Domingo 4 de Ordinario C

PRIMEIRA Xer 1, 4-5. 17-19
Fíxente profeta para as nacións
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 Nos días de Iosías, a palabra do Señor veume dicir:
5-Antes de que te sacara do seo da túa nai, mireite;
antes de lle saíres das entrañas, consagreite;
constituínte profeta para as nacións.
17Pero ti has cingui-lo teu van
has erguerte e dicirlles
todo o que eu che mande.

Non te acovardes por medo deles,
non sexa que eu te faga esmorecer diante deles.
18Fíxate: hoxe convértote en cidade cortada a pico,
en columna de ferro, en muralla de bronce, para todo o país,
para os reis de Xudá e para os seus príncipes,
para os seus sacerdotes e para a xente do campo.
19Faranche guerra, pero non poderán contigo,
pois contigo estou eu para te salvar -é o Señor quen fala-.

SALMO RESP. Sal 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15ab e 17
R/ (cf 15ab): A miña boca pregoa a túa salvación, Señor

1En ti, Señor, acóllome,
que endexamais non me vexa confundido.
2Pola túa xustiza, líbrame, deféndeme,
inclina o teu oído e sálvame.

3Se ti a rocha do meu refuxio
sempre disposta para salvarme:
Ti que e-la miña forte cidadela.
4Rescátame, meu Deus, do poder dos malvados,

 5Ti es, Señor, a miña esperanza,
a miña confianza, Señor, desde a mocidade.
6Desde o nacemento apóiome en ti,
desde o seo materno ti e-lo meu amparo,

15A miña boca pregoa a túa xustiza,
a túa salvación, o día enteiro.
17Desde a mocidade ensínasme ti, Deus,
e aínda hoxe eu canto os teus prodixios.

SEGUNDA 1 Cor 12, 31 - 13, 13 (máis longa)
Permanecen a fe, a esperanza, e o amor; pero delas a meirande é o amor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmáns e irmás:
31Cobizade os carismas mellores. Pero, ademais aínda vos vou mostra-lo camiño por excelencia.

13 1Por moito que eu falase as linguas todas dos homes e as dos anxos, se non tiver amor, non sería máis ca un bronce que resoa ou un pandeiro que repenica.

2Por moito que eu falase inspirado e comprendese tódolos misterios e mais toda a ciencia e tivese tanta fe que movese os montes, se non tiver amor, non sería nada.

3Por moito que eu reparta todo o que teño e me deixe queimar vivo, se non tiver amor, non me sería de proveito ningún.

4O amor é de corazón grande, é servicial. O amor non ten envexa, non ten fachenda, non se ensoberbece; 5non é malcriado, non busca a súa comenencia, non se alporiza, non garda malicia; 6non simpatiza coa inxustiza, senón que se alegra coa verdade. 7Desculpa sempre, fíase sempre, espera sempre, atura sempre.

8O amor non pasa endexamais; mentres que as profecías desaparecerán, as linguas calarán, a ciencia acabará. 9Porque a nosa ciencia é limitada e limitada é a nosa inspiración: 10e cando veña o perfecto, desaparecerá o limitado. 11Cando eu era neno, falaba coma un neno, pensaba coma un neno, razoaba coma un neno; cando cheguei a home, deixei de lado as cousas de neno. 12Igual-mente: agora vemos nun espello, escuramente; pero daquela habemos ver cara a cara. Agora coñezo dun modo incompleto; pero daquela hei coñecer tan ben coma Deus me coñece a min. 13En resumo: hai tres cousas que permanecen: a fe, a esperanza, e o amor. Pero delas a meirande é o amor.

 Ou máis breve: 13, 4-13

ALELUIA Lc 4, 18:
O Señor mandoume evanxelia-los pobres
a predicala remisión ós cautivos

EVANXEO Lc 4, 21-30
Xesús coma Elías e Eliseo non é mandado soamente para os xudeus
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

21Empezoulles a dicir Xesús na sinagoga:
-Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

22E todos se lle puxeron á contra, estrañados polas palabras de gracia que saían da boca del. E dicían:
-¿Pero non é este o fillo de Xosé?

23El díxolles:
-Seguramente me recordaredes aquel refrán: Médico, cúrate a ti mesmo; todo canto oímos que fixeches en Cafarnaúm, faino aquí na túa terra.

24Pero el continuou:
-Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. 25Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; 26e a ningunha delas mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. 27E moitos gafos había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o sirio.

28Oíndo estas cousas, tódolos que estaban na sinagoga puxéronse feitos unhas feras; 29así que, erguéronse, botárono fóra da vila, levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de o precipitaren embaixo. 30Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.

Comentarios

Publicacións populares