Domingo da Sagrada Familia

DOMINGO DENTRO DA OITAVA DE NADAL
A SAGRADA FAMILIA: XESÚS, MARÍA E XOSÉ


Primeira Lectura    Sir 3, 3-7. 14-17a  (gr. 2-6. 12-14)
LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
Quen teme o Señor honra os pais
  
            O Señor honrou o pai máis cós fillos
e afincou o dereito da nai sobre o dos nenos.
            Quen honra a seu pai redime as culpas.
Quen enxalza a súa nai é coma quen atesoura.
            Quen honra a seu pai gozará dos fillos
e cando vaia pregar será atendido.
            O que respecta o pai terá vida longa
e quen obedece ao Señor daralle consolo a súa nai
            Meu fillo, persevera no honrar a teu pai,
non o desatendas nos días da túa vida.
            Aínda que perda o xuízo, tenlle miramento
e non o aldraxes todo o tempo que viva.
            O ben que se lle faga a un pai non será borrado,
hache valer como compensación do pecado;
            No día da proba teráseche en conta;
coma coa calor a xeada esluiranse as túas culpas

 Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL           Sal 127, 1-2. 3. 4-5.
R/. (cf. 1): Ditosos os que temen o Señor e van polos seus camiños.

Ditosos os que temen o Señor,
os que seguen os seus camiños.
Comerás do traballo das túas mans,
serás ditoso, serás afortunado.

A túa muller coma parra fecunda
no interior da túa casa;
os teus fillos coma gromos de oliveira
arredor da túa mesa.

Así será bendito
o home que teme o Señor.
Que o Señor te bendiga desde Sión,
que goces coa prosperidade de Xerusalén
todos os días da túa vida.


Segunda Lectura        Col 3, 12-21
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Vida familiar na presenza do Señor
  
            Irmáns:
            Como elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns aos outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós.
            E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva á perfección. Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. E sede agradecidos.
            Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas.
            E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle grazas a Deus Pai por medio del.
            Mulleres, sede dóciles aos vosos homes como cómpre a unha muller cristiá. Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspetos con elas.
            Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ao Señor. Pais, non asoballedes os vosos fillos, para que non saian coitados.

 Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Col 3, 15a. 16a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Que a paz de Cristo reine nos vosos corazóns;
que a palabra de Cristo habite de abondo en vós.
Aleluia.


Evanxeo:   Lc 2, 41-52
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Xesús é encontrado polos seus pais no medio dos doutores
  
            Polas festas da Pascua, os pais de Xesús ían todos os  anos a Xerusalén. E así, cando el tivo doce anos, subiron á festa conforme a tradición. Pasados aqueles días, cando eles volvían, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que os seus pais se decata­sen.
            Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos; pero como non deron con el, volveron buscándoo a Xerusalén.
            Ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores, escoitándoos e facéndolles preguntas. A súa intelixencia e as súas contestacións deixaban asombrados a cantos o escoitaban. Cando o viron seus pais, ficaron moi impresionados; e a súa nai díxolle:
            ‑ Fillo, por que te portaches así connosco? Mira que teu pai e mais eu andabamos cheos de angustia en busca túa.
            E dilles el:
            ‑ Por que me buscabades? Non sabiades que eu teño que estar na casa de meu Pai?
            Pero eles non entenderon o que lles dicía.
            Baixou con eles a Nazaret, e estáballes sometido. A súa nai conservaba todas estas cousas no seu corazón.
            Xesús medraba en sabedoría, en idade e en graza diante de Deus e mais dos homes.


  Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo


grazas, Señor, por mostrarnos que é desde a calor da familia onde podemos atopar o acubillo que nos alenta e anima a pesares da nosa teima de derruír a “casa común” que nos invitas a coidar e termar - Sgda. familia - C -  2015

SINAL DO NADAL
No momento do ofertorio pedímoslle a uns nenos, a uns mozo/as (onde os haxa), a uns pais e a uns avós, que acheguen como ofrenda as chaves das súas casas. Con este xesto queremos poñer de manifesto que poñemos a nosa confianza en Deus, abríndolle a nosa intimidade, a nosa casa, invitándoo a entrar e a quedar nela.

POWER POINTS


CANTO AGRADECIDO
      ENTRADA:  Temos unha festa
      LECTURAS:  Ti es camiño e verdade
      OFERTORIO:  Pan do ceo              
      COMUÑÓN:  Eu soñei /O amor é o meirande


ESCOITA ACTIVA
Familia e misericordia son dúas palabras que fan bo xuntoiro. É na familia onde todos comezamos a ver, sentir, manifestar, comprender e vivir o que é a misericordia. Na familia axúdasenos, anímasenos, escoitásenos, perdóasenos, ensínasenos, acompáñasenos... e sempre sen rancor nin segundas intencións, polo que podemos dicir que a familia é a primeira escola da misericordia.
Neste domingo no que toda a Igrexa celebra a festa da Sagrada Familia, invítasenos a, poñendo os ollos na familia de Nazaret, loitar cada día para que tamén as nosas familias, como o foi a de Xesús, María e Xosé, sexan berces de misericordia desde os que crezamos e maduremos aprendendo a comprender, vivir e practicar a necesidade de saber poñernos no lugar do outro/s. Quen entende a experiencia de familia como escola de misericordia, entende tamén por que os cristiáns cremos, rezamos e cantamos que facer dun mundo un fogar é posible. Pero necesitamos cambiar, para que iso sexa posible, os nosos corazóns e as nosas miradas, non sempre limpas.
Que esta celebración sexa unha experiencia de misericordia que nos dea folgos para levar ás nosas familias a xenerosidade misericordiosa de quen escoita, ama e perdoa.

FRATERNIDADE ORANTE
- Por non ter sido, no seo das nosas familias, motores de misericordia; 
                        SEÑOR, QUE APRENDAMOS DE TI A SER MISERICORDIOSOS.
- Por esixirlle aos demais a misericordia que nós lle negamos a quen nola pide;
                       CRISTO, QUE APRENDAMOS DE TI A SER MISERICORDIOSOS.
- Por non poñer gañas e esforzo para que as nosas familias sexan fogares onde sentirnos queridos e axudados;             
                            SEÑOR, QUE APRENDAMOS DE TI A SER MISERICORDIOSOS.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·      Ao longo de todo o Advento, a nosa particular coroa fómola conformando coas siluetas que ían mostrándonos as diferentes xeracións que conforman as nosas familias. Deste xeito, nenos, mozos, pais e avós foron aparecendo nestas catro semanas para invitarnos a responder á pregunta sobre cal é a nosa contribución para conseguir que as nosas familias sexan berces de misericordia. Seguro que todos fixemos ese esforzo, e seguro tamén que algo nos teremos clarificado respecto ao que fixemos, ao que non fixemos e ao que nos falta por facer para acadar ese obxectivo de converter a misericordia en eixo fundamental desde o que formular o desenvolvemento da cada unha das nosas familias, porque sen a misericordia o amor vólvese ritualismo baleiro, papel de agasallo; pero non agasallo propio. A Igrexa, ao querer celebrar despois da festa de Nadal o día da Sagrada Familia, e como tal o día de todas as familias cristiás, invítanos a que o foco das nosas preocupacións e das nosas esperanzas non o saquemos fóra de canto temos máis preto e co que convivimos cada día: a familia. Nela somos alentados, acollidos, escoitados, queridos, con tenrura e agarimo. E neste espazo tan marabilloso; pero tan complexo, cada un de nós ten a súa, temos a nosa, tarefa. Unha tarefa da que non debemos/podemos desenganchar, porque todos somos importantes, tamén necesarios. Ben é verdade que aquí non hai ideais irrealizables e frustrantes, senón o día a día cos seus luscos e fuscos; pero tamén un día a día onde sabemos que sempre se nos vai prestar atención. Ou debera ser así. A pouco que pensemos sobre esta realidade tan achegada e nosa, da que ninguén escapa, sobre a que nos invita hoxe esta festa da Sagrada Familia que pensemos, descubrimos que nin somos indiferentes nin descoñecidos uns para cos outros. Tendo diante noso o lenzo e os materiais cos que facer esta obra de arte, non deixemos que a responsabilidade de elaborar este cadro da nosa familia, a fagan outros por nós. Ha ser o cadro que nunca nos faga esquecer que na familia nacemos á vida e ao mundo; e nela están as raíces de cada un de nós. Traballar para que sexamos berces de diálogo e escoita, e non hoteis de indiferenza e tarxeta de crédito, por moi ilimitada que esta sexa no gasto, ha ser a nosa tarefa, pois so así conseguiremos:
       Honrala, e con ela seguir as pegadas da familia de Nazaret
       Facela  rostro  concreto e permanente de misericordia
       E  superación de medos e angustias, que vindo sempre ás nosas vidas, dificilmente poderemos superalos cando estamos á dureza do pairo, pero que seremos capaces de afrontar e superar desde o amor vivido na esperanza de que se sabe plural e respectado na súa pluralidade.
A isto é ao que nos invita hoxe a Igrexa. Fagamos desta tarefa un canto de respecto e recoñecemento, para que nas nosas familias traballemos para ser felices.

FRATERNIDADE ORANTE
Invítanos Deus a poñer a mirada orante na familia, para que coa súa axuda e o noso esforzo, sexan fogares de misericordia. Poñendo nel a nosa confianza, dicimos:
AGARÍMANOS COA TÚA TENRURA MISERICORDIOSA
      Para que a Igrexa, ademais da palabra, moitas veces retórica, se esforce por ser unha verdadeira familia onde non se xulgue nin condene, senón se eduque na responsabilidade, OREMOS.
AGARÍMANOS COA TÚA TENRURA MISERICORDIOSA
      Para que as nosas parroquias rompan as rutinas e costumes, e descubran que o Deus de Xesús o que nos chama a ser é verdadeiros berces de acollida, coidado e cariño duns para cos outros, OREMOS.
AGARÍMANOS COA TÚA TENRURA MISERICORDIOSA
      Para que cada un de nós poñamos todo da nosa parte para que as nosas familias non sexan hoteis nin pensións, senón berces onde aprendamos a escoitar e a que nos escoiten, a perdoar e a pedir perdón; a axudar e a deixarnos axudar, OREMOS.
AGARÍMANOS COA TÚA TENRURA MISERICORDIOSA
Grazas, Señor, por invitarnos a facer das nosas familias vivencias profundas de amor, perdón e misericordia. P.X.N.S. Amén.


MIRADA ESPERANZADA
Nas últimas décadas tense producido unha ruptura na transmisión da fe cristiá no pobo católico.É innegable que moitos se sintan desencantados e deixen de identificarse coa tradición católica, que son máis os pais que bautizan aos seus fillos e non os ensinan a rezar, e que hai un certo éxodo cara outras comunidades de fe. Algunhas causas desta ruptura son:a falta de espazos de diálogo familiar, a influenza dos medios de comunicación, o suxeitivismo relativista, o consumismo desenfreado que alenta o mercado, a falta de acompañamento pastoral aos máis pobres, a ausencia dunha acollida cordial nas nosas institucións, e as nosas dificultades para recrear a adhesión mística da fe nun escenario relixioso plural.
(Francisco, Evangelii gaudium, nº 70)

Comentarios

Publicacións populares