Ficha e Lectio - Domingo 1 Coresma C
AVISO IMPORTANTE:
xa quedaron completadas as fichas deste ciclo a semana pasada,
se queredes ver as que corresponden a este domingo e a lectura, pisade na ligazón
E aquí están todas as correspondentes á Coresma C:
LECTIO:
DOMINGO I DE CORESMA
(Ano C: 14 febreiro
2016)
Hai
só catro días, no pasado mércores de cinza, empezabamos o tempo da Coresma, un
nome, o de “Coresma”, que ten que ver (“coresma” – “corenta”) cos “corenta”
días de xaxún que, segundo nos contan os evanxelistas, pasou Xesús no deserto
tras ser bautizado por Xoán Bautista. Sabemos que o dos “corenta” días non hai
que entendelo literalmente, pois trátase dun número simbólico de “plenitude”,
segundo nos din os entendidos. Vén significar algo así coma se dixésemos:
“Xesús foi tentado sempre”. Como
sempre somos tentados todos nós. Ás veces imaxinamos a Xesús tan “divino” que
nos pode resultar case incomprensíbel que puidese ser “tentado” tal como o
somos nós. Mais el era tamén humano, coma nós. Só que moito máis humano e por
iso precisamente moito máis divino. Tan divino que era o fillo benquerido de
Deus.
En
calquera dos tres ciclos da liturxia da Coresma fálasenos sempre no primeiro
domingo (o de hoxe) sobre as tentacións de Xesús. Pois ben, na súa íntima,
persoalísima, relación e comunicación co seu Pai Deus no deserto, Xesús veuse
tentado, pese a todo, polo espírito malo, polo Satán do que nos fala hoxe
Lucas.
O
ser humano, todos e cada un de nós, somos un misterio para nós mesmos.
Atráennos o poder, o prestixio, a fama. Queremos ser máis cós demais. E a estes
pásalles outro tanto. E sabemos que se nos deixamos levar por todo iso, sofren
a irmandade, a fraternidade, a igualdade. Xesús debeulle de dar moitas voltas a
este duro conflito que se produce no interior de todos nós, tamén no seu propio
interior.
Pero
no deserto, na soidade consigo mesmo e en íntima compaña co seu Pai Deus,
chegou Xesús á irrevogábel conclusión de que a vontade do seu Pai era a de
instaurar no mundo un reino de amor e fraternidade. Por iso, o deserto de Xesús
será (a diferenza do deserto de Xoán Bautista) unha etapa só pasaxeira, que o
levaría axiña a traballar directamente xunto cos seus apóstolos e discípulos a
prol da instauración dese reino. Esa é a “boa nova” de Xesús.
Os
evanxelistas que nos describen a peripecia de Xesús no deserto, en loita entre
o falaz convite de Satán ó poder e á fama e a chamada do Pai á instauración dun
reino de fraternidade, fálannos do importante papel que nesa loita xoga o
“Espírito Santo”. É ese Espírito divino o que empuxa, forza, leva a Xesús ó
deserto, algo así como unha poderosa onda dun mar impetuoso nos leva cara a
onde ela quere. É ese Espírito forte de Deus o que clarifica as ideas de Xesús
e o que lle dá forzas así para resistir ás tentacións do mal espírito, do
tentador, do Satán.
Será
ese mesmo Espírito de Deus que o levou ó deserto o que o encamiñará tamén, fóra
do deserto, cara ó encontro cos homes e mulleres do seu tempo. Coa xente normal
e corrente, coas súas necesidades, sufrindo as penurias que lles impoñen
aqueles outros que se deixan levar polo espírito de Satán, é dicir, aqueles
poderosos en cargos, en diñeiro, en prestixio social ou político ós que non
lles importan ren os demais. A toda esa xente, marxinada ou desprezada polos de
arriba, Xesús vailles anunciar a “boa nova”, a “alegre noticia”. Unha boa
noticia, que ten como centro a experiencia de sentírense todos irmáns entre si e
fillos queridos por Deus Pai.
A
Coresma tivo popularmente noutros tempos un sentido algo tristeiro, de renuncia
a certas cousas no comer ou de realización de determinadas prácticas
penitenciais. De aí o contraste popular entre o Antroido destes festivos días
pasados e a austera Coresma na que agora xa estamos. Unha coresma que
liturxicamente empezaba ademais con ese convite, na antiga fórmula da
imposición da cinza, a que lembrásemos que “somos po e que en po nos imos
converter”. Pola contra, a mensaxe da fórmula de imposición da cinza do
mércores pasado é agora moito máis alegre e, tamén, sen dúbida, moito máis
cristiá por concordar mellor coa mensaxe central de Xesús: “Convértete e cre no
Evanxeo”. É dicir, vólvete cara á grande e alegre noticia.
Cal é esa boa nova? Ben o sabemos. Nada máis e
nada menos que a boa, a alegre nova de Xesús mesmo, é dicir, de que Deus está
connosco, de que Deus nos quere como a fillos del que somos, e de que calquera outra
persoa é irmán meu e destinado, igual ca min, a formar parte dun reino de
xustiza, de amor e de paz.
Compráceme
por iso a expresión tradicional galega “Antroido” (ou “Entroido”) máis cá de
“Carnaval”. Porque “Antroido” se refire directamente á “entrada”, á entrada na Coresma. Non hai polo
tanto un “corte” entre o Antroido e a Coresma, tal como se vén representado
popularmente nas troulas e festas do Antroido en contraste co austero rito do
antigo comezo da Coresma de que non somos máis ca po. O Antroido é só a porta
de entrada, alegre e festeira, á ledicia, moito máis fonda e universal, que nos
trae Xesús, cando no novo rito se nos pide que nos convertamos ó “Evanxeo”, é
dicir, ó “bo” ou “alegre” “anuncio” de Deus en Xesús para todos e cada un de
nós.
Precisamente
por ser esta “boa nova” unha boa nova para TODOS e non só para algúns, por iso
–digo- a nosa alegría ten que ser inclusiva e non “exclusiva”. Ten que incluír
nela a cantos poderían sentirse discriminados nas súas vidas, pois eles son tamén
irmáns meus. E eles, eses irmáns meus, non deberían ter motivo algún para me
acusar a min de que non me comporto con eles como un verdadeiro irmán.
Esta
é, pois, a fermosa tarefa que temos diante neste tempo coresmal que acabamos de
comezar. Pidámoslle ó Espírito de Deus que nos empuxe con forza, como a Xesús,
ó “deserto” da nosa conversión a Deus Pai para así podermos chegar a ver e
experimentar a todos como verdadeiros
irmáns nosos. Dá a casualidade, ademais, que neste ano 2016 o primeiro domingo
de Coresma coincide co segundo domingo de febreiro (que é tradicionalmente o
día da Campaña de Mans Unidas contra a fame no mundo). Dunha ou doutra forma
estamos todos ó tanto dos moitos que pasan fame no mundo. Se tomamos en serio a nosa
común fraternidade, é dicir, o feito de que somos fillos dun mesmo Pai, entón
non deberiamos aturar que irmáns nosos pasen fame, pois sen un mínimo de
igualdade non é posible que haxa auténtica fraternidade. Polo tanto, deberiamos
loitar, utilizando os medios que estean ó noso alcance, para que estas
situacións degradantes desaparezan. Convertámonos, pois, en sandadores da
humanidade e non en cómplices da inhumanidade.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
En comuñón e fraternidade mutua, pidámoslle a Deus Pai
que nos conceda espírito de conversión e mans prestas para axudarmos os
necesitados, dicindo: Escóitanos, Pai. Todos:
Escóitanos, Pai.
- Concédenos, Pai, sabérmonos resistir como Xesús ás tentacións
do prestixio ou do poder para dese modo dedicármonos con liberdade á
construción do teu Reino. Todos: Escóitanos,
Pai.
- Dános, Pai, mans e corazóns agarimosos para axudarmos a
aliviar os problemas e angustias dos nosos irmáns necesitados. Todos: Escóitanos, Pai.
- Move, Pai, persoas e gobernos a preocupárense de
verdade por resolver os problemas que levan á praga da fame no mundo. Todos: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario