CAMPAÑA CONTRA A FAME 2019 - MANS UNIDAS




O Bispo de Tui-Vigo
CARTA PASTORAL DO BISPO PARA MANS UNIDAS 2019

60 anos na vangarda
contra a fame e o subdesenvolvemento

Hai sesenta anos que as mulleres de Acción Católica fundaron Mans Unidas , unha Asociación da Igrexa católica en España para a axuda, promoción e desenvolvemento nos países pobres. Ao longo destes anos, Mans Unidas foi adquirindo unha gran implantación social no noso país, xa que conta con setenta e dúas delegacións en toda España e nunha altísima porcentaxe os seus fondos proveñen do sector privado.

A sociedade necesita institucións que promovan a solidariedade entre as persoas e que traballen en favor dunha repartición máis equitativa dos bens no mundo. Mans Unidas, desde a súa creación, desenvolveu un marabilloso proxecto de solidariedade eclesial e cívico en España, ata o punto de que moitas das realizacións do noso país no ámbito do desenvolvemento global serían imposibles sen o seu compromiso e liderado.

Mans Unidas debe, ante todo, agradecer a Deus a graza de poder realizar tantas e tan decisivas contribucións ás persoas necesitadas do mundo enteiro. Aquel primeiro impulso das fundadoras viuse multiplicado ao longo destes anos sen perder nunca a identidade do compromiso cristián. Esta identidade eclesial pertence á esencia mesma de Mans Unidas e debe ser coidada como aquilo que a capacita para seguir soñando un mundo novo desde a liberdade e o compromiso.

O noso mundo necesita pór freo a moitos egoísmos insaciables. Fronte a eles non é suficiente nin sustentable unha acción de pura contención. Hai que sementar ideais que xeren un modo de vida alternativo ao que sustentan os intereses. Hai que soster vidas que sitúen a dignidade humana como o máis sagrado da súa existencia. E desde os valores que respectan e garanten unha vida humana asentar a cultura da solidariedade universal.

Mans Unidas ten como misión ineludible achegar solucións aos dramas humanos que xera a pobreza de tantas persoas condenadas á miseria para toda a súa vida. Pero esta misión, que lle é consubstancial, non podería levala a cabo segundo o proxecto fundacional sen unha profunda vivencia cristiá do Evanxeo. Manter vivos estes dous compromisos por parte dos membros de Mans Unidas deberá ser a gran  aposta dunha institución eclesial chamada a iluminar o mundo, como nos pide o Papa Francisco.

Con profunda gratitude por unha historia bendicida e cheos de impulso pola forza do Espírito, dispómonos a celebrar neste ano 2019 a Campaña Contra a fame de Mans Unidas, baixo a lema.
 "A muller do Século XXI. 
Nin independente, nin segura, nin con voz."

O cartel da campaña deste ano, dinos, representa a eses millóns de mulleres, unha de cada tres, que non son como moitos puidesen pensar. A realidade é moi distinta na maior parte do mundo. No século XXI hai millóns de mulleres que non son independentes, nin seguras nin teñen voz.
Hai 60 anos un grupo de mulleres de Acción Católica plantaron o xerme do que hoxe é Mans Unidas e, ao berro de "Declaramos a guerra á fame", iniciaron a primeira Campaña contra a fame en España.
Hoxe a nosa Diocese quere renovar ese fondo compromiso daquelas mulleres cheas de fe e do valentía evanxélica que hoxe seguen sendo necesarios para manter vivo a mensaxe de fraternidade universal que o Pai nos revelou en Xesucristo.

Coa miña gratitude e bendición.


Luis Quinteiro Fiuza 
Bispo de Tui Vigo

TOMADO DE:





Comentarios

Publicacións populares