19 dic. 2015

Domingo 4 de Advento C

DOMINGO IV DE ADVENTO -  CICLO C


Primeira Lectura               Miq 5, 1- 4a
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA MIQUEAS
De ti sairá quen domine a Israel
    
Isto di o Señor:


E ti, Belén de Efratah, tan pequeniña entre as familias de Xudá,
de ti vai saír un que será o soberano de Israel;
a súa orixe é desde antigo, desde os días do comezo.
El seranos conservado para sempre, mentres haxa muller que dea a luz;
o resto dos seus irmáns volverá,
e serán devoltos os fillos de Israel.
Manterase firme e pastoreará co poder do Señor,
coa gloria do nome do Señor, o seu Deus,
e cando se instalen ata o mesmo cabo da terra, estenderá a súa grandeza:
"o da Paz" será o seu nome.

 Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus
                                                                                                                                            


SALMO RESPONSORIAL             Sal 79, 2ac e 3b. 15-16. 18-19
R/. (4): Restáuranos, Deus; que brille o teu rostro e seremos salvos.

Escoita, pastor de Israel,
que guías o rabaño de Xosé;
ti que sentas sobre os querubíns,
esperta o teu poder e ven salvarnos.

Vólvete, Deus dos exércitos,
olla desde o ceo e fíxate,
ven visita túa viña,
a videira que plantaches coa túa man,
o bacelo que ti fortaleciches.

Que a túa man protexa o teu elixido,
o home que ti fortaleciches.
Non nos afastaremos máis de ti;
dános vida de novo, e invocaremos o teu nome.
      
                                                                                                                                      

Segunda Lectura           Hebr 10, 5-10
LECTURA DA CARTA AOS  HEBREOS
Velaquí veño para face túa vontade
  
Irmáns:
Cando Cristo entra no mundo, di:
"Sacrificio e ofrenda non os quixeches,
pero formáchesme un corpo;
os holocaustos e os sacrificios de expiación
non che gustaron; entón dixen:
Velaquí que vin, meu Deus,
para face túa vontade
‑como se di de min nun capítulo do libro"‑.
Di no comezo:
"Sacrificios, ofrendas, holocaustos e víctimas de expiación, nin os quixeches nin che gustaron" (todos eles ofrécense segundo a Lei); e di despois: "Velaquí que vin para face túa vontade".
Desbota o primeiro para afirmar o segundo. E por esta vontade de Deus quedamos santificados dunha vez por todas coa ofrenda do corpo de Xesús Cristo.
                                                                                                                                            
  Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus



ALELUIA     Lc 1, 38 
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Velaquí a escrava do Señor,
cúmprase en min o que dixeches.
Aleluia.


Evanxeo                 Lc 1, 39-45
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor?
  
Naqueles mesmos días, saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha cidade de Xudá.
Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre, e Isabel quedou chea de Espírito Santo e exclamou a grandes voces:
‑ Bendita ti entre as mulleres, e bendito o froito do teu ventre. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor?
Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, o neno brincou de alegría no meu ventre. Ditosa aquela que creu, pois hase cumprir canto lle anunciaron de parte do Señor.

 Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo



Deus móstrasenos, non se agocha. A pesar das dificultades e problemas; por moito que nos veña a tentación de darlle as costas, El segue a confiar en nós para ofrecernos a súa misericordia  -  4º advento C 2015

SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a derradeira silueta: os avós e as avoas. Con ela completamos o cadro que ao longo do tempo de Advento invitounos a reflexionar sobre a realidade das nosas familias; para que fosemos descubrindo que a familia ha ser o centro desde o que comecemos a aprender a vivir a misericordia que nos ofrece o Deus Neno que chega e chama, para quedar nas nosas casas.

POWER POINT


CANTO GOZOSO
·         ENTRADA: Volve, Señor                          
·         LECTURAS: Señor Xesús, bendito sexas
·         OFERTORIO: Pan do ceo, pan de vida   
·         COMUÑÓN: Vén axiña visitarnos 


ESCOITA ACTIVA
Chega a paz. Non ten outro nome. Non quere ser Deus de guerra, violencia, enfrontamento ou poder. El é a paz. A paz que camiña na xustiza, a paz que trae igualdade, a paz que acolle e non diferenza. Sendo tan clara a súa mensaxe, por que nos empeñamos en enturbala e enchela de sombras coas que poñemos por diante os nosos intereses no canto do seu proxecto de igualdade, dignidade e misericordia? 
Deixemos que El remova os nosos corazóns para que latexen na acollida e escoita. E que a nosa celebración nos axude a saír dela cheos da forza que non recúa ante as dificultades nin se deixa levar polo que todos fan. Abramos camiños novos que mostren o rostro misericordioso de Deus! 


CORAZÓN MISERICORDIOSO 

·         Porque deixamos que a tentación da desgana nos venza; SEÑOR, QUE DEIXEMOS ATRÁS O NOSO EGOÍSMO. 
·         Porque investimos moito tempo no superficial e desaproveitamos o necesario; CRISTO, QUE DEIXEMOS ATRÁS O NOSO EGOÍSMO. 
·         Porque nos pode a comodidade e afastámonos do que nos esixe esforzo; SEÑOR, QUE DEIXEMOS ATRÁS O NOSO EGOÍSMO.


OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Cantamos moitas veces nas celebracións que o “ pouco con Deus é moito”. E algo así é o que tamén nos vén dicir a lectura do profeta Miqueas que acabamos de escoitar.Se contemplamos o mundo e o xeito de actuar de tantas persoas nel, esta é unha palabra que vai contracorrente. Poderiamos preguntarnos, no caso que só miraramos as cousas do lado dos triunfadores e dos que teñen poder: como Deus se vai facer presente nos perdedores, nos esquecidos, nos que nada teñen, nos que non se espera nada deles, nos... porque unha e outra vez nos teñen ensinado, e vémolo tamén nos medios de comunicación, que a felicidade e o éxito son dos triunfadores, dos que teñen moito, dos que queren sempre máis, dos que non dubidan a recorrer a calquera medio para consegui-lo que queren... Pois mira pon onde, diante desta maneira de ver e facer as cousas, Deus mándanos unha mensaxe diferente: do lugar máis pequeno e escondido, da familia onde non hai triunfo nin éxito, senón traballo e esforzo cotián, de alí é de onde vai xurdir o novo, a esperanza, o que aleda, o que nos fai ser e vivir o máis humanamente posible. De aí, do non éxito e da xenerosidade feita misericordia, vai nacer aquel que nos vén traer algo tan sinxelo, pero tan difícil de entender para quen as claves son outras, como é a salvación. É dicir: a mirada amiga, a calor da amizade, a solidariedade que brota do corazón, o sorriso que se ofrece para compartir... o sentido da vida en esperanza. Por iso ten forza e sentido para nós, os cristiáns, cantar, rezar e crer que o pouco, con El, sempre será moito; namentres telo todo non asegura nin a felicidade nin a alegría que só pode saír do corazón.

E este Deus que se nos mostra, que non se esconde, nin lle volve a cara aos problemas que imos tendo é o Deus no nome de quen nos reunimos para sentir a súa forza e celebrar que teña respectado a nosa liberdade; que nos teña invitado a crecer na autonomía; que nos siga a dar unha e outra vez oportunidades. Este é o Deus que se aleda cando nos esforzamos por vivir nun ambiente familiar onde, inda que non haxa luxo nin riqueza, hai amor, respecto, escoita e capacidade de ofrecerse como man para camiñar cara adiante e corazón incapaz de ignorar que só compartindo e axudándonos podemos e seremos capaces de entender que non é no xeito de facer as cousas, esquecendo ás persoas e poñendo no centro as ganancias; tal e como fan os que só entenden as relacións como poder e dominio, senón na xenerosidade, na gratuidade de quen comparte ou na reivindicación xusta e solidaria que se une nunha soa voz para denunciar todo atropelo das persoas, e promove a escoita activa e transformadora de actitudes e comportamentos que non se deixan vencer polo medo, senón que afrontan as dificultades e os retos, desde a loita de  todos.  Só  así poderemos acadar outro mundo posible, distinto. Para iso necesitamos converternos neste tempo de Advento; pois Xesús non é unha figura tenra nun nacemento, senón a presenza que  denuncia  todo sometemento e abuso. Aí ha estar sempre a nosa voz.

Por iso e para iso segue a visitarnos, non só por Nadal, senón sempre. E se estamos dispostos a facerlle oco seremos tamén ditosos e benditos, como o foron María e Sabela. Elas, mulleres nun mundo de homes, superaron prexuízos: unha xa era moi maior para ter fillos, e a outra ía ter un fillo sen vivir aínda co seu home. Pero non tiveron medo nin se deixaron levar das presións sociais e externas. Este é o reto hoxe para cantos queremos ser e vivir en familia: romper os estereotipos que moitas veces nos presentan dicindo que todo ten data de caducidade, tamén as familias, e afrontemos o reto de mostrar que desde a confianza no Deus que chega, e ao que estamos dispostos a abrirlle a porta e invitalo a pasar. Ás dificultades, que serán e virán, seremos capaces de facerlle fronte. E diante do medo ao que dirán, comezará a agromar o amor, por riba dos papeis e do que sempre se fixo, para mostrar que cando Deus está polo medio, os problemas non desaparecen, pero a esperanza alenta a que é posible loitar por superalos.

FRATERNIDADE ORANTE
Como Sabela e María, tamén nós queremos seguir poñendo a confianza en Deus,e por iso xuntos dicimos:
SEÑOR, QUE OS PREXUÍZOS NON MATEN A NOSA ESPERANZA

Para que Igrexa, seguindo o guieiro de Xesús, e acollendo a invitación do papa Francisco de crecer en misericordia, practique o perdón e venza os seus prexuízos de querer xulgar sempre todo a todos, OREMOS.
SEÑOR, QUE OS PREXUÍZOS NON MATEN A NOSA ESPERANZA
 Para que nas parroquias esteamos dispostos a poñer en práctica o que lle pedimos ao papa, bispos e curas, e sexamos comunidades xenerosas, solidarias e misericordiosas, OREMOS.
SEÑOR, QUE OS PREXUÍZOS NON MATEN A NOSA ESPERANZA
Para que nós nos deixemos enchoupar do espírito de misericordia que cambia os nosos corazóns e esíxenos poñer en práctica a compaixón desde o saber estar ao lado dos que vemos e sabemos máis necesitados, OREMOS.
SEÑOR, QUE OS PREXUÍZOS NON MATEN A NOSA ESPERANZA

Grazas, Señor, por invitarnos a vivir na misericordia e con misericordia, facendo o esforzo por superar prexuízos e achegar esperanza. P.X.N.S. Amén.


MIRADA ESPERANZADA
Deus comeza sempre polo corazón...
Pero acaba baixando aos pés.
Mellor dito: Deus ponlle pés ao corazón...
María recibiu do anxo a nova de que a súa curmá,
xa moi maior, ía ter un fillo.
Non fixo falta máis: púxose en camiño e alá foi.
O amor descobre as necesidades dos demais.
O amor non necesita que ninguén lle pida favores.
O amor non necesita que alguén lle pida axuda.
María non esperou a chamada de Sabela. Foi.
Porque o amor non espera.
Onde está a mirada, o amor pasa do corazón aos pés.
E o amor pon en camiño ao corazón.
O corazón pon présa nos pés.
Amor, corazón e pés fanse servizo para os demais.
Que, do mesmo xeito que fixo María,
saibamos ir sen que nos chamen,
abrir sen que peten
e acompañar sen que nolo digan.
                            
           (Parafraseando o texto da p.74 do libro de Cáritas)


No hay comentarios:

Publicar un comentario