DOMINGO VII DO TPO. ORDINARIO C

 Oracional Galego en Spotify

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

Domingo VII Ordinario

23 febreiro 2025

            Ofrécensenos hoxe á nosa consideración uns textos do Antigo e do Novo Testamento moi significativos. Os dous están en relación co especial modo de ser dun cristián consciente da dimensión desde a que el debería pensar e actuar.

            Sabemos que o Novo Testamento está en continuidade co Antigo, por máis que a centralidade da persoa de Xesús no novo Testamento leve á súa radicalidade a mensaxe de que Deus Pai é tamén o noso Pai. De modo que xa non somos simples seres humanos, senón ó tempo irmáns do Fillo de Deus e emparentados, polo tanto, con Deus mesmo por pura graza del.

            Sempre me impresionou ese relato do primeiro libro de Samuel (da primeira Lectura) no que David respecta con valentía e xenerosidade a vida de Saúl, o seu perseguidor, cando o tiña a mercé súa durmindo tranquilamente ós seus pés. Cal foi a razón deste comportamento do santo rei David? Pois a de que Saúl era para David, tal como se nos di no relato, “o unxido do Señor”.

            Mais resulta que agora no Novo Testamento, coa aparición onda nós de Xesús e o descenso do Espírito Santo mandado onda nós polo Pai e polo Fillo, somos todos, como o era Saúl para o futuro rei David, “unxidos do Señor” e polo tanto inviolábeis e sagrados, coa sacralidade da nosa orixe e destino divinos. Temos todos a dignidade e a grandeza de sermos fillos queridos polo Pai Deus, ó que podemos invocar con verdade como Pai, como Pai-Nai. Así nolo aprendeu Xesús na nosa oración básica e fundamental “Noso Pai, que estás no ceo”.

            As consecuencias que de aquí se derivan en relación co noso comportamento cos demaisson de gran transcendencia moral e social. Baséase nelas en realidade a construción do “Reino de Deus”querido por Xesús. Por iso son tan fermosas e concretas, tan fondas e ó tempo tan doadas de entender as propostas ou consellos que lles proclama e comunica Xesús ós seus discípulos, tal como nolo conta Lucas en continuidade estrita co que se nos dicía no texto do evanxeo do anterior domingo: “Amade os vosos inimigos, facédelles ben...”, “Sede compasivos”... “Non xulguedes, ... non condenedes”, etc.

            Referíndose a estes textos do evanxeo de hoxe diranos con razón Manolo Regal Ledo, nun dos seus comentarios litúrxicos, que o que neles “se nos anuncia podiamos consideralo como o máis requintado da ensinanza de Xesús”. Así é.Agora ben, por que? Por que proceder así, dese xeito tan bondadoso e comprensivo? Pois simplemente porque todos eles, os outros, son e seguen a ser, pese a todo, irmáns meus, sáibano eles ou non, procedan eles como tales ou non. Só así será posíbel ademais romper o círculo diabólico do mal, do odio e da destrución, que aínda continúa a asolar países e nacións do mundo moderno, fachendoso dos seus fabulosos adiantos técnicos e bélicos.

            Os cristiáns deberiamos ser persoas libres, que traballan pola liberdade, a xustiza e a dignidade de todos. E hai dignidade meirande cá de sermos “fillos de Deus”? En relación con isto, menos mal que por fin o papa Francisco decidiu modificar hai xa algúns anos o Catecismo da Igrexa Católica considerando agora como “inadmisíbel” a pena de morte, que tantos países aínda manteñen nas súas lexislacións e que incluso a Igrexa consideraba ata entón como admisíbel aínda que en circunstancias excepcionais. Pois se todos somos irmáns e fillos de Deus, como é posíbel que poidamos asentir a que a un irmán meu -por moi amoral que sexa- se lle arrebate a vida? Esa vida, que é un don e un poder do que ninguén de nós somos donos.Coa aparición entre nós dun Xesús bondadoso e compasivo as cousas modificáronse radicalmente. Pois resulta que agora Deus non está só, para dicilo dalgunha maneira, “alá no alto”, senón entre nós, en Xesús, na súa humanidade e divindade. Somos así todos sagradas e sagrados, tal como nos di Paulo nunha das súas Cartas: “¿Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? Se alguén destrúe o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós”.           

            En calquera caso, o desamor que poidamos recibir por parte doutros non se pode combater coa mesma arma. Sabemos que Xesús foi nisto moito máis alá do tradicional, rexeitando o “ollo por ollo e dente por dente” e comportamentos semellantes. Para Xesús hai que comportarsealén do que o outro poida pedir ou esperar de min. Alén do que as normas de xustiza ou dunha aceptábel relación cívica poidan esixir de nós.


Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/7-tempo-ordinario-c-lucas-627-38-2/


FICHA 1 / FICHA 2






Comentarios

Publicacións populares