Ficha e Lectio - Domingo 6 de Ordinario C


LECTIO:

Paradoxos da felicidade
(17 febreiro 2019)  

            Nos oito anos e medio, máis ou menos, que levo aquí en Vigo (despois de algo máis de corenta pasados en Madrid) é esta a primeira vez que me tocou agora mesmo proclamarvos  desde aquí o texto das benaventuranzas de Lucas, tal e como aparecen no seu evanxeo. Como sabedes, as lecturas litúrxicas (incluída a do evanxeo) están repartidas en tres anos ou ciclos e nun certo grao son aleatorias dentro dun mesmo ciclo, dependendo do máis ou menos longos que sexan determinados tempos litúrxicos.
            O caso é que o texto de Lucas relacionado coas benaventuranzas –ou “felicidades”, como a min me gusta dicir- ten as súas peculiaridades, que o distinguen do de Mateo, que é o que de feito máis veces se le nas nosas liturxias.
            Hai algúns detalles detalles menos importantes, coma o feito de que Mateo sitúe este sermón ou discurso de Xesús nunha montaña e Lucas nunha valgada ou tamén que neste as benaventuranzas sexa só catro mentres que en Mateo sexan o dobre, ou sexa, oito. Si é, concretamente, máis significativo o feito de que Lucas non fale da benaventuranza ou felicidade dos “pobres no espírito” –como fai Mateo- senón, de maneira directa e simple, dos “pobres”: “Ditosos vós os pobres”, sen máis engadidos, é dicir, os que carecen daqueles medios materiais de subsistencia que a outros lles sobran.
            En calquera caso, e en canto ó fondo da mensaxe de Xesús en relación coa felicidade ou “felicidades”, que el nos anuncia e quere para todos nós, temos que dicir ou admitir que non deixan de ser estrañas ou paradoxais, pois só poderemos chegar a acadar esas felicidades por camiños aparentemente alomenos contrarios.
            Non pensemos, de todos modos, que Xesús, ese gran misterio de Deus que se agacha no Xesús de Nazaret, quere ou busca a nosa desgraza, a nosa infelicidade. Se fose así, hai tempo que tería desaparecido calquera rastro de cristianismo. Pois foi nada menos que Deus mesmo o que nos creou precisamente con desexos infindos de felicidade. Só Deus pode darnos tales desexos e só el pode tamén satisfacelos totalmente. O que pasa é que os camiños que nos levan á felicidade, á unha felicidade fonda e perdurábel, non son os que á primeira vista nos semellan selo ou os que certa propaganda e determinados intereses políticos ou económicos nos propoñen.
            Por iso non deberiamos en principio considerar absurdo ou pura utopía o camiño proclamado por Xesús, que nos conduciría á instauración daquel “reino de Deus”, fonte de felicidade e de verdadeira plenitude humana. É verdade que de tantas veces oídas, as oito “felicidades” do chamado “Sermón do monte” de Mateo ou as “catro” de hoxe de Lucas poden esvararnos xa nos oídos ou soarnos a música celestial.
            En calquera caso, Xesús fálanos desas “felicidades” como de algo que procede tamén da súa propia experiencia vital como ser humano entre seres humanos. Deste xeito esas felicidades veñen ser algo así como un espello que reflicte a persoa e o modo de se comportar do propio Xesús e de quen queira tamén seguilo consecuentemente na súa vida. Xesús, efectivamente, é pobre “no espírito” e pobre real ou de verdade, Xesús “chora” (lembrade, por exemplo, a escena previa á resurrección do seu amigo Lázaro), Xesús é “sufrido”, Xesús é “famento e sedento de xustiza”, Xesús é “misericordioso”, Xesús é “de corazón limpo”, Xesús “traballa pola paz”, Xesús é, finalmente, “perseguido por causa da xustiza”. E será xustamente esta última “felicidade”, a de ser “perseguido por causa da xustiza”, a que o levaría á morte e, seguidamente –máis alá xa da historia-, á felicidade plena da resurrección.
            Si, as “felicidades” proclamadas por Xesús ante a multitude que o escoitaba veñen ser como o abrente dun novo sol que espalla a súa luz sobre o val e a terra para o xurdimento dun novo día que non terá xa máis solpores. Xurdirá así ese “Reino dos Ceos” como froito da graza de Deus e do noso sermos -coma o Mestre- pobres, sufridos, famentos e sedentos de xustiza, misericordiosos, de corazón limpo, construtores de paz e perseguidos por causa da xustiza.
            Non nos deixemos levar pola incredulidade ou pola desesperanza á vista da crúa realidade dos acontecementos que ocorren ó noso arredor ou máis lonxe, polo mundo adiante. Xesús chama ditosos, felices, a cantos proceden así, é dicir, a cantos están atentos e decididos á levar á práctica o seu programa das benaventuranzas ou “felicidades”. Felicidades que empezan xa neste mundo, pero que chegarán á súa plenitude no vindeiro, coa resurrección na que cremos e esperamos.
            Porque é a palabra de Xesús a que garante, ós que viven e practican estes modos de se comportar, que “serán consolados”, que “herdarán a terra”, que “ficarán fartos” ou se encherán de plenitude, que “serán tratados con misericordia”, que “serán chamados fillos de Deus”, que “verán a Deus”.
            Que máis podemos querer ou pedir? En calquera caso, está claro que Deus quere e busca a nosa “santidade” conxuntamente coa nosa “felicidade” por camiños que de entrada nos poderían parecer contrarios a esa mesma felicidade. Pois para Xesús a felicidade só se acada polos camiños da pobreza e da solidariedade cos necesitados, cos que sofren, cos que non teñen ninguén que fale a prol deles.
            Ese é precisamente o estraño contido da proclamación das chamadas benaventuranzas ou felicidades que se nos anuncian no evanxeo de hoxe e que non son senón un fiel retrato do que foi a vida mesma de Xesús.


Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:




 

Comentarios

Publicacións populares