FICHA E LECTIO: DOMINGO VII DE ORDINARIO C
Endexamais matarás
(20 de febreiro de 2022)
Aproximándonos
xa á fin do liturxicamente chamado “Tempo Ordinario” –pois o próximo domingo será
xa o último domingo pertencente a este tempo- ofrécensenos hoxe á nosa
consideración uns textos do Antigo e mais do Novo Testamento moi
significativos. Ámbolos dous están en relación con ese especial e fondo modo de
ser dun cristián consciente do “lugar” –pra dicilo un pouco vulgarmente- desde
o que el pensa e actúa ou, polo menos, debería pensar e actuar.
Sabemos
que o Novo Testamento cristián está en continuidade co Antigo Testamento, por
máis que a centralidade da persoa de Xesús no novo Testamento leve á súa máxima
radicalidade a mensaxe de Deus á humanidade de que Deus é Pai. Pai noso, Pai de
todos grazas a Xesús, o Fillo de Deus, que se fixo irmán noso e igual a nós na
súa carne e na súa vida. De modo que xa non somos simples seres humanos, senón
irmáns ó tempo do Fillo de Deus e emparentados, polo tanto, con Deus mesmo por
pura graza del.
A
min sempre me impresionou moito ese relato do primeiro libro de Samuel (da
primeira Lectura de hoxe) no que David respecta con valentía e xenerosidade a
vida de Saúl, que era o seu perseguidor, cando o tiña a mercé súa durmindo
tranquilamente ós seus pés. Razón deste comportamento do santo rei David? Saúl
era para David, tal como se nos di no relato veterotestamentario, “o unxido do
Señor”.
Mais
resulta agora que no Novo Testamento, coa aparición onda nós de Xesús e o
descenso do Espírito Santo mandado onda nós polo Pai e polo Fillo, somos todos,
como o era Saúl para o futuro rei David, “unxidos do Señor” e polo tanto
inviolábeis e sagrados, coa sacralidade da nosa orixe e destino divinos. Temos
todos a dignidade e a grandeza de sermos fillos de Deus, fillos queridos polo Pai
Deus, ó que podemos invocar con verdade como Pai, como Pai-Nai. Así nos
aprendeu Xesús a dirixírmonos a el na nosa oración básica e fundamental: “Noso
Pai, que estás no ceo”.
As
consecuencias que de aquí se derivan en relación co noso comportamento cos
demais, irmáns nosos, son moi importantes e de gran transcendencia moral e
social. Nelas se basea en realidade a construción ou instauración do “Reino de
Deus” querido por Xesús. Por iso son tan fermosas e concretas, tan fondas e ó
tempo tan doadas de entender as propostas ou consellos que lles proclama e
comunica Xesús ós seus discípulos, segundo nos conta Lucas en continuidade
estrita co que nos dicía no texto do evanxeo do anterior domingo: “Amade os
vosos inimigos, facédelles ben...”, “Sede compasivos”... “Non xulguedes, ...
non condenedes”, etc.
Referíndose
precisamente a estes textos do evanxeo de hoxe diranos con razón Manolo Regal
Ledo, nun dos seus comentarios, que o que neles “se nos anuncia podiamos
consideralo como o máis requintado da ensinanza de Xesús”. Así é.
Agora
ben, por que? Por que proceder así, dese xeito tan bondadoso e comprensivo?
Pois simplemente porque todos eles, os outros, son e seguen a ser, pese a todo,
irmáns meus, sáibano eles ou non, procedan eles como tales ou non... Só así
será posíbel ademais romper o círculo diabólico do mal, do odio e da
destrución, que continúa aínda a asolar países e nacións do noso mundo moderno,
fachendoso por outra parte dos seus fabulosos adiantos técnicos.
Os
cristiáns deberiamos ser persoas libres, que traballan pola liberdade, a
xustiza e a dignidade de todos. E hai dignidade meirande neste mundo (e tamén no
outro) cá de sermos “fillos de Deus”?
En
relación con isto, menos mal (ía xa sendo hora!) que por fin o papa Francisco decidiu
modificar hai tres anos o Catecismo da Igrexa Católica considerando agora como
“inadmisíbel” a pena de morte, que tantos países aínda manteñen nas súas
lexislacións e que incluso a Igrexa consideraba ata entón como admisíbel aínda
que en circunstancias excepcionais.
Se
todos somos irmáns e fillos de Deus, como é posíbel que poidamos asentir a que
a un irmán meu, por moi amoral que el sexa, se lle arrebate a vida? Esa vida,
que é un don e un poder do que ninguén de nós somos donos. Só Deus é o doador
da vida e das nosas capacidades de dala e transmitila!
Coa
aparición entre nós dun Deus bondadoso e compasivo, que se nos amosa no Xesús
en que cremos, as cousas modificáronse radicalmente. Porque resulta que agora
Deus non está só, para dicilo dalgunha maneira, “alá arriba”, senón entre nós.
Ó ser Xesús conxuntamente Fillo de Deus e irmán noso, como un máis entre nós,
entón toda a humanidade e cada un de nós viñemos acadar unha dignidade divina,
“sagrada”.
Por iso nos dirá o apóstolo Paulo nunha das súas Cartas:
“¿Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós?
Se alguén destrúe o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós”.
En calquera caso, o desamor que poidamos recibir por
parte doutros non se pode combater coa mesma arma, co desamor. Nisto, tal como
vemos, Xesús foi moito máis alá dos comportamentos tradicionais. Nada, polo
tanto, do “ollo por ollo ou dente por dente” e comportamentos semellantes.
Para el hai que ir alén do que o outro poida pedir ou
esperar de min. Alén do que as normas de xustiza ou dunha aceptábel relación
cívica poidan esixir. Vivamos, pois, o don divino da nosa fraternidade en toda
a súa radicalidade. Fraternidade que debería primar sobre calquera outra
consideración ou diferenza.
Tarefa ben grande a nosa. Intentar, coa graza e axuda de
Deus, reflectir e practicar na terra nada menos que a bondade “total”,
infinita, do Deus Pai noso que está no ceo!
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario