DOMINGO DA PRESENTACIÓN DO SEÑOR
LECTIO:
PRESENTACIÓN DO SEÑOR
2-II-2025
Tal
como ocorre con outras festividades cristiás, a da Candeloria está construída
sobre outras celebracións máis antigas. En relación coa de hoxe fálasenos dunha
antiga “festa da luz” de celtas e romanos. No mes de febreiro o inverno
empezaba xa a espreguizarse para deixar paso á primavera. A luz que ía
paseniñamente en aumento era xa a protagonista destas celebracións anteriores á
era cristiá. Pois estamos xa no limiar do paulatino fortalecemento do sol
despois da súa estraña febleza no inverno.
En
calquera caso, esta festa tivo dentro xa da era cristiá diversas modificacións.
No cristianismo oriental celebrábase con presenza de luz e candeas como sinal e
acompañamento do encontro con Deus do Neno Xesús no templo de Xerusalén. “De
Oriente vén a luz”, podemos dicir tamén. De alí vén esta nosa festa relacionada
coa luz e coas candeas. Chamámola por iso a festa da “Candeloria”. Na igrexa
bendícense as candeas. As mesmas que logo se usarían no día do xoves santo ou
que se lle porían na man a algún moribundo familiar para que lle resultase
doado e bendito o seu paso ó alén. Hai ou había procesión na igrexa nesta festa
da Candeloria coas candeas acendidas; e acendidas se mantiñan tamén durante a
celebración da eucaristía.
Antes
tamén (e ó dicir aquí “antes” estoume a referir agora a “antes” do Concilio
Vaticano II, de non hai aínda moito tempo), antes –digo- esta festa chamábase a
festa da “Purificación” da Nosa Señora, por aquilo (que xa por fin non se leva)
de que as nais tivesen que se “purificar” algún tempo despois de daren a luz.
Agora nos folletos e libros oficiais só se fala da festa da “Presentación do
Señor”. Con esta nova denominación vén recuperar Xesús o primeiro protagonismo
oriental, aínda que María continúa loxicamente presente en canto nai do neno
Xesús levado no colo por ela ó entraren no templo de Xerusalén.
A
verdade é que con Xesús como centro non deixamos de recuperar tamén fermosos e
importantes elementos dos ritos máis antigos: a luz das candeas da “Candeloria”
ou María que se purifica no templo de Xerusalén. Por outra parte, sabemos ben
que Xesús falará de si mesmo como “luz” do mundo, luz que disipa as tebras,
lume purificador que nos limpa ou nos libera de calquera angustia de pecado e
de todo ritualismo baleiro. É el quen nos trae a “alegría do evanxeo”, para
utilizar o título da encíclica do noso papa Francisco. Por iso se alegraron
tanto os velliños Ana e Simeón no templo de Xerusalén. Levaban moito tempo
desexándoo e esperándoo. E agora, case xa a punto de eles deixaren esta vida,
teñen a felicidade de recibiren o premio máis fermoso de tódalas loterías...
Xesús, o Salvador, o esperado de tódalas nacións, alí está, diante deles, no
colo da súa nai. E poden tocalo e collelo no colo eles mesmos.
Fannos
falta quizais moitos anos para chegarmos a recoñecer a Deus entre os pobres e
pequenos. Deus preséntase no seu fillo Xesús como algo moi paradoxal no solemne
templo de Xerusalén. Deus non está nas alturas ou entre os grandiosos himnos e
sacrificios dun marabilloso templo como o de Xerusalén, senón no humilde seo dunha
familia pobre que entra no templo para cumprir co establecido pola lei.
Simeón
e mais Ana estaban contentos como nenos con zapatos novos ó descubriren no neno
Xesús o Deus que salva, o Deus que está connosco. Só o puideron saber ou intuír
porque con eles, con Simeón e con Ana, estaba o Espírito Santo, o Espírito de
Deus. Que este Espírito estaba con Simeón dínolo o propio evanxelista Lucas. E
hai que supoñer que Ana, a velliña de oitenta e catro anos (moito para aqueles
tempos) non sería menos en entrega a Deus ca Simeón. Sobre ela dinos Lucas que non
se apartaba do templo nin de noite nin de día, servindo a Deus con xaxúns e
oracións.
Decatámonos
tamén así que na fermosa festividade da Candeloria os protagonistas son os
pequenos, os nenos, representados polo neno Xesús, mais tamén os maiores, os
cargados de anos pero máis cargados aínda de grandes desexos, esperanzas e boas
obras, representados por Ana e Simeón. En certo modo, Simeón e Ana son algo así
como os representantes do Antigo Testamento que lle dan parabéns agradecidos a
ese neno co que se inicia o novo Testamento. Mentres que a velliña Ana
“glorificaba a Deus” ante a presenza do neno, Simeón lóao, cheo de consolo e
ledicia, como “salvación” de Deus, como “luz de revelación para os xentís” e
como “gloria do pobo de Deus Israel”.
Porque
a “luz” -a candea que dá luz e calor- está aí para todos, para xudeus e xentís.
É el un regalo gratuíto de Deus Pai ó mundo. Sabemos que os xudeus tiñan que
rescatar ou recuperar ritualmente os seus primoxénitos con algún don que
entregaban no templo. Ás familias pobres, como a de Xesús, éralles abondo con
que deixasen no templo “dúas ruliñas ou dos pombiños”. De modo que o Pai Deus
dános a todos o seu fillo “benquerido” a cambio de ben pouca cousa. Por algo é
el, Xesús, o sinal definitivo do seu amor a nós.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/4-tempo-ordinario-c-lucas-421-30-5/
Comentarios
Publicar un comentario