Ficha e Lectio - Domingo 5 de Ordinario C

FICHAS ANTERIORES:

LECTIO:

Pescando liberdades
(10 febreiro 2019)

         Para entendermos mellor o evanxeo de hoxe, cómpre ter en conta que o mar era na mentalidade da época un lugar onde habitaban os monstros, os monstros mariños, que ameazaban ou poñían en perigo os que se metían nel.
            Polo tanto, “pescar” viña significar tamén en certo modo, na frase que emprega Xesús cando lle di a Pedro que vai ser “pescador de homes”, algo así como anunciarlle que se vai converter nun “liberador” das persoas. Pedro vai liberar a xente, grazas á mensaxe de Xesús, de toda clase de medos, angurias ou ameazas.
            Pedro e con el os demais apóstolos e seguidores de Xesús, todos nós, estamos, pois, chamados a sermos “pescadores” de persoas. É dicir, seguidores de Xesús que ofrecemos a cantos se atopen connosco a alegría da súa boa nova, a orientación da súa luz e a forza do seu Espírito contra a que non poderá facer nada monstro ningún.
            Seguimos así fieis á mensaxe central de “liberación” que Xesús dirixiu en Nazaret ós seus veciños, hai un par de domingos, aínda que os seus oíntes preferisen seguir vivindo baixo a rutina e os medos e ameazas da lei a iniciar unha nova e alegre andadura polos camiños liberadores de Xesús.
            Mais para podermos entrar de verdade por estes camiños fai falla algo máis cós nosos esforzos. Esta parece ser a idea central deste encontro de Xesús con tres dos seus apóstolos máis representativos (Pedro, Santiago e mais Xoán) onda o lago de Xenesaret.
            De pouco valen as calidades e pericias persoais, incluso traballando en grupo (os tres apóstolos pescando en comandita), se con eles ou entre eles non anda o impulso e a inspiración do Espírito de Xesús. De noite (cando parecía ser propicia a hora) non pescaron ren; só aburrimento e cansazo. E de día, cando pasara xa presuntamente o tempo axeitado, alí está Xesús para lles botar unha man, pois sentiríase tamén en certo modo obrigado a facer algo por eles. Algúns comentaristas pensan que Xesús viviría quizais por entón na casa de Pedro e algún peixe si que lles faría falta para levalo á boca, aínda que non fosen tantos como os que atoparían logo na rede.
            Velaquí temos unha lección que quizais tendemos a esquecer ou deixar de lado. Pois na acción liberadora de Xesús tan imprescindíbel é o noso esforzo persoal coma aquilo que chamamos “graza” de Deus, que nos incita ó traballo e nos acompañará sempre. Paulo exprésao ben claramente na súa carta de hoxe ós Corintios cando, tras comentar que el non é senón o derradeiro e menos digno entre os apóstolos, engade alí mesmo: “traballei máis ca todos eles; aínda que non precisamente eu, senón a graza de Deus que está comigo”.
            É este un pensamento que Santo Ignacio de Loiola reformulará moito tempo despois dicindo que deberiamos facer as cousas como se todo dependese de nós  e ó mesmo tempo confiarlle a Deus o resultado coma se todo dependese del. Non nos encheremos así de fachenda polos éxitos acadados nin perderemos tampouco azos ante os fracasos, posiblemente só aparentes.
            Hoxe en día, por exemplo, poderiamos sentirnos tentados a pensar que ou nós, os “pescadores”, non facemos o que deberiamos facer por non sermos quen de coller, como se di no evanxeo de hoxe, “nin un rabo de peixe” ou que o Xesús do lago de Xenesaret non está xa connosco para nos botar unha man. No primeiro podemos certamente fallar. Mais no segundo, no que se refire a Xesús e ó seu Espírito, non podemos pensar que el nos teña abandonado ó volvermos do mar coa barca baleira de peixes. A nosa fe asegúranos que Deus actúa e seguirá actuando no mundo e tamén entre nós, aínda que iso non teña por que ocorrer da maneira que nós pensamos ou  que falsamente cremos ser a única lóxica e correcta.
            Somos todos conscientes, por exemplo, de que nos tempos actuais están a escasear vocacións tanto sacerdotais como relixiosas, que tradicionalmente tiveron sempre unha función bastante importante no oficio evanxélico de “pescar homes”, é dicir, de axudar a xente a viviren coa liberdade e a alegría coas que Deus quere que vivamos. Mais os camiños de Deus non os coñecemos e a historia non rematou aínda, como algúns teorizan ou desexan.
            Desde logo non se trata aquí de pescudar ou de elucubrar sobre o futuro da nosa Igrexa ou sobre o modo concreto como serán os futuros “pescadores de homes” que Deus suscitará no mundo por medio do seu Espírito en tempos vindeiros. O importante é que tomemos conciencia de que Deus segue a habitar entre nós e de que o seguirá a facer tamén entre os que veñan despois de nós do xeito e da maneira que El só coñece. Pois el mesmo asegurounos en Xesús que el estará connosco tódolos días deica á fin do mundo. Pola nosa parte, esteamos sempre atentos á súa palabra e ás súas inspiracións para que nos tempos que nos toca vivir levemos á práctica a súa mensaxe de amor e fraternidade.
            Neste sentido, como este domingo é o día da “Campaña contra a fame no mundo”, promovida por “Mans Unidas”, teñamos de maneira especial presentes na nosa mente e nos nosos corazóns a tantos como, incluso nos tempos de hoxe, continúan a pasar fame e esforcémonos en traballar do modo máis eficaz que poidamos para que deixe dunha vez de existir o grave escándalo de que, mentres que no mundo morren millóns de nenos e persoas por enfermidades perfectamente curábeis, se destinen crecentes recursos para guerras e se recorten en cambio para alimentos.
            Sexamos, pois, nas nosas vidas sandadores da humanidade e non cómplices da existente inhumanidade.


Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:



RECURSOS CATEQUESE DE GALICIA:


Comentarios

Publicacións populares