Domingo 6 de Ordinario C



PRIMEIRA Xer 17, 5-8
Maldito quen confía no home; bendito quen confía en Deus
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 5Así fala o Señor:
-Maldito o home que confía no home:
pon a súa forza na carne, e retira do Señor o seu corazón.
6Será coma un cardo no ermo, non verá vi-la fartura;
habitará nas pedras do deserto, terra salobre e inhabitable.
7Bendito o home que confía en Deus:
a súa esperanza é o Señor.
8Será coma unha árbore trasplantada xunto á auga,
que bota as súas raíces para o regueiro;
non notará cando veña a seca,
e a súa follaxe estará frondosa;
nos anos de seca non terá preocupacións,
pois non deixará de dar froito.



SALMO RESP. Sal 1, 1-2. 3. 4 e 6
R/ (Sal 39, 5a): Bendito quen puxo a súa esperanza no Señor

1Benaventurado aquel
que non se guía polo consello dos malvados,
nin se detén no camiño dos pecadores,
nin senta na xunta dos burlóns,
2senón que ten o seu contento na vontade do Señor
e nela remoe día e noite.

3É coma árbore plantada onda os regueiros:
dá froito ó seu tempo,
as súas follas non murchan,
e todo o que fai acaba ben.

4Non son así os malvados,
serán coaño que leva o vento.
6pois do camiño dos xustos coida o Señor,
mentres vai á perdición o camiño dos malvados.


SEGUNDA 1 Cor 15, 12 . 16-20
Se Cristo non resucitou, a nosa fe é inútil
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmáns e irmás:
12Se se predica que Cristo resucitou dos mortos, ¿como é que andan algúns de entre vós
dicindo que non hai resurrección dos mortos? 16Pois, se os mortos non resucitan,
tampouco Cristo está resucitado. 17E, se Cristo non está resucitado, a vosa fe é unha
ilusión: estades aínda nos vosos pecados.

18Resultaría tamén que os que finaron en Cristo pereceron completamente. 19Ora, se a
esperanza que temos en Cristo é soamente para esta vida, nós sómo-los máis dignos de
compaixón entre tódolos homes.

20Pero non: Cristo resucitou dos mortos, coma primicia dos que dormen.



ALELUIA Lc 6, 23ab:
Alegrádevos e reloucade, di o Señor;
porque é grande a vosa recompensa no ceo

 

EVANXEO Lc 6, 17. 20-26:
Ditosos os pobres. Ai dos ricos!
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

17Baixando Xesús cos Doce, detívose nunha vagoada cun bo grupo de discípulos e
numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e mais de toda a ribeira de Tiro e Sidón

20Xesús coa mirada posta nos seus discípulos dixo:
-Ditosos vós os pobres,
porque voso é o Reino de Deus.
21Ditosos os que agora pasades fame,
porque Deus vos fartará.
Ditosos os que agora chorades,
porque riredes.

22Ditosos vós, cando vos aborrezan os homes,
vos expulsen e vos aldraxen,
cando poñan nas listas negras o voso nome
por causa do Fillo do Home:
23alegrádevos nese día, brincando de gozo,
porque grande será a vosa recompensa no ceo,
pois así mesmo foi como os pais deles lles fixeron ós profetas.

24Pero, ai de vós, os ricos,
porque xa acadáste-la vosa satisfacción!
25Ai de vós, os que agora estades fartos:
xa pasaredes fame!
Ai de vós, os que agora rides:
xa choraredes e xa laiaredes!
26Ai, cando todos falen ben de vós:
o mesmo fixeron os seus pais cos falsos profetas!


Comentarios

Publicacións populares