5º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C


Primeira Lectura     Is 6, 1-2a. 3-8

Aquí me tes, mándame

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS


            O ano da morte do rei Ozías, vin o Señor sentado nun trono alto e levantado. A orla do seu manto enchía o santuario.

            De pé na súa presenza estaban dous serafíns.

            Exclamaban un cara ao outro: "Santo, Santo, Santo, o Señor dos Exércitos: a terra toda está chea da súa gloria!".


            Estremecían os marcos das portas da entrada co seu clamor, e o santuario estaba cheo de fume.

            Eu dixen: "Ai de min! Estou perdido!


Pois sendo un home de labios lixados,

e que vive entre un pobo de labios lixados,

vin cos meus ollos o mesmo Rei, o Señor dos Exércitos".


            Entón un dos serafíns voou onda min;

tiña na súa man unha brasa que collera de enriba do altar cunhas tenaces,

e achegouna á miña boca, dicíndome:


            "Olla: isto tocou os teus labios,

a túa culpa desapareceu, o teu pecado está perdoado".


            Entón escoitei a voz do Señor que dicía:

"A quen mandarei? Quen irá da nosa parte?".


            Entón díxenlle: "Aquí estou, mándame a min".


            Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus




SALMO RESPONSORIAL     Sal 137, 1-2a. 2bc-3. 4-5. 7c-8

R/.  (1c):  Hei cantar para ti diante dos anxos, Señor


Douche grazas, Señor, de todo corazón,

hei cantar para ti diante dos anxos.

Hei prostrarme cara ao teu santo templo.


Dou grazas ao teu nome

pola túa misericordia e a túa fidelidade,

porque a túa promesa

é máis grande cá túa sona.

Cando te chamo, respóndesme

e acrecentas as miñas forzas.


A ti, Señor, darán grazas

todos os reis da terra

cando oian os ditos da túa boca.

Cantarán os camiños do Señor,

pois grande é a gloria do Señor.


Estendes a túa man,

e libérame a túa dereita.

O Señor completará os seus favores comigo.

A túa misericordia, Señor, é para sempre,

non abandones a obra das túas mans.



Segunda Lectura    1 Cor 15, 1-11(máis longa)

Así predicamos e así crestes vós.

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS


            Quero que vos acorde, irmáns, o Evanxeo que vos prediquei, que vós aceptastes, no que ficades firmes e polo que vos estades salvando (se é que o gardades tal como volo anunciei; do contrario, a vosa fe sería inútil).

            Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: que Cristo morreu polos nosos pecados conforme ás Escrituras; que o sepultaron, que ao terceiro día resucitou conforme ás Escrituras e que se apareceu a Cefas e despois aos Doce.

            Máis tarde apareceuse asemade a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven, algúns xa finaron. Despois apareceuse a Santiago e logo a todos os apóstolos. En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ao nacido a deshora.

            Pois eu son o menor dos apóstolos, que nin son merecente de me chamar apóstolo, xa que perseguín a Igrexa de Deus; pero pola graza de Deus son o que son, e esa graza que fixo comigo non ficou baleira.

            Ó contrario, traballei máis ca todos eles; aínda que non precisamente eu, senón a graza de Deus que está comigo. Pero, en fin, que sexa eu ou que sexan eles, así predicamos e así crestes vós.


               Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


______________________________________________________________________

Ou máis breve:   3-8. 11

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS


            Irmáns:


            Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: que Cristo morreu polos nosos pecados conforme ás Escrituras; que o sepultaron, que ao terceiro día resucitou conforme ás Escrituras e que se apareceu a Cefas e despois aos Doce.

            Máis tarde apareceuse asemade a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven, algúns xa finaron. Despois apareceuse a Santiago e logo a todos os apóstolos.

            En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ao nacido a deshora.

            Pero, en fin, que sexa eu ou que sexan eles, así predicamos e así crestes vós.


                   Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


 


ALELUIA     Mt 4, 19

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.

Seguídeme, di o Señor,

e farei que sexades pescadores de homes.

Aleluia.


 


Evanxeo    Lc 5, 1-11

Deixándoo todo, seguírono

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


            Naquel tempo, estando Xesús á beira do lago Xenesaré, mentres a xente se amoreaba ao seu arredor, escoitando a Palabra de Deus, viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban o aparello. Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e desde a barca, sentado, ensinaba á xente.


            Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:

            ‑ Voga lago adentro, e larga o aparello para pescar.


            Respondeu Simón:

            ‑ Mestre, pasamos a noite faenando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.


            Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. Fixéronlles entón acenos aos compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. Vendo isto, Simón Pedro botóuselle aos pés a Xesús, dicindo:

            ‑ Señor, arreda de min, que eu son un pecador.


            Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos con tanto peixe como colleran naquel lance. O mesmo lles pasaba a Santiago e mais a Xoán, fillos de Zebedeo, que eran compañeiros de Simón.

            E díxolle Xesús a Simón:

            ‑ Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes.


            Varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.


     Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



Comentarios

Publicacións populares