Ficha e Lectio - María, Nai de Deus (1 de xaneiro)







LECTIO:

 SANTA MARÍA NAI DE DEUS 
(Ano C: 1 de xaneiro 2016)

            Cansados como estabamos ata as doce da noite pasada co ano vello e cheo de días que levabamos ó lombo, agora seguramente andaremos máis lixeiros co pequerrexo ano que levamos no colo e que se chama 2016.
            Si. Todos temos, dunha forma ou doutra, esa experiencia do tempo que pasa e que vai pasando con nós. Se non houbese anos que contar, noite vella e aninovo, abrentes e solpores, noites e días, resultaríanos menos doado dármonos conta do paso do tempo.
            Moitos filósofos, pensadores, físicos teóricos, etc. intentaron e intentan saber en que consiste realmente o tempo. O malo é que nós estamos tan identificados con el que nos resulta difícil velo, coma quen di, fóra ou diante de nós, a una certa distancia, para podérmolo contemplar así en si mesmo se é que tal cousa for posíbel.
            Dicimos que Deus vive na súa propia eternidade e que nós vivimos no tempo. O caso é que este Deus que chamamos intemporal se meteu, no seu Fillo Xesús do Nadal, no tempo. De maneira que, irmáns como somos de Xesús e participantes así da súa divindade (como nos di a propia liturxia), temos todos algo de temporais e algo de eternos. Somos persoas humanas e, coma tales, limitadas, mais tamén entendemos dalgunha maneira iso de sermos eternos e, ademais, querémolo ser. A quen non lle gustaría vivir cen, mil, un millón de anos, vivindo ademais, como se adoita dicir, cunha boa “calidade de vida”, sen que parecese –por así dicilo- que o tempo pasa por un?
            Con isto o que quero dicir é que, ó rematar un ano e dar comezo o novo, deberiamos darlle grazas a Deus por permitirnos asomarnos ó balcón soleado deste Aninovo, podendo así un ano máis ollar con esperanza cara ó futuro. Grazas e, tamén, pedirlle perdón porque hai moita contaminación no mundo para podermos chegar limpos de po e palla ata o final do ano. Se o xusto peca sete veces, cantas máis veces non teremos pecado nós, que tampouco podemos fachendear de xustos, pois isto mesmo sería xa un pecado máis a engadir ós que xa temos....
            Á altura deste comezo do Aninovo, é sempre bo tamén botarlle unha ollada ás tarefas, proxectos ou angueiras que se nos presentan ou poden presentar nel. Para vermos se están ou non en liña con aquilo que somos ou queremos ser. É moi posíbel que a todos nos conveña medrar aínda máis no senso da nosa común fraternidade, derivada de sermos e sentírmonos fillos dun mesmo Pai, do noso común Pai Deus. Polo menos cara a isto parece apuntar a Segunda Lectura de hoxe, tomada da carta do apóstolo Paulo ós Gálatas. Dinos nela Paulo que Deus Pai nos mandou o seu Fillo, nado dunha muller, para deste xeito podérmonos converter en fillos “adoptivos” de Deus;  e que por iso todos podemos invocar a Deus chamándoo “¡meu Pai!”; e que de aquí provén tamén o feito de que sexamos de verdade “herdeiros” das grandezas e riquezas de Deus Pai. “Por seres fillo –dinos a cada un de nós Paulo- es tamén, grazas a Deus, herdeiro”.
            A carta ós Gálatas de Paulo é unha grandiosa e persistente loa da “liberdade”. É bo lembralo a comezos de ano. Por moito que algúns pensen que os cristiáns estamos sometidos a un Deus ameazador, a verdade é que temos dereito e razóns para considerármonos ben libres. Libres no noso comportamento e na nosa relación con Deus e con todos. Dínolo Paulo de maneira clara nesta súa carta de hoxe: “Ti xa non es escravo, senón fillo”.
            Por iso este día primeiro de ano é tamén o “Día Mundial da Paz”. E está claro que non pode haber “paz” onde hai asoballamento ou escravitude. Un cristián no debería endexamais aturar ser “escravo” de ningún Deus nin de ningunha persoa humana, sexa esta quen sexa. Deus fíxonos en Xesús libres e quérenos así.
            Naturalmente, esta liberdade non é unha liberdade calquera. A liberdade cristiá é, de maneira paradoxal, a liberdade de quen libremente se fai “escravo” dos demais en servizo e amor a eles. Este tipo de “escravitude” si que é boa. Exerceuna o noso irmán maior, Xesús, durante toda a súa vida e de maneira simbólica lavándolles os pés ós seus discípulos na derradeira cea. É a liberdade dunha Teresa de Calcuta, que se fixo voluntariamente escrava de asoballados e desprezados, e a de tantas outras persoas (cristiáns ou non) que intentaron e intentan crear liberdade por onde queira que van facéndose libremente escravos dos demais.
            No mundo pertencemos todos a unha mesma familia en canto fillos dun mesmo Pai Deus. Se o noso irmán maior Xesús non quixo nacer nunha casa normal, senón nunha corte, e morrer nunha cruz en vez de nun leito de rosas sería seguramente para que ningún desgraciado deste mundo despois del puidese dicir que Xesús non é seu irmán.
            Deus quixo facerse en Xesús fillo dunha nai humana. Por iso celebramos hoxe tamén a festividade de Santa María, “Nai de Deus”. Parece imposíbel que se poida falar con verdade e case sen contradición dunha “Nai de Deus”. Pero é que para Deus, unha vez máis, “non hai imposibles”. Parécenos imposíbel que Deus se faga un ser humano coma nós en Xesús, e, a pesar de todo, ese é xustamente o “misterio” central da fe que profesamos.
            Renovando coa graza de Deus a nosa fe nel, comecemos este Aninovo coa alegría do Espírito de Deus e a beizón do Pai e do Fillo. E, deste xeito, que a Santísima Trindade de Deus presida tódolos días deste novo ano 2016, que desde hai só doce horas nos acompaña. E moitas felicidades tamén ós que celebrades hoxe o voso onomástico: ós que se chaman Xesús ou Xesusa, Manuela ou Manuel, Salvador, María, etc. etc.! Que Deus nos bendiga a todos!

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:
            Deus Pai, Señor do tempo e da eternidade, que nos concedes celebrarmos o comezo deste novo ano 2016, dirixímosche a ti a nosa oración dicindo: 
ESCÓITANOS, PAI. TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

            - Protéxenos, Pai, ó longo deste novo ano de todo mal e de toda malicia na nosa vida e no noso comportamento. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Pedímosche, Pai, pola paz en tódolos pobos e nacións, para que así chegue á súa plenitude a conciencia de sermos fillos teus e irmáns entre nós: 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Concede, Pai, a cantos sofren persecución ou inxustiza no mundo vérense libres de todo mal. TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

            Pedímoscho, Pai, por mediación do teu fillo Xesús, que puxo a súa tenda entre nós para así salvarnos e liberarnos a todos. Amén.


                                                                                              Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

Comentarios

Publicacións populares