces esteamos dispostos a volver a
empezar e a non deixarnos levar do derrotismo. Máis alá dos focos das
televisións segue habendo persoas que necesitan que sexamos as súas parteiras e
lles axudemos para que o seu nacemento sexa de paz, xustiza e solidariedade.
Que mellor que experimentalo desde o xa desta celebración que agora comezamos.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Ø Porque pasamos de ser
construtores de xustiza e e paz;
SEÑOR, GRAZAS POR
CURAR AS NOSAS FERIDAS.
Ø Porque desprezamos ao
irmán e crémonos mellores;
CRISTO, GRAZAS POR
CURAR AS NOSAS FERIDAS.
Ø Porque ignoramos que o
amor só se fai rostro na misericordia vivida co irmán necesitado de ser
perdoado;
SEÑOR, GRAZAS POR
CURAR AS NOSAS FERIDAS.
OLLOS ABERTOS E PÉS
NO CHAN
Cantas veces non temos manifestado a fermosura do mundo no que vivimos!
Cantas veces non temos quedado admirados ao ver unha paisaxe, ou ao contemplar
unha foto ou as imaxes dunha película onde se nos mostra a fermosura de canto
nos rodea! Pero tamén cantas veces temos sentido tristura ao contemplar a
destrución desta mesma paisaxe por mor da acción predadora dos seres humanos.
Somos sinal de contradición: tanto podemos facer cousas grandes e ao servizo e
a dispor de tod@s, como tamén poñer a nosa intelixencia ao servizo da
destrución da nosa casa común. Xa nolo lembraba Francisco na súa encíclica ”Laudato
si”: se non termamos do que é de todos, que mundo lle imos deixar aos que
veñen tras de nós? Para invitarnos a non esquecer que Deus nos ofrece esta casa
para vivir nela do xeito máis humano e feliz posible, faise un de nós. Asume a
nosa condición humana, pon os pés na terra para, como dicía Isaías, “anunciar
fartura e proclamar felicidade” sen excluír a ninguén, e promovendo sempre
compromisos de acollida e integración. E fronte a comportamentos que só buscan
e pensan no individual, no propio, El ofrécenos a salvación sen rebaixas nin
pactos, senón de xeito universal. Para iso nace, por iso está aquí e con nós
quere contar. Celebremos esta Boa Nova coa ilusión de quen espera que a súa
chegada nos axude a abrir ben os ollos e mirar máis alá de nós mesmos. Mensaxe
e mensaxeiro xa chegaron, están aquí. Agora necesitan que este fermoso agasallo
o abramos e coidemos, coma tesouro que é, para que non o estraguemos nin nos
aburramos del. É que temos tantas cousas, que xa non sabemos separar o
importante, o fundamental, do accesorio!
Desde sempre, e sen cansar, insiste unha
e outra vez para agasallarnos coa súa presenza. Tamén desde sempre, e cansando
moito, temos confundido, manipulado e esquecido a súa mensaxe. Nun neno que
morre na praia, nunha muller que sofre violencia, nun mozo/a que se sente
acosado, nun pobo que é humillado e sometido, nun vello que non é atendido con cariño
e tenrura, nun desprazado ao que se lle impide buscar e loitar unha vida mellor
e máis digna, nun ... Destes e moitos máis xeitos nos vai falando este Deus que
hoxe, de novo, peta na porta da nosa casa para que lle abramos. Ímonos limitar a non
facer barullo desde dentro e axexar pola “miriña” por non ter a valentía de
abrirlle e dicirlle: pasa, aquí sempre es ben acollido?
Porque El, como nos dicía Xoán no Evanxeo, o que quere está ben claro:
acampar entre nós, ser acollido, quedar a nosa beira. Fagámoslle, logo, oco
para que non se senta nin desprezado nin utilizado segundo os intereses dos que
mandan e o manexan todo. Sabendo facer unha lectura crente e actual deste
nacemento, nin as figuras serán bonecos nin a falsa ilusión das luces de cores
e as felicidades retóricas, acamparán no noso corazón.
FRATERNIDADE ORANTE
Celebramos que Deus
vén para quedar, e digamos xuntos:
QUÉDATE NA NOSA CASA, SEÑOR
Para que sexamos
Igrexa de misericordia onde se acolla, se visite a quen está enfermo, se
acompañe a quen está solo e non se cale diante de quen é maltratado, OREMOS.
QUÉDATE NA NOSA CASA, SEÑOR
Para que non deixemos que o sentido cristián da vida esmoreza nas nosas
parroquias, familias e relacións de uns para cos outros, OREMOS.
QUÉDATE NA NOSA CASA, SEÑOR
Para que poidamos dicir con sinceridade nin vergoña: é Nadal! Deus nace
hoxe en min para renovar o meu compromiso de ser, cada día do ano, mellor
persoa, veciño, pa/nai,fillo/filla, compañeiro/ra... sabendo perdoar, escoitar
e axudar, OREMOS.
QUÉDATE NA NOSA CASA, SEÑOR
Señor, hoxe naces no
mundo para lembrarnos que, se queremos, é posible seguir sementando
entendemento e colaboración por riba do enfrontamento e os intereses mesquiños
e egoístas. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Nadal é Deus connosco,
feito un de nós.
Nadal somos nós con
Deus, achegados a El
e feitos rostros
humanos de Deus.
Cando nós queremos ver
o noso rostro
necesitamos un
espello.
Cando Deus quere ver o
seu rostro,
só necesita mirar ao
seu fillo encarnado
e feito un coma nós.
A palabra viu a nós
para facerse dos nosos.
Por iso Nadal é
comuñón e comunicación.
É festa de encontro e
acollida,
é festa para dicir nós
e abandonar o eu.
Festa para dicirnos
papá e mamá,
festa para recibir e
conceder o perdón.
Festa de luz e vida,
festa de amor e
misericordia.
Nadal, nacer, renovar
e vivir.
Grazas, Señor, por
quedar con nós.
(Sobre unha idea do
libro de Cáritas, Advento e Nadal)
Comentarios
Publicar un comentario