Ficha e Lectio - Dom 27 Ordinario C




LECTIO: 

A vida da fe. O compromiso da fe nunha sociedade plural e cada vez máis secularizada. Crer ou non crer. A cuestión non está en saber se o noso tempo crerá ou non, senón en que crerá. Imos cara a unha relixiosidade na que cada un fabrica os seus deuses ao seu propio gusto, adaptándoos ás necesidades propias. Xa dicía Chesterton para describir o paradoxo actual: «Cando os homes deixan de crer en Deus, 
non é que non crean en nada. Cren en calquera cousa». 

Vivimos tempos difíciles, de profundas crises. Tempos dunha certa escuridade que nos levan a preguntarnos moitas veces pola luz, polo sentido das cousas, pola vida. O primeiro que temos que preguntarnos é se aínda temos fe. Se en determinados momentos da nosa vida a resposta parece fácil, noutros non o é tanto. Que é crer? Por que creo? Temos fe ou unha serie de crenzas? 

O seguidor de Xesús é convidado a asumir que as interrogantes actuais son unha ocasión para pór de relevo a radical novidade do evanxeo. O crente é convidado a reafirmar que «a fe fai pensar, é portadora de sabedoría e dunha comprensión da realidade de Deus, da humanidade e da historia. A fe pode contribuír a solucionar os grandes retos aos que se enfronta a nosa sociedade... Sen pretender resolver todos os problemas, esta fe cristiá implica unha revelación do home, da súa liberdade e responsabilidade ante 
este mundo que hai que pensar e construír». Todas as dificultades reais que temos hoxe para crer, 
hannos de conducir a facer un balance da nosa fe, a reencontrar a súa fonte, o seu dinamismo e o seu obxectivo último. Se o crente sente desde a fraxilidade da súa vida a necesidade dunha luz permanente, dun aumento de fe, tecida desde todas as dificultades e escuridades da vida, é que segue necesitando crer na Boa Nova que lle dea razóns para vivir, para atreverse a amar e para esperar o futuro. 

A fe. Sempre a fe. Auméntanos a fe, aumentar a luz. 
Unha fe que non é un ter, senón unha maneira de ser, unha maneira de acoller unha presenza que, ás veces, preséntese tan próxima, pero que, ao instante, se escabulle. 
A fe. Sempre a fe. Tantas cousas! 
Acollida e espera, no mesmo corazón do crente unha longa viaxe. «A fe é unha longa viaxe, durante o cal as noites suceden aos días, as luces das albas ás escuridades crepusculares e, a maioría das veces, camíñase a media luz. A fe non é un golpe de varita máxica que acabe cos lentos tanteos da nosa intelixencia e da nosa liberdade. Esta é precisamente a grandeza e a fraxilidade da nosa fe». 
«Auméntanos, Señor, a fe»: 
que saibamos descubrirche no noso ser, na vida, nos homes, na Igrexa. E que tamén digamos humildemente o da parábola de hoxe: «Somos uns pobres servos, fixemos o que tiñamos que facer». 

VER TAMÉN :
(en varios idiomas, o 2º é o galego)


Comentarios

Publicacións populares