Ficha e Lectio Domingo 23 de Ordinario C





Todos queremos ser felices. Por camiños diferentes, con máis ou menos acerto, todos nos esforzamos por alcanzar «algo» que chamamos «felicidade» e que nos atrae desde o máis fondo do noso ser. Pero, tarde ou cedo, todos nos atopamos na vida co sufrimento. 

Por moito que se esforce en evitalo, todo home ou muller termina experimentando na súa propia carne a verdade das palabras de Xob: «O home, nacido de muller, é curto de días e farto de inquietudes.» 

Sen dúbida, os sufrimentos de cada persoa son diferentes e poden deberse a factores moi diversos. Tres adoitan ser as fontes de onde brota o sufrimento humano: 

- O home busca, primeiro de nada, seguridade e cando na súa vida xorde algo que a pon en perigo, comeza a sufrir porque a súa seguridade pode quedar destruída. Moitos dos nosos sufrimentos proveñen do medo a que quede destruída a nosa imaxe, a nosa tranquilidade, a nosa saúde. 
- O home busca, ademais, sentido á súa vida, e cando experimenta que esta non significa nada para ninguén nin sequera para el mesmo, comeza a sufrir porque xa todo lle parece absurdo e inútil. Nada merece a pena. Canto sufrimento nace dos fracasos, frustracións e desenganos. 
- O ser humano busca tamén amor fronte ao illamento e a soidade, e cando sente incomprendido, abandonado e só, comeza a sufrir. Cantas persoas sofren hoxe porque non teñen preto a ninguén que as queira de verdade. 

A fe non dispensa ao crente destes sufrimentos; tamén el coñece, como calquera outro home ou muller, o lado doloroso da existencia. Tampouco a fe carga necesariamente ao cristián cun sufrimento maior que o 
do resto dos homes. O primeiro que escoita o crente cando sente interpelado por Cristo a levar a cruz tras el non é unha chamada a sufrir «máis» que os demais, senón a sufrir en comuñón con el, é dicir, a «levar a cruz» non de calquera xeito, senón «tras el», desde a mesma actitude e co mesmo espírito. 

Quen vive así a cruz, unido a Cristo e desde unha actitude de confianza total en Deus, aprende a vivir o sufrimento dunha maneira máis humana. 

Os sufrimentos seguen aí con todo o seu realismo e crueza, pero coa mirada posta en Cristo crucificado, o crente atopa unha forza nova no medio da inseguridade e a destrución; descobre unha luz mesmo nos momentos en que todo parece absurdo e sen sentido; experimenta unha protección última e misteriosa no medio do abandono de todos.. 


Comentarios

Publicacións populares