Domingo 23 de Ordinario - ciclo C

23º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C


PRIMEIRA Sab 9, 13-19 (gr 13-18b)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA

¿Quen se decatará do que quere o Señor?



13¿Que home de feito poderá coñece-lo plan de Deus

ou quen se decatará do que quere o Señor?

14Abofé, os pensamentos dos mortais son covardes

e inseguros os nosos proxectos.

15Porque o corpo corruptible pesa na alma

e a tenda terrestre oprime a mente cavilosa.

16Se con dificultade imaxinámo-lo que hai sobre a terra

e con traballo atopámo-lo que está a man,

¿quen pescudará o que hai no ceo?

17¿Quen coñecerá o teu consello se ti non lle dás sabedoría

mandando o teu espírito santo desde o alto?

18Soamente deste xeito se endereitaron os vieiros dos terrestres,

aprenden os homes o que é do teu gusto

e son salvados pola Sabedoría.


              Palabra do Señor                                           R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL Sal 89 3-4. 5-6. 12-13. 14 e 17
R/ (1): O Señor foi o noso agarimo ó longo das xeracións



3Ti podes volver en po os mortais,

con dicirlles:- "Fóra, homes".

4Mil anos ante ti

son coma o onte que pasou

e coma unha vixilia da noite.



5Ti falos pasar, e son coma sono mañanceiro,

coma herba que agroma:

6de mañá florece e verdea

e á tarde ségana e seca.



12Ensínanos a conta-los nosos días,

para que aprendamos a ser asisados.

13Volve, Señor. ¿Por canto aínda?

Apiádate dos teus servos.



14Dános axiña a fartura da túa misericordia,

para que a nosa vida teña felicidade e ledicia.

17Que a bondade do Señor, noso Deus, sexa connosco

e que el asegure as accións das nosas mans.





SEGUNDA Film 9-17
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A FILEMÓN

Recíbeo non xa coma un servo, senón coma un benquerido irmán



Benquerido irmán:

9Sen máis título que ser eu Paulo, un vello que agora está preso por Cristo Xesús: 10pídoche por Onésimo, o meu fillo, que enxendrei estando na cadea. 12Velaí cho mando. Velaí che vai unha parte de min. ¡Recíbeo!

13Pensei en me quedar con el, para que me axudase no teu lugar, mentres estou preso polo Evanxeo. 14Pero non quixen facer nada sen contar co teu consentimento, para que non fagas este ben á forza, senón porque che sae de dentro. 15Igual por iso marchou de onda ti algún tempo: a fin de que agora o recuperes para sempre, 16non xa coma escravo, senón coma algo máis ca escravo: coma un irmán benquerido. Para min é moi querido; ¡moito máis o vai ser para ti, coma home e coma cristián! 17Así que se me consideras un amigo, acólleo coma a min.

                           Palabra do Señor                                     R/. Grazas a Deus



ALELUIA Sal 118, 135:

Fai brillar ante o teu servo a túa presencia

e ensíname os teus mandatos





EVANXEO Lc 14, 25-33
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Quen non renuncia a todo canto posúe, non pode ser discípulo meu


25Nunha ocasión que seguía a Xesús moita xente, volveuse a eles e díxolles:

26-Se alguén me quere seguir e non está disposto a romper con seu pai e con súa nai, coa muller e mais cos fillos, cos irmáns e coas irmás, e incluso coa súa propia vida, non pode ser discípulo meu. 27O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu.

28Pois ¿quen de vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver se a pode rematar? 29Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente que o vexa faga riso del, dicindo: 30"Este empezou a construír e non deu rematado".

31Ou ¿que rei, que sae á guerra contra outro, non se senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil? 32E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz.

33Pois así, como non renunciedes a todo o que tedes, non hai de vós quen poida ser
discípulo meu.



Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo




A BO ENTENDEDOR....

PÓRTICO
Resúltanos difícil conxugar o que nos di a Palabra que proclamamos coa vida que vivimos. Temos moi claro que Xesús fálanos de paz, amor, xustiza, perdón... pero nós empeñámonos en vivir no enfrontamento, o odio, a inxustiza ou o rancor.
Ata cando vai ser así? Deixemos de ser teóricos do Reino, para comezar a ser vida, onde o corazón saiba amar, a cabeza descorrer e as mans traballar.
Que a nosa oración comunitaria de hoxe nos axude a conseguilo.


O PERDÓN
*        Por todas as veces nas que non quixemos unir o que rezamos e o que vivimos, SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR
*        Por todas as veces nas que renunciamos a vivir a fraternidade, empeñándonos en buscar o enfrontamento, CRISTO, AXÚDANOS A CAMBIAR
*        Por todas as veces nas que somos teóricos do Reino, vendedores de fume, sen comprometer a nosa vida no teu seguimento, SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR

REMUÍÑO
* Pouco a pouco, o avance da ciencia e da técnica vannos facendo crer que as persoas podémolo todo, que elas responden a todas as nosas preguntas e non hai ningún interrogante que se lle resista. Dun xeito equivocado, cremos que Deus é alguén de quen podemos prescindir, pois somos persoas autónomas, maduras e libres que non precisan de Deus na súa vida. Pero como paradoxo a isto, atopámonos que cada vez son máis as persoas que recorren a magos, adiviños, astrólogos... buscando respostas no medio dunha sociedade tan avanzada como triste. Porque si hai dúas características que definan a nosa sociedade son: crispación e tristura. Desgraciadamente, o progreso técnico non sementou igualdade, xustiza, respecto... senón que, pola contra, cada día medran máis o desamor e a desconfianza diante de todo e de todos. Poderemos entón prescindir daquel que se presenta como sentido, paz, acollida, misericordia.... AMOR?

* Pois só sabendo vivir a vida como experiencia de fraternidade, poderemos entender a mensaxe dun Deus que en Cristo nos fai irmáns e irmás, o que esixe de nós saír da indiferenza e do egoísmo que nos levan a preocuparnos e mirar só para o noso embigo para abrírmonos á ocuparnos e preocuparnos polo que lle pasa a quen comparte con nós o camiño da vida. Que ben o entendeu Paulo e que ben llo transmite a Filemón cando lle pide unha segunda oportunidade para o seu escravo Onésimo, facéndolle ver que o tempo dos prexuízos é algo pasado, que temos que acoller a todos, que temos que servir a todos; pois “por riba das nosas distancias hai unha fe que nos une” e que nos invita a non esquecer que todos temos a mesma dignidade.

* Porque tal e como nos lembra Xesús no evanxeo que vimos de proclamar, ser discípulo implica unha vida chea de riscos. Por iso antes de dar un si que vai cambiar e orientar a nosa vida, cómpre examinar paseniñamente os pros e as contras e decidir en consecuencia. Calcular os gastos é un elemento de todas as invitacións a entrar no Reino. Non podemos actuar por arroutadas, senón que temos que reflexionar, ponderar, examinar a nosa realidade persoal. Non se constrúe como é debido nin se traballa con posibilidades de éxito se non se coñecen os efectivos. O seguimento de Xesús non pode, entón, depender dun impulso fácil, dunha necesidade de seguridade, dunha herdanza e moito menos dunha rutina. Non é un xogo. Tampouco un conxunto de verdades nin unha colección de dogmas. É unha decisión que non se pode facer á lixeira. É unha resposta persoal, situada no aquí e agora concreto... por iso é tamén unha resposta realista, que ten en conta as nosas limitacións e as nosas capacidades. El invítanos a escoller o mellor; pero, a diferenza de nós, non obriga, só ofrece e invita. E con claridade fala dos custos... Oxalá teñamos oídos e corazón abertos para escoitar a súa chamada e, desde unha opción persoal, responder con coherencia... e coa vida.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Abrámonos á fraternidade do Deus amigo que nos invita a vivila desde o esforzo de ir cambiando o corazón humano, e digamos:

QUE SEXAMOS CONSTRUTORES DE FRATERNIDADE
·         Pola Igrexa, pobo de Deus en camiño de fraternidade e perdón, para que cantos a formamos non esquezamos que estamos chamados a ser sal e luz, OREMOS
QUE SEXAMOS CONSTRUTORES DE FRATERNIDADE
·         Para que desde as nosas comunidades cristiás nos esforcemos por superar a teoría das palabras baleiras, para camiñar na vivencia dos feitos que nos levan a vivir na igualdade, a liberdade e a fraternidade de Xesús, OREMOS.
QUE SEXAMOS CONSTRUTORES DE FRATERNIDADE
·         Por todos e cada un de nós, para que desde a mirada limpa e xenerosa, saibamos descubrir que o Deus da fraternidade está nos enfermos, os inmigrantes e nos maiores, tantas veces compañeiros do noso camiño, Oremos.
QUE SEXAMOS CONSTRUTORES DE FRATERNIDADE

Señor, dános azos, para superar a tentación de ser consumidores de palabras, e poder vivir desde as actitudes que nos achegan a Ti e aos irmáns. P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN

O noso equipaxe será lixeiro, para poder avanzar rápido.
Teremos que deixar tras de nós a carga inútil:
as dúbidas, que nos paralizan e non nos deixan mover;
os temores, que nos impiden saltar ao baleiro contigo;
as cousas que nos encadean e nos dan unha seguridade falsa.
Teremos que deixar tras de nós o espello de nós mesmos;
o “eu” como únicas gafas,
as nosas palabras ruidosas.
E levaremos todo aquilo que non pesa:
moitos nomes coa súa historia,
mil facianas no recordo,
a vida no horizonte,
proxectos para o camiño,
o valor que Ti nos dás,
o amor que cura e non esixe.
Ti como guía e mestre
e unha oración que te faga presente:
“A Ti, Señor, levantamos a nosa alma,
en Ti confiamos, non nos deixes.
Ensínanos o teu camiño.
Mira o noso esforzo.
Perdoa as nosas faltas.
Ilumina a nosa vida, porque esperamos en Ti”. Amén.


CANTOS
 ENTRADA: 
Con ledicia vimos
LECTURAS: 
Contade as marabillas do Señor
OFERTORIO: 
Señor Xesús
COMUÑÓN: 
Eu soñei


POWER POINTS



Comentarios

Publicacións populares