7 oct. 2016

Ficha e Lectio: Domingo 28 ORD C

FICHA:





LECTIO:

DOMINGO XXVIII T. O. 
(Ano C: 9 de outubro de 2016)

            Sabemos, por moitas informacións que recibimos, das traxedias nas que se ven envoltas moitas persoas que do continente africano intentan atopar entre nós, en Europa, unha vida máis digna cá que poden ter nos seus países de orixe ameazados pola pobreza e as guerras. Xente que intenta con dor fuxir dos seus países atafegada pola necesidade e a angustia, mais que se atopan coa oposición ou a indiferenza dos países europeos, que non ven con bos ollos acoller a esas persoas que desde fóra se achegan a nós. Pola súa parte, o que polo menos a inmensa maioría deles pretenden é poder seguir vivindo e dispoñer de oportunidades para axudar as súas familias.
            Estas persoas aseméllanse moito a aqueles impuros, gafos ou leprosos, dos que se nos fala no Evanxeo. Nos tempos de Xesús debían vivir afastados dos lugares normais onde vivían as persoas consideradas decentes. Era xente impura, enferma, pecadora. O pecado estaba unido á súa enfermidade. De modo que ademais de padeceren unha concreta doenza física eran considerados como ritualmente impuros. Con eles había que falar dende lonxe, a voces, tal como tamén eles o fan con Xesús, para lle dicir: “Xesús, Mestre, ten dó de nós”. Non sexa que a súa enfermidade contamine tamén Xesús ou algún dos seus acompañantes.
            Unha vez máis, é tamén Lucas o único dos evanxelistas que tomou nota deste encontro dos gafos con Xesús no seu camiño cara a Xerusalén. Lucas, é dicir, o evanxelista que sempre nos quere poñer diante dos ollos o Xesús liberador, o Xesús que practica a misericordia e a bondade con todos, sexan como sexan, pensen como pensen, falen como falen, sexa da cor que sexa a pel do seu corpo. Xesús fai, polo tanto, con eles o que ten que facer en canto Salvador e Liberador: curalos da súa enfermidade, dicíndolles que vaian presentarse ós sacerdotes. O que significaba ou levaba consigo que antes de presentárense ós sacerdotes ficarían libres da lepra. Pois o que os sacerdotes facían non era máis ca certificar a súa curación para poderen así ser admitidos no seo do grupo das persoas chamadas normais.
            Nos tempos de Xesús non era tarefa doada acabar con esta forte discriminación cultural, social e relixiosa que facía sufrir a tantas persoas. Mais os significativos xestos de Xesús con estas persoas foron poñendo as bases para a supresión ou superación desa inhumana discriminación. De tódolos xeitos, como estamos a ver, nun sitio ou noutro, este tipo de discriminación segue vixente aínda nos nosos tempos. Ós que teñen boa posición económica ou social ábrenselles tódalas portas, mentres que os necesitados, defraudados, endebedados, refuxiados e xente semellante petan ás portas dos poderosos e as portas non se lles abren.
            Sabemos que o papa Francisco criticou algunha vez duramente as repetidas traxedias e naufraxios de persoas que buscan refuxiarse en Europa afirmando simplemente, sen paliativos, sen utilizar unha linguaxe que poderiamos chamar politicamente correcta, que iso “é unha vergonza”. Éo sen dúbida, tendo en conta sobre todo os moitos séculos de cristianismo (polo menos cultural ou oficial) que pasaron xa por Europa.
            De tódolos xeitos, o acento principal do evanxeo de hoxe semella estar nun aspecto complementario, aínda que tampouco moi diferente, do anterior. Refírome á actitude agradecida dun (dun só) dos gafos sandados da súa lepra. Porque resulta que a quen aquí loa e bendí Xesús é tamén un discriminado, un estranxeiro. Efectivamente, aquel que, ó se dar de conta da súa curación, deu volta, antes de chegar onda os sacerdotes, era un samaritano. E un samaritano era para un xudeu coma Xesús (así o formula o propio Xesús no relato de Lucas) un “estranxeiro”. Xa sabemos que os samaritanos eran considerados polos xudeus como doutra raza, doutra relixión.
            Decatámonos así como Lucas pon fortemente de relevo diante de nós que a graza de Deus, que se nos manifesta en Xesús, está aberta, está dirixida, a todos, sen distinción de razas, relixións, culturas ou calquera outra cualificación que aquí queiramos engadir. Tódalas persoas do mundo enteiro (incluído calquera outro mundo descoñecido que poida aparecer no futuro, como o era no seu tempo por exemplo o continente americano), todas elas recibiron, recibimos, dun mesmo e único Deus, Pai de Xesús e de todos, o noso ser, a nosa vida, a nosa común irmandade con Xesús.
            Xa que todos recibimos canto somos e temos deste único Deus, que se nos manifesta bondadoso e misericordioso en Xesús, entón a nosa actitude principal e primeira con este noso Deus debería ser a de agradecemento. É o que tentamos facer nestas reunións comunitarias dos nosos domingos ó celebrarmos conxuntamente a eucaristía, que etimoloxicamente quere dicir acción de grazas, agradecemento.
            Ser agradecidos é sinal de madureza na vida. Ós nenos ou nenas non se lles pode pedir tal cousa porque eles están felizmente convencidos de que todo o que reciben dos demais é algo que simplemente se lles debe. Tanto os queren os seus pais, os seus familiares e amigos. Pero pouco a pouco irán dándose conta do grandiosa e misteriosa que é a vida, de que eles existen porque houbo alguén que quixo que vivisen, que medrasen, que fosen felices. Nenos fomos todos nalgún momento da nosa vida. E como adultos en idade que somos agora e que tentamos selo igualmente tamén na fe, amosemos esta madureza nosa agradecéndolle a Deus ternos dado vida, tanto a que chamamos física ou biolóxica coma a que os teólogos chaman sobrenatural, a vida da graza, a vida da nosa relación filial con Deus e da nosa irmandade con todos.
            Ó gafo curado, o único que expresa o seu agradecemento, dille Xesús: “Vaite. Salvoute a túa fe”. Pois ben, para que Xesús faga honor ó significado que este seu nome ten de “Salvador”, tennos que dar antes esa fe sobre a que Xesús nos di que ela nos salva. Non pensemos que a fe do gafo, loada por Xesús como causa da súa salvación, é unha fe que tirou o mesmo gafo desde o interior de si mesmo, desde as súas propias capacidades naturais. Non. Toda fe é un don de Deus. Igual cá curación da lepra que o gafo acaba de experimentar. Isto quere dicir, polo tanto, que o que Xesús chama “a túa fe” é sempre e ante todo a graza da fe que Deus mesmo pon por medio de Xesús nos nosos corazóns.
            Por iso é bo volvermos hoxe formular conxuntamente a mesma súplica do anterior domingo. Pois só se acadamos o que nela pedimos, poderemos comportarnos agradecidamente con Deus. É a mesma petición que os apóstolos lle facían a Xesús: “Señor, auméntanos a fe”.

ORACIÓN DOS FIEIS
Dirixímoslle a Xesús, fillo benquerido de Deus Pai, a nosa oración comunitaria, tal e como o fixeron os apóstolos, dicindo: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE
TODOS: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.
- Dános, Señor Xesús, unha fe sinxela, fonda e agradecida. 
TODOS: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.
- Apréndenos, Señor Xesús, a practicar nas nosa vidas una fe humilde, decidida e servizal. 
TODOS: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.
- Fai, Señor Xesús, que saibamos valorar e agradecer os grandes beneficios naturais e sobrenaturais recibidos nas nosas vidas. 
TODOS: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.


                                                                                              Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:

No hay comentarios:

Publicar un comentario