Domingo 5 de Ordinario C

DOMINGO V DO TEMPO ORDINARIO  
CICLO C



Primeira Lectura     Is 6, 1-2a. 3-8
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Aquí me tes, mándame
  
            O ano da morte do rei Ozías, vin o Señor sentado nun trono alto e levantado. A orla do seu manto enchía o santuario.
            De pé na súa presenza estaban dous serafíns.
            Exclamaban un cara ao outro: "Santo, Santo, Santo, o Señor dos Exércitos: a terra toda está chea da súa gloria!".
            Estremecían os marcos das portas da entrada co seu clamor, e o santuario estaba cheo de fume.
            Eu dixen: "Ai de min! Estou perdido!
Pois sendo un home de labios lixados,
e que vive entre un pobo de labios lixados,
vin cos meus ollos o mesmo Rei, o Señor dos Exércitos".
            Entón un dos serafíns voou onda min;
tiña na súa man unha brasa que collera de enriba do altar cunhas tenaces,
e achegouna á miña boca, dicíndome:
            "Olla: isto tocou os teus labios,
a túa culpa desapareceu, o teu pecado está perdoado".
            Entón escoitei a voz do Señor que dicía:
"A quen mandarei? Quen irá da nosa parte?".
            Entón díxenlle: "Aquí estou, mándame a min".

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 137, 1-2a. 2bc-3. 4-5. 7c-8
R/.  (1c):  Hei cantar para ti diante dos anxos, Señor

Douche grazas, Señor, de todo corazón,
hei cantar para ti diante dos anxos.
Hei prostrarme cara ao teu santo templo.

Dou grazas ao teu nome
pola túa misericordia e a túa fidelidade,
porque a túa promesa
é máis grande cá túa sona.
Cando te chamo, respóndesme
e acrecentas as miñas forzas.

A ti, Señor, darán grazas
todos os reis da terra
cando oian os ditos da túa boca.
Cantarán os camiños do Señor,
pois grande é a gloria do Señor.

Estendes a túa man,
e libérame a túa dereita.
O Señor completará os seus favores comigo.
A túa misericordia, Señor, é para sempre,
non abandones a obra das túas mans.



Segunda Lectura    1 Cor 15, 1-11(máis longa)
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Así predicamos e así crestes vós
  
            Quero que vos acorde, irmáns, o Evanxeo que vos prediquei, que vós aceptastes, no que ficades firmes e polo que vos estades salvando (se é que o gardades tal como volo anunciei; do contrario, a vosa fe sería inútil).
            Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: que Cristo morreu polos nosos pecados conforme ás Escrituras; que o sepultaron, que ao terceiro día resucitou conforme ás Escrituras e que se apareceu a Cefas e despois aos Doce.
            Máis tarde apareceuse asemade a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven, algúns xa finaron. Despois apareceuse a Santiago e logo a todos os apóstolos. En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ao nacido a deshora.
            Pois eu son o menor dos apóstolos, que nin son merecente de me chamar apóstolo, xa que perseguín a Igrexa de Deus; pero pola graza de Deus son o que son, e esa graza que fixo comigo non ficou baleira.
            Ó contrario, traballei máis ca todos eles; aínda que non precisamente eu, senón a graza de Deus que está comigo. Pero, en fin, que sexa eu ou que sexan eles, así predicamos e así crestes vós.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

______________________________________________________________________

Ou máis breve:   3-8. 11
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

            Irmáns:
            Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: que Cristo morreu polos nosos pecados conforme ás Escrituras; que o sepultaron, que ao terceiro día resucitou conforme ás Escrituras e que se apareceu a Cefas e despois aos Doce.
            Máis tarde apareceuse asemade a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven, algúns xa finaron. Despois apareceuse a Santiago e logo a todos os apóstolos.
            En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ao nacido a deshora.
            Pero, en fin, que sexa eu ou que sexan eles, así predicamos e así crestes vós.

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA     Mt 4, 19
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Seguídeme, di o Señor,
e farei que sexades pescadores de homes.
Aleluia.



Evanxeo    Lc 5, 1-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Deixándoo todo, seguírono
  
            Naquel tempo, estando Xesús á beira do lago Xenesaré, mentres a xente se amoreaba ao seu arredor, escoitando a Palabra de Deus, viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban o aparello. Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e desde a barca, sentado, ensinaba á xente.
            Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
            ‑ Voga lago a dentro, e larga o aparello para pescar.
            Respondeu Simón:
            ‑ Mestre, pasamos a noite faenando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.
            Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. Fixéronlles entón acenos aos compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. Vendo isto, Simón Pedro botóuselle aos pés a Xesús, dicindo:
            ‑ Señor, arreda de min, que eu son un pecador.
            Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos con tanto peixe como colleran naquel lance. O mesmo lles pasaba a Santiago e mais a Xoán, fillos de Zebedeo, que eran compañeiros de Simón.
            E díxolle Xesús a Simón:
            ‑ Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes.
            Varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.

  Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



 Porque a verdade pasa por non calar ante o engano, a inxustiza e a corrupción; non deixemos que os nosos labios se pechen e calen diante das mentiras dos que se cren na verdade 
5º TOC 2016



POWER POINTS

CANTO GOZOSO
LECTURAS: Canta, aleluia


ESCOITA ACTIVA
Entre tanta información, tanto micrófono e cámara dispostos a recoller canto pasa no mundo, non é nada doado hoxe en día descubrir e distinguir o que é certo do que non o é; o que é importante daquilo que é secundario; o que verdadeiramente paga a pena prestarlle atención do que non debemos perder ningún tempo porque nos enreda e nos fai perder a perspectiva do fundamental na vida de cada un de nós. Por iso temos que deixar de ser crédulos e non pensar que o primeiro que escoitamos é o bo, o certo ou o importante.
         Noutro tempo, cando a información era pouca e había que buscala de xeito pausado e intentando coñecer a verdade, todos nos esforzabamos en poñer a traballar a nosa capacidade de reflexión para non confundir nin confundirnos. Hoxe isto xa nos vai resultando máis difícil, de aí a necesidade de formarnos para non deixarnos levar da primeira opinión que escoitamos; de poñer as primeiras impresións antes que o discernimento; de non caer no “boísimo” de que calquera cousa vale porque o vin en internet, o escoitei na televisión ou o dixo este ou aquel famoso. Necesitamos contrastar as cousas, facer varias lecturas antes de emitir unha opinión, aprender a distinguir a verdade da suxetividade de quen só busca vendernos algo que lle acabe dando rendibilidade en forma de cartos, prestixio, poder ou votos.
         Porén, para Xesús o importante non estaba no externo, no que fai barullo, senón no interior. El invítanos a ser agradecidos, a aprender a perdoar e a pedir perdón, a transmitir e compartir canto temos experimentado como bo en nós. Nunha palabra: a facer da nosa vida unha experiencia de misericordia humanizadora.
         Acollamos e poñamos no valor das boas obras esta invitación.


CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Por non dedicar tempo a pensar se o que escoitamos responde ou non á verdade dos feitos; SEÑOR, PERDÓN POLAS NOSAS PRÉSAS E XUÍZOS.
·      Por deixarnos lear polos comentarios, moitas veces nada ben intencionados, que descualifican aos demais sen probas nin argumentos; CRISTO, PERDÓN POLAS NOSAS PRÉSAS E XUÍZOS.
·      Polos prexuízos cos que imos construíndo as nosas opinións respecto dos demais, esquecendo que é na misericordia por onde nos invita a camiñar Xesús; SEÑOR, PERDÓN POLAS NOSAS PRÉSAS E XUÍZOS.




OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      Se poñemos atención á lectura da palabra de Deus, tanto nas celebracións como cando buscamos un momento na casa para lela e coñecela mellor, iremos descubrindo que un dos eixos nos que insiste constantemente é o do perdón e cambio de corazón. Porque Deus é perdón, porque ama e acolle, non garda rancor nin busca culparnos nin humillarnos, acentuando a culpabilidade polo que teñamos feito mal. E é neste perdón no que se mostra, no que se vai poñendo de manifesto un camiño que nos invita a percorrer, para que tamén nós fagamos da nosa vida experiencia non de rancor, odio e resentimento, senón de perdón ofrecido e compartido. É verdade que temos que asumir as consecuencias do que teñamos feito mal, pero iso non supón caer no vitimismo de que xa estamos marcados para sempre co estigma da maldade e da incapacidade de cambiar e comezar de novo. É esta unha das características da fe que compartimos que máis lles custa entender e poñer en práctica aos que desde o seu dogmatismo consideran que non se pode esquecer que o perdón é imposible e que a conversión e o cambio nas persoas non é real. Por iso debemos nós, coa nosa vida e xeito de facer as cousas, demostrarlles -tamén demostrarnos a nós mesmos-, que non só é posible, senón que é o único camiño que nos pode facer felices e levarnos a sentírmonos verdadeiramente humanos.

*      El é quen nos manda, o que nos encomenda esta misión. Por iso agradecemos esta confianza ("douche grazas, Señor, de todo corazón") e bendicimos o seu nome a través da posta en práctica das actitudes que van manifestando que o amor, o perdón e a misericordia que Deus manifesta con nós, tamén as podemos manifestar cos demais. Que é posible facelo, que non é unha proposta para poñer nunha vitrina e contemplala. Esta gratitude cara a Deus temos que saber transmitirlla a aqueles cos que compartimos a realidade da nosa vida. Aos que temos máis preto, aos que vemos e cos que tratamos cada día; pero tamén aos que están lonxe, e que aínda sen coñecelos nos van lembrando que Deus non establece fronteiras. En Xesús a universalidade -El foi o primeiro gran globalizador da humanización- faise fraternidade e igualdade entre todos, e por iso non habemos ter medo a colaborar, participar e promover toda causa que busque transmitir que, sendo Deus amor e igualdade, ninguén ha ser tratado con diferenza por ser doutro sitio, ter outra cor de pel ou ter crecido noutra cultura. Aquí reside o propio da fe cristiá, o que podemos ofrecer como distinto das mensaxes planas e repetitivas que escoitamos cada día que falan de diferenza, exclusión e rexeitamento cara a quen vén buscando vida digna e trato humano e respectuoso... como se no canto deles, foramos nós, como noutro tempo fomos, os que buscaramos iso mesmo. Transmitir a experiencia de Xesús non é logo contar historias do pasado, senón converter os eixos do Evanxeo en actitudes e comportamentos que non discriminen nin penalicen, senón que escoiten, acollan e convertan a salvación nunha experiencia de amor e misericordia. Aquí e así, como noutro tempo o fixo Paulo, é onde temos que mostrar e confesar a fe: transmitir o recibido.

*      Como El tamén foi transmitindo co seu xeito de facer as cousas o que quería que recibiran aqueles que andaban ao seu carón. Ensinaba con confianza -"xa que ti o dis"- removía a quen o vía e escoitaba, non resultaba indiferente o que percibían nel -"quedaron parvos"- o que facía que responderan seguíndoo, para aprender del e transmitir canto foran descubrindo no seu actuar. Por iso tamén nós podemos preguntarnos se na relación con Xesús imos crecendo en confianza; se facemos do noso tempo palabra que alenta, sorriso que anime e trato xusto e igualitario cos que imos topando no acontecer de cada día. Os apóstolos, porque viron que aquí estaba a forza e o sentido da súa vida, dinos o evanxeo que o seguiron. Nós tamén o estamos a seguir?


FRATERNIDADE ORANTE
Na verdade na que nos invita sempre a camiñar Xesús aparece o trato e respecto das persoas como centro e guieiro desde o que rezar e vivir. Dispostos a responder coa nosa vida a esta invitación, dicimos:
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA CONFIANZA
*      Sempre dicimos que todos somos Igrexa, que Xesús é a nosa forza, que nel atopamos a esperanza. Para que estas palabras non soen ocas nin baleiras, pedimos que a forza da túa presenza siga actuando en nós para que o noso corazón non sexa de pedra, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA CONFIANZA
*      A todos se nos enche a boca coa palabra comunidade, pero moitas veces esquecemos que iso suponnos ser persoas que nos axudamos, buscamos a colaboración facendo cousas para todos, ou somos capaces de renunciar a un pouco do noso para que outros poidan ser, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA CONFIANZA
*      Falamos de compromiso pero non estamos dispostos a mover un só dedo, para que nos comprometamos a non facer do Evanxeo algo teórico, senón alento, forza e esperanza da nosa vida, e ser así testemuñas do que nos invitas a crer e vivir, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA CONFIANZA
Grazas por lembrarnos que só vivindo o que cremos estamos a responder a túa invitación. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
“Eu creo, Señor; eu quero crer en ti”. Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
Todos:  Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe
-       “Señor, fai que a miña fe sexa  PLENA:  sen reservas, e que enchoupe o meu pensamento.
Todos:  Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe
-       Señor, fai que a miña fe sexa  LIBRE: sen medo nin vergoña, que sexa coherente no meu actuar.
Todos:  Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
-       Señor, fai que a miña fe sexa  CERTA: certa pola confianza e o convencemento á hora de vivila nas cousas de cada día.
Todos:  Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
-       Señor, fai que a miña fe sexa  FORTE: que non se deixe levar nin polas presións nin polas burlas que outros me puideran facer por ser o teu seguidor.
Todos:  Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
-       Señor, fai que a miña fe sexa  ALEGRE e comunique paz e gozo, esperanza e capacidade de acollida sen facer distincións entre as persoas.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
-       Señor, fai que a miña fe sexa ACTIVA: que sexa verdadeira amizade contigo e cos demais,alimento permanente de esperanza.
Todos:  Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
-       Señor, fai   que a miña fe sexa  HUMILDE: que non presuma de ser mellor que os que non a teñen. Que entenda e respecte que somos iguais e tamén diferentes.
Todos:  Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe

Comentarios

Publicacións populares