Ficha e Lectio: Domingo 3 de Advento C


FICHA ADAPTADA DE: 




LECTIO:

III DOMINGO DE ADVENTO 
(Ano C: 13. XII. 2015)

            Cando os días se van facendo máis curtos porque o sol se ergue a pouca altura no ceo e o inverno dá así sinais de estar xa preto, contra vento –pois- e marea, a liturxia declárase hoxe en folga respecto de sentimentos que se poderían asociar con estes acontecementos meteorolóxicos. Para ela, e polo tanto para nós, nada de tristuras, desazos ou encollementos semellantes.
            O motivo é que sempre, ó longo das nosas vidas, mais especialmente e de maneira formal neste tempo de Advento, estamos a esperar ó Señor que vén. Que vén, segundo comentabamos, como liberador dos nosos medos, angustias e dúbidas en relación co que vai ser de nós, da humanidade e do mundo. El é quen nos posibilita a esperanza, porque nos abre un futuro firme e seguro. Por iso todos temos dereito, grazas á Boa Nova do Evanxeo, a vivirmos con alegría.
            Así o declaran polo menos, de maneira alta e clara, os textos e lecturas da nosa celebración eucarística de hoxe. Xa na mesma Antífona de entrada fomos convidados á ledicia comunitaria ó utilizárense nela estas palabras de Paulo na súa carta ós Filipenses: “Alegrádevos sempre no Señor, vivide sempre na súa ledicia, o Señor anda preto de nós”. E Paulo insistirá aínda na mesma carta en que non deberiamos desacougarnos “por cousa ningunha”. Algo semellante a aquilo de Santa Teresa de Xesús: “Nada te turbe,/  nada te espante,/ todo se pasa,/ Dios no se muda;/ la paciencia/ todo lo alcanza;/ quien a Dios tiene/  nada le falta:/ Sólo Dios basta”.
            A encarnación de Deus na nosa carne mortal, é dicir, o seu emparentamento coa humanidade toda debería ser motivo abondo para que a humanidade enteira se alegrase coa vinda de Xesús. Porque Xesús veu xa, está vindo e seguira á vir sempre para todas e cada unha das persoas humanas. Non só para algunhas ou para poucas.
            Non deixa de ser mágoa que ás veces os cristiáns teñamos dado a impresión de non sermos ou non térmonos presentado de maneira aberta e decidida como alegres e felices ante os demais. Polo menos un influínte e moi lido filósofo alemán do século XIX, que se chamaba Nietzsche, criticaba os cristiáns e os crentes en xeral por esta razón. Dicía que el “só crería nun Deus que soubese bailar”. E criticaba a “sacerdotes” e crentes por non proclamaren a alegría senón a dor e a tristura: “Deberían cantarme mellores cancións, para aprender eu a crer no seu Liberador. Deberían parecerme máis liberados os seus discípulos”.
            Coido que deberiamos aceptar o consello de Nietzsche. Non porque el o diga, senón porque resulta ser unha proclamación central, como vedes, da nosa fe: a de vivirmos alegres no Señor, porque el nos salvou, nos liberou, ó se facer un de nós, irmán noso e de todos. Por algo, dígoo unha vez máis, o papa Francisco escribiu hai pouco para todos nós a súa exhortación apostólica “A alegría do evanxeo”.
            Este sentírmonos irmáns de todos provoca, efectivamente, alegría en nós e en cantos poden experimentar e comprobar que somos de verdade irmáns deles.
            A pesar de que Xesús centrou a súa mensaxe xustamente nisto, chama a atención o feito de que Lucas, no seu evanxeo de hoxe, nos presente xa a Xoán Bautista, o precursor do Mesías, en certo modo na mesma liña de Xesús. Uns e outros pregúntanlle ó Precursor sobre o que teñen que facer. O Bautista, que á fin e o cabo era un home do Antigo Testamento e polo tanto sabía moito de ritos, sacrificios, penitencias e preceptos que había que cumprir, deixa de lado todo isto e respóndelles con toda claridade e ben concretamente: O que tendes que facer é ser bos cos demais. Nada máis e nada menos. Ser xustos, bondadosos con todos. É dicir, exercer de irmáns dos que están arredor de vós. Ou, como adoitamos dicir tantas veces, compartir.
            De entre os tres consellos ou mandados que o Bautista lles formula ós seus oíntes e discípulos non hai sequera un que se refira directamente a Deus. Os tres, para dicilo dunha maneira se queredes algo provocadora, son consellos ou mandados humanos, non “divinos”, é dicir, non referidos directamente a Deus. Velaquí as propostas que lles fai Xoán. Á xente en xeral dilles: “O que teña dúas túnicas, que as reparta con quen non teña ningunha; e que faga o mesmo quen teña que comer”. Polo tanto, de novo: compartir e máis compartir... Ós que teñen o oficio de cobrar os impostos: “Non esixades nada máis do que vos está mandado”. E ós soldados, é dicir, ós militares ou policías dun país daquela sometido política e administrativamente a un poder estranxeiro (o de Roma): “Non asoballedes nin saqueedes a ninguén...”.
            Se isto o podía dicir o Bautista, ¿que non poderá dicir Xesús, aquel do que Xoán dicía que era “máis forte” ca el e do que el non se consideraba digno de lle desatar os amallós do seu calzado? Porque Xesús bautizaranos non con “auga”, é dicir, de maneira puramente ritual, natural  e humana, senón, tal como o anuncia o Bautista, co “Espírito Santo”, é dicir, coa liberdade, o amor e a grandeza do mesmo Deus, que Xesús pola súa parte fará descender sobre nós coma o Espírito do Pai e do Fillo.
            En certo modo, poderiamos dicir que Xesús se converte así en precursor ou presentador do Espírito Santo. Pois é Xesús o que, ó final da súa existencia histórica entre nós, nos mandará o seu Espírito, o Espírito Santo, que encherá cos seus dons a vida dos crentes.
            A espera de Xesús deste tempo de Advento é, polo tanto, unha espera que non pode ser senón alegre e agradecida, porque nese regalo divino do Nadal que Deus Pai lle fai ó mundo e que é Xesús nos chegará o Deus enteiro, o Pai, o Fillo e o Espírito Santo. Por iso é Xesús en definitiva o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”.
            Na oración chamada na linguaxe litúrxica “Colecta” do comezo da eucaristía de hoxe pediámoslle a Deus Pai deste xeito: “Señor, encamiña o noso corazón cara á ledicia do gran misterio do nacemento do teu Fillo”. Que o bo Pai Deus escoite a nosa pregaria.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

Coa confianza de fillos dirixímoslle a Deus Pai a nosa oración, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

- Fai, Pai, que a alegría pola próxima vinda do teu fillo onda nós nos axude a superar e vencer os medos e angustias da vida. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Suscita, Pai, persoas no mundo enteiro que saiban comunicar ós demais a “alegre mensaxe” do teu fillo Xesús. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Move, Pai, os corazóns de crentes e non crentes a seren solícitos e xenerosos na súa axuda a cantos precisan de ben materiais ou espirituais no desenvolvemento da súa vida. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
                                                                                           

   Manuel Cabada Castro

Comentarios

Publicacións populares