Domingo 24 de Ordinario C
24º DOMINGO DO
TEMPO ORDINARIO - CICLO C
Primeira
Lectura Ex 32, 7-11. 13-14
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
O Señor renunciou ao castigo co que ameazara ao seu pobo
O Señor renunciou ao castigo co que ameazara ao seu pobo
Naqueles días, o Señor díxolle a Moisés:
‑ Anda, baixa da montaña, porque o teu
pobo, o que ti sacaches de Exipto, perverteuse. Desviáronse axiña do camiño
que eu lles indicara. Fixeron un becerro de metal, próstranse diante del,
ofrécenlle sacrificios e pregoan: "Este é o teu Deus, Israel, o que te
sacou de Exipto".
E díxolle o Señor aínda a Moisés:
‑ Vexo que ese é un pobo de dura caluga.
Deixa, pois, que agora se acenda a miña ira contra eles e os consuma. Pero a ti
convertereite nun gran pobo.
Entón rogou Moisés ante o Señor, o seu
Deus:
‑ Por que, Señor, se ten que acender a túa
ira contra o teu pobo, que con moito poder e con man rexa ti sacaches de
Exipto? Lembra os teus servos Abrahán,
Isaac e Israel, aos que con xuramento prometiches: "Multiplicarei os vosos
descendentes coma as estrelas do ceo, e dareilles este país de que vos teño
falado, para que o posúan a perpetuidade.
E o Señor renunciou ao castigo co que
ameazara ao seu pobo.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 50, 3-4. 12-13. 17 e 19
R/. (Lc 15, 18): Levantareime e irei onda meu pai.
Compadécete
de min, oh Deus, pola túa bondade;
pola
túa gran misericordia, borra o meu pecado;
lávame
enteiro da miña iniquidade,
límpame
da miña culpa.
Crea,
oh Deus, en min un corazón puro,
renóvame
por dentro con espírito firme;
non
me botes da túa presenza,
e
non tires de min o teu santo espírito.
Abre,
Señor, os meus labios,
e
a miña boca pregoará a túa loanza.
O
meu sacrificio a Deus é un espírito contrito:
un
corazón contrito e humilde
Deus,
ti non o desprezas.
Segunda
Lectura 1 Tim 1, 12-17
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Cristo
veu salvar os pecadores
Benquerido irmán:
Doulle grazas a Cristo Xesús, noso
Señor, que me fortaleceu, porque confiou en min, encomendándome o ministerio; a
min que fora un blasfemo, perseguidor e inxuriador. Pero compadeceuse porque o
fixera por ignorancia, sen ter aínda fe; e a graza do noso Señor desbordou coa
fe e o amor, que hai en Cristo Xesús.
Esta é palabra segura, merecente de
que todos a acollan: que Cristo Xesús veu ao mundo para salvar os pecadores,
dos que eu son o primeiriño.
Pero por iso mesmo compadeceuse, a
fin de que Cristo Xesús amosase en min, o primeiro, toda a súa paciencia como
exemplo para os que habían crer nel para lograr a vida eterna.
Ó Rei da eternidade, inmortal,
invisible, único Deus: honra e gloria polos séculos dos séculos! Amén.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA 2 Cor 5, 19
Se
non se canta, pódese omitir.
Aleluia,
aleluia.
Deus
estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo,
e
poñendo en nós a mensaxe da reconciliación.
Aleluia.
Evanxeo Lc 15, 1-32 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Haberá
grande alegría nos ceos por un pecador que fai penitencia
Naquel tempo, os publicanos e
pecadores achegábanse a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e letrados
murmuraban:
‑ Este acolle os pecadores e come
con eles.
Entón Xesús contoulles esta
parábola:
‑ Quen de vós, se ten cen ovellas e
perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado, e vai en busca da
perdida, a ver se a atopa? E cando a atopa, volve todo contento para a casa,
con ela no lombo; e, chamando por amigos e veciños, dilles: "Alegrádevos
comigo, que atopei a ovella que perdera".
Pois asegúrovos unha cousa: no ceo
haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove
xustos que non precisan conversión.
E, que muller que teña dez moedas e
perde unha, non acende a luz, e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata
atopala? E cando a atopa, chama polos amigos e veciños para lles dicir:
"Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida". Asegúrovos que
outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se converta.
E dixo tamén:
‑ Un home tiña dous fillos. O máis
novo díxolle ao pai: "Papá, dáme a parte da herdanza que me
corresponde". El repartiulles os seus bens. Días despois, este fillo
recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna
vivindo coma un perdido.
Despois de o gastar todo, houbo unha
gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. Entón, acudindo a un
natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos.
Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos,
pero ninguén llas daba.
Recapacitando, pensou: "Hai que
ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. Si,
vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti;
xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro".
Levantouse e volveu onda seu pai.
Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e
botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: "Papá,
pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un
fillo".
Pero o pai díxolles aos seus
criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na
man e calzado nos pés. Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran
festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e
atopámolo". E empezou a festa.
Pero resulta que o fillo máis vello
estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mais o baile. Chamou por
un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: "Éche que
volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e
salvo". Entón alporizouse moito, e non quería entrar.
Pero o pai, saíndo, intentouno
convencer.
El díxolle: "Tantos anos
como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches
para troulear cos meus amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que
queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado".
O pai contestoulle: "Meu fillo,
ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, que menos que celebrar unha festa
cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba
perdido e atopámolo?".
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
_______________________________________________________________
Ou:
1-10 (máis breve)
LECTURA
DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, os publicanos e
pecadores achegábanse a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e letrados
murmuraban:
‑ Este acolle os pecadores e come
con eles.
Entón Xesús contoulles esta
parábola:
‑ Quen de vós, se ten cen ovellas e
perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado, e vai en busca da
perdida, a ver se a atopa? E cando a atopa, volve todo contento para a casa,
con ela no lombo; e, chamando por amigos e veciños, dilles: "Alegrádevos
comigo, que atopei a ovella que perdera".
Pois asegúrovos unha cousa: no ceo
haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove
xustos que non precisan conversión.
E que muller que teña dez moedas e
perde unha, non acende a luz, e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata
atopala? E cando a atopa, chama polos amigos e veciños para lles dicir:
"Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida". Asegúrovos que
outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se converta.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
A PROXIMIDADE... VELAÍ A NAI DO AÑO: A IGREXA NON PODE SER “NAI
POR CORRESPONDENCIA”
TOMADO DE : http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
PÓRTICO
Hai uns días, co gallo da
Xornada Mundial da Xuventude, o Papa Francisco concedeu unha entrevista a unha
televisión do Brasil na que, entre outras cousas, dicía que á Igrexa faltáballe
proximidade e achegamento. Afirmaba que a Igrexa tiña que ser nai, e que non se
pode selo por correspondencia, comunicándose cos seus fillos e fillas a través
de decretos e documentos. Unha nai abraza, colle no colo, bica... é dicir, é
alguén que sempre está aí, alguén con quen sempre contamos.
Pois ben, esa chamada á
proximidade que se nos facía por parte de Francisco (non esquezamos que Igrexa
somos todos, non só os curas e os bispos), é a que hoxe nos fai Xesús no
evanxeo. O amor de Deus vai máis alá do que nós pensamos. El, Pai-Nai, está
preocupado pola sorte das persoas, porque nos quere, somos o máis valioso que
ten. Non somos un máis, somos únicos. Por iso a celebración que agora comezamos
invítanos a non esquecer nunca que por moi perdidos que andemos, por moi
fracasados que nos vexamos, por moi mal que nos sintamos, unha cousa é ben
certa: Deus anda na nosa busca. Que nunca o esquezamos.
O PERDÓN
©
Porque
seguimos murmurando, criticando e xulgando aos demais, aos que non fan as
cousas coma nós, sen acabar de entender que ninguén ten a posesión da verdade
absoluta, SEÑOR, BÚSCANOS E CONDÚCENOS A
TI.
©
Porque
a nosa comodidade, impídenos, tantas veces, perder o noso tempo para ir buscar
e axudar a quen se atopa perdido e so diante das encrucilladas da vida, CRISTO, BÚSCANOS E CONDÚCENOS A TI.
©
Por
termos esquecido que a túa xustiza se manifesta sempre de parte dos pequenos,
dos humillados, dos desprezados, aos que nós temos que acubillar, SEÑOR, BÚSCANOS E CONDÚCENOS A TI.
REMUÍÑO
¨
Cantas
veces temos xogado a ser pequenos tiranos, falsos deuses! Cantas amizades
perdidas por mor da nosa soberbia, da nosa autosuficiencia! Cantas bágoas lle
fixemos verter aos irmáns e ás irmás a causa da dureza do noso corazón! Cantas
palabras ferintes saen dos nosos beizos, sen pensar na dor que causan! En
definitiva, canta indiferenza!!! E a indiferenza é, con moito, un dos peores
defectos desta nosa sociedade, tan moderna, tecnolóxica e industrializada. Por
que seremos así: fríos, insensibles, ególatras? Non será acaso porque nos
cremos os mellores, os xustos, “o máis do máis”?
¨
Porén,
a Palabra que vimos de proclamar, volve lembrarnos unha vez máis que, se algo
nos ten que caracterizar como cristiáns e cristiás é o achegamento e a
misericordia; esas actitudes que Deus non se cansa de practicar con cada un e
cada unha de nós e que nós tanto lle regateamos aos demais. Moisés é quen de
suplicarlle ao Señor para que lle axude a reconducir ao seu pobo, que caera na
idolatría; Paulo recoñécese seducido por Cristo, que lle axuda a superar un
pasado non exento de erros. E nós? Somos capaces coas nosas actitudes, coas
nosas palabras, cos nosos comportamentos de transmitir a misericordia e a
tenrura de Deus ou máis ben seguimos ancorados nun Deus vingativo, xuíz, que
premia aos bos e castiga aos malos? Se é así, quizás deberemos reler
paseniñamente as parábolas que hoxe escoitamos no evanxeo e que nos falan de
buscar a quen está perdido, de alentar a quen está triste, de escoitar a quen
se sinte incomprendido, de acoller a quen é desprezado.... Porque moitas veces
esquecemos que o punto de referencia das nosas actuacións debe ser Xesús; e por
iso a nosa vida non expresa, non vive, non amosa… a fe que cremos e celebramos;
por iso non estamos dispostos a saírmos das nosas seguridades para ir na busca
de quen está perdido, desorientado ou esquecido. Ou, ao mellor, si estamos
dispostos; pero non desde o respecto á súa liberdade, senón desde a imposición,
desde o ordeno e mando.
¨
Nunca
tanto coma hoxe escoitamos dentro da nosa Igrexa un laio permanente polas
ovellas perdidas. E é que mesmo parece que podemos afirmar, sen medo a
equivocarnos, que en troques dunha ovella ou dunha moeda perdidas, sería máis
propio falar de noventa e nove perdidas e unha que queda no curral, aínda que
tamén cabería dicir que ás veces esta permanencia é froito do medo, do costume,
da tradición e non dunha decisión persoal. En calquera caso, teriamos que
preguntarnos por que se perderon esas 99 restantes. Por iso, aínda que sexa
duro, haberá que facer unha autocrítica profunda, serena e sincera sobre a
Igrexa que estamos a construír e que ás veces semella máis unha seita (na que a
uniformidade, a obediencia cega e a falta de cuestionamento son o máis
importante), que unha familia de irmáns e irmás con xeitos de pensar e de vivir
diferentes, e que non esquezamos son froito da pluralidade do Espírito. Nós,
moitas veces, considerámonos un grupo inmaculado e pechamos a nosa porta ás
persoas que, por neglixencia, ignorancia ou calquera outro motivo, non levan
unha vida “correcta”, segundo os nosos criterios. Ás veces somos nós, os de
dentro da propia Igrexa, os que coa nosa intolerancia, co noso inmobilismo, cos
nosos ritos baleiros e afastados da vida das persoas, cos nosos binomios
bos-malos, cos nosos malos xestos e coa nosa carraxe, estamos desexando que se
vaia a xente, ou polo menos os que non nos din amén a todo. A solución a este
desastre atopámola na Palabra que vimos de escoitar; e é unha solución ben
sinxela, aínda que esixe de nós tempo, esforzo, dedicación... amor. E esta
solución chámase PROXIMIDDE... Vaia parvada, preguntas? Non das creto, dis? Fai
a proba e quedarás abraiado!
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Ao Deus do amor e
da misericordia, que non se cansa de ofrecernos a súa tenrura, dicímoslle xuntos:
QUE A PROXIMIDADE SEXA SINAL DE
IDENTIDADE DA NOSA FE
©
Pola
Igrexa, que formamos todos nós, para que cos nosos comportamentos, coas nosas
palabras, coa nosa vida, sexamos transmisores do Deus amor, da acollida, da
misericordia e do perdón de quen se equivoca e fracasa, OREMOS.
QUE A PROXIMIDADE SEXA SINAL DE
IDENTIDADE DA NOSA FE
©
Polas
nosas comunidades, para que sempre esteamos dispostos a ir buscar a quen se
sente perdido polo paro, pola droga, pola incomprensión, pola dor, pola
tristura, pola vellez, pola soidade... e espera de nós achegamento, axuda e
comprensión, OREMOS.
QUE A PROXIMIDADE SEXA SINAL DE
IDENTIDADE DA NOSA FE
©
Por
cada un e cada unha de nós, que tantas veces nos sentimos perdidos, para que
saibamos redescubrir na nosa vida a ledicia de sabérmonos agarimados, buscados
e sempre acompañados polo Deus amor, OREMOS.
QUE A CERCANÍA SEXA SINAL DE IDENTIDADE
DA NOSA FE
Grazas, Señor, por seres para nós
compás e caxato no camiño da vida. Que a pesares das dificultades e dos nosos
erros, sempre nos sintamos acompañados por Ti. P.X.N.S.
PARA A REFLEXIÓN
E DIXO DEUS...
Se ninguén te ama, a miña
ledicia é amarte.
Se choras, estou desexando
consolarte.
Se es feble, dareiche a miña
forza e a miña enerxía.
Se es inútil, eu non podo
prescindir de ti.
Se estás baleiro, a miña tenrura
encherate.
Se tes medo, lévote no meu colo.
Se queres camiñar, eu irei
contigo.
Se me chamas, eu veño sempre.
Se estás canso, son o teu
descanso.
Se pecas, son o teu perdón.
Se precisas de min, dígoche:
Estou aquí, dentro de ti.
Se estás ás escuras, son lámpada
para os teus pasos.
Se queres conversar, eu escoito
sempre.
Se me miras, verás a verdade do
teu corazón.
Se todos te esquecen, as miñas
entrañas estremécense lembrándote.
Se es silencio, as miñas
palabras vivirán no teu corazón.
Se non tes a ninguén..., tesme a
min.
ENTRADA:
Que ledicia a miña
Que ledicia a miña
LECTURAS:
Todos xuntos
Todos xuntos
OFERTORIO:
Acharte presente na vida
Acharte presente na vida
COMUÑÓN:
Quédate, Señor, connosco
Quédate, Señor, connosco
Comentarios
Publicar un comentario