FICHA E LECTIO: DOMINGO VI DE ORDINARIO C
LECTIO:
Catro
felicidades
. (13
febreiro 2022)
O
texto de Lucas relacionado coas benaventuranzas –ou “felicidades”, como a min
me gusta dicir- ten as súas peculiaridades, que o distinguen do de Mateo, que é
o que de feito máis veces se le nas nosas liturxias.
Hai
algúns detalles menos importantes, coma o feito de que Mateo sitúe este sermón
ou discurso de Xesús nunha montaña e Lucas nunha valgada ou tamén que neste as
benaventuranzas sexan só catro mentres que en Mateo sexan o dobre, ou sexa,
oito. Si é máis significativo o feito de que Lucas non fale da benaventuranza
ou felicidade dos “pobres no espírito” –como fai Mateo- senón, de maneira máis directa
e simplemente, dos “pobres”: “Ditosos vós os pobres”, sen máis engadidos, é
dicir, os que carecen daqueles medios materiais de subsistencia que a outros
lles sobran.
En
calquera caso, e en canto ó fondo da mensaxe de Xesús en relación coa
felicidade ou “felicidades”, que el nos anuncia e quere para todos nós, temos
que dicir ou admitir que non deixan de ser estrañas ou paradoxais, pois só
poderemos chegar a acadar esas felicidades por camiños aparentemente alomenos
contrarios.
Non
pensemos, de todos modos, que Xesús, ese gran misterio de Deus que se agacha no
Xesús de Nazaret, quere ou busca a nosa desgraza, a nosa infelicidade. Se fose
así, hai tempo que tería desaparecido calquera rastro de cristianismo. Pois,
polo contrario, foi nada menos que Deus mesmo o que nos creou precisamente con
desexos infindos de felicidade. E só Deus pode darnos tales desexos e só el
pode tamén satisfacelos totalmente. O que pasa é que os camiños que nos levan á
felicidade, a unha felicidade fonda e perdurábel, non son os que á primeira
vista nos semellan selo ou os que certa propaganda e determinados intereses
políticos ou económicos nos propoñen.
Por
iso non deberiamos en principio considerar absurdo ou pura utopía o camiño
proclamado por Xesús, que nos conduciría á instauración daquel “reino de Deus”,
fonte de felicidade e de verdadeira plenitude humana. É verdade que de tantas
veces oídas, as oito “felicidades” do chamado “Sermón do monte” de Mateo ou as
“catro” de hoxe de Lucas poden esvararnos xa nos oídos ou soarnos simplemente
case como a música celestial.
En
calquera caso, Xesús fálanos desas “felicidades” como de algo que procede tamén
da súa propia experiencia vital como ser humano entre seres humanos. Deste
xeito esas felicidades veñen ser algo así como un espello que reflicte a persoa
e o modo de se comportar do propio Xesús e de quen queira tamén seguilo consecuentemente
na súa vida. Xesús, efectivamente, é pobre “no espírito” e pobre real ou de
verdade, Xesús “chora” (lembrade, por exemplo, a escena previa á resurrección
do seu amigo Lázaro), Xesús é “sufrido”, Xesús é “famento e sedento de
xustiza”, Xesús é “misericordioso”, Xesús é “de corazón limpo”, Xesús “traballa
pola paz”, Xesús é, finalmente, “perseguido por causa da xustiza”. E será
xustamente esta última “felicidade”, a de ser “perseguido por causa da
xustiza”, a que o levaría á morte e, seguidamente –máis alá xa da historia-, á
felicidade plena da resurrección.
Si,
as “felicidades” proclamadas por Xesús ante a multitude que o escoitaba veñen
ser como o abrente dun novo sol que espalla a súa luz sobre o val e a terra
para o xurdimento dun novo día que non terá xa máis solpores. Xurdirá así ese
“Reino dos Ceos” como froito da graza de Deus e do noso sermos -coma o Mestre-
pobres, sufridos, famentos e sedentos de xustiza, misericordiosos, de corazón
limpo, construtores de paz e perseguidos por mor da xustiza.
Non
nos deixemos levar pola incredulidade ou pola desesperanza á vista da crúa
realidade dos acontecementos que ocorren ó noso arredor ou máis lonxe, polo
mundo adiante. Xesús denomina ditosos, felices, cantos proceden así, é dicir,
cantos están atentos e decididos á levaren á práctica o seu programa das
benaventuranzas ou “felicidades”. Felicidades que empezan xa neste mundo, mais
que chegarán á súa plenitude no vindeiro, coa resurrección na que cremos e
esperamos.
Porque
é a palabra de Xesús a que garante, ós que viven e practican estes modos de se
comportar, que “serán consolados”, que “herdarán a terra”, que “ficarán fartos”
ou se encherán de plenitude, que “serán tratados con misericordia”, que “serán
chamados fillos de Deus”, que “verán a Deus”.
Que
máis podemos querer ou pedir? En calquera caso, está claro que Deus desexa e
busca a nosa “santidade” conxuntamente coa nosa “felicidade” por camiños que de
entrada nos poderían parecer contrarios a esa mesma felicidade. Pois para Xesús
a felicidade só se acada polos camiños da pobreza e da solidariedade cos
necesitados, cos que sofren, cos que non teñen ninguén que fale a prol deles.
Ese
é precisamente o estraño contido da proclamación das chamadas benaventuranzas
ou felicidades que se nos anuncian no evanxeo de hoxe e que non son senón fiel
retrato do que foi a vida mesma de Xesús.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/6-tempo-ordinario-c-lucas-617-20-26/
Comentarios
Publicar un comentario