Ti recibiches bens e Lázaro males... - Lc 16, 19-31

Domingo 26 de Ordinario - ciclo C



COMPARTIR 

O QUE SOMOS E TEMOS


Compartir 
para que todo o mundo viva;
esta é, Señor, a túa ensinanza,
o camiño que nos invitas a facer
para renovar 
a esperanza da humanidade.

Señor da Vida,
ensínanos 
a recoñecer os nosos dons. 
Quizás parecen pouca cousa;
pero compartidos cos outros
serán semente 
de solidariedade fraterna.

Abres, Señor, as nosas mans
para que compartamos 
os nosos bens, 
o noso tempo e os nosos dons;
para que fagamos 
un mundo máis fraterno.

Ensínanos a construír o teu Reino.
Esconde os nosos egoísmos 
e mesquindades. 
Invítasnos a dar máis que a recibir.
Amósanos o camiño 
da gratuidade e da doazón,
para que sexamos forxadores 
de comuñón e fraternidade.

Que fixeches polo teu irmán?
Resoa nos nosos corazóns,
clara e lacerante, 
a túa palabra de vida. 
Axúdanos a presentar 
as nosas mans, 
baleiras por dalo todo, Señor.
Todo porque os outros vivan máis.




Comentarios

Publicacións populares