Ficha e Lectio - Domingo 2 do Tpo. Ord B
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO II TEMPO ORDINARIO
(18. I. 2015: Ciclo B)
Comezamos
con este domingo o que se adoita chamar “tempo ordinario” na liturxia, unha vez
rematado o tempo de Nadal, no que Xesús se nos facía presente dunha maneira moi
especial e íntima.
A
festividade do anterior domingo, a do Bautismo do Señor, viña ser algo así como
o paso do Antigo Testamento ó Novo, actuando en certo modo Xoán Bautista como
intermediario entre os dous Testamentos. O propio Bautista nos dicía que o que
agora importa é sermos bautizados por Xesús “no Espírito Santo”, instaurándose
así unha nova relación filial con Deus como Pai noso. Agora xa non somos
“servos”, senón fillos.
Pois
ben, a vida e o comportamento de Xesús son os que nos van ir aprendendo a esta
nova relación filial con Deus. Xesús, niso que chamamos a súa “vida pública”,
vai empezar a chamar e convidar a xente normal e corrente (traballadores,
pescadores, etc.) á participación na súa experiencia filial co seu Pai Deus e á
amorosa relación fraternal entre todos. Está aí xa en xermolo o que será a
primeira comunidade cristiá.
O
relato que hoxe nos presenta o evanxeo de Xoán é para min, na súa sinxeleza e
emotividade, unha verdadeira marabilla. Un Xesús para eles descoñecido, se non
fose pola indicación que lles fai o Bautista, pasa preto de Xoán Bautista e de
dous dos seus discípulos. Parece que
Xesús ía camiñando só. Isto de camiñar só é naturalmente un dicir, porque
seguro que o seu corazón e a súa mente non deixarían de estar en íntima
relación co seu Pai Deus e con tódolos seus irmáns, os homes e as mulleres da
súa terra, que era tamén o seu mundo. O encargo do seu Pai a Xesús era o de
comunicarlles a todos a “boa nova” coa que se inauguraba o Novo Testamento: a
fraternidade universal de todas e todos no noso común sermos fillos e fillas de
Deus.
Pero
para isto Xesús precisaba de persoas que se comprometesen neste labor de
faceren a experiencia do amor que Deus nos ten como Pai e de comunicarlla ós
demais. Estas persoas son as que chamamos os apóstolos e discípulos do Señor. A
nosa igrexa de Vigo, polo seu título dos “Apóstolos”, que presiden coa súa
imaxe as celebracións eucarísticas, quere ser explicitamente continuadora desa
experiencia viva dos primeiros apóstolos. En realidade, aquilo que lles
indicara o Bautista ós seus dous discípulos, dicíndolles “Velaquí o Año de
Deus”, resoa e está aínda presente no que se proclama antes da comuñón: “Este é
o Año de Deus que quita o pecado mundo...”.
Esta
indicación do Bautista, xeneroso e desprendido de calquera interese particular en
relación coa súa clientela de seguidores, cambiou para sempre a vida dos seus
dous discípulos. Pois deixaron de ser discípulos seus para se converteren en
discípulos daquel que os ía bautizar “no Espírito Santo” (con todo o que xa
sabemos que isto significa).
Ó
se decatar Xesús de que viñan tras del os que neste mesmo día se converterían
en discípulos seus, limitarase en principio a lles preguntar: “¿Que buscades?”.
Isto
de “buscar” a Xesús ou de buscar a Deus é, desde logo, un tema abondo complicado,
no que non me podo deter como me gustaría. Pero douvos polo menos dúas
referencias de tipo histórico. San Bernardo, o reformador cisterciense do
século XII, dicía en relación con esta busca de Deus o seguinte: “Ninguén pode
buscarte se antes no ten encontrou”. E cinco séculos despois, no século XVII, o
científico e filósofo-teólogo francés Pascal poñía en boca de Xesús algo
semellante: “Ti non me buscarías se non me tiveses encontrado”.
Con
estas referencias o que quero dicir é que, cando Xesús lles pregunta ós seus
novos aprendices de discípulos “Qué buscades?”, sabe moi ben que eles, por
medio do Bautista e pola propia experiencia que posuían de Deus, xa se tiñan
atopado no fondo do seu corazón con el, aínda que non soubesen perfectamente de
que se trataba. Non podemos esquecer que sen a graza de Deus, sen que Deus
dalgún modo nos convide ou chame, nin sequera poderiamos ter desexos de
achegármonos a el, é dicir, de “buscalo”. Se pensásemos doutra maneira,
seriamos semellantes a aqueles pelaxianos ou semipelaxianos, contra os que tivo
que loitar xa o primeiro cristianismo.
Xesús
convídaos, pois, a que veñan e vexan a súa vivenda, o seu “pisiño” coma quen
di. Sería quizais unha pequena cabana, unha choza ou chabola. Para máis non daban
os escasos haberes dos que Xesús podería dispor polos traballiños que
realizaba. Foi alí, na súa conversa con Xesús, onde fixeron eles a súa
fundamental experiencia de Deus, do Deus de Xesús: a experiencia dun Deus que
salva, libera e dá vida para sempre.
Eu
tendo a pensar que neste primeiro encontro non lles falaría Xesús directamente
sobre si mesmo, senón que se interesaría ante todo pola vida deles, poñéndose á
súa disposición. As preguntas de Xesús poderían ser algo así como estas: de
quen sodes?, en que traballades?, como vos vai?, tendes algún problema? ou algo
semellante. Pois o auténtico sentido da amizade, do amor, do compañeirismo
amósase en que un non se preocupa polos propios problemas, senón polos
problemas dos demais, daqueles que se
achegan con confianza a un.
Non
é nada estraño que desde este momento e para sempre quedasen eles seducidos
pola persoa de Xesús. Tanto que, dentro da moderación e escaso barroquismo do
relato, non se deixa de indicar significativamente nel que iso ocorreu “contra
as catro da tarde”. E ademais un deles, Andrés, irá axiña contarllo ó seu irmán
Pedro para lle dar a gran nova: “Encontramos o Mesías”. E Pedro, que chega onda
Xesús presentándose como “Simón, o fillo de Xoán”, sairá de alí transformado tamén
nunha nova persoa, aquela sobre a que Xesús poderá construír a súa igrexa. Por
iso o seu nome é dende agora fundamento, alicerce, pedra, ou sexa, Pedro.
Para
rematar xa. Só poderemos garantir, pola nosa parte, termos experimentado
encontros semellantes ós que tiveron con Xesús estes discípulos de Xoán
Bautista, se tras tales encontros nos sentimos impelidos cara a tarefas que
teñan que ver co exercicio da fraternidade e do servizo ás persoas. Pois a
experiencia de Xesús só pode producir efectos deste tipo.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Diriximos
cara a ti, Pai, a nosa oración comunitaria, pedíndoche que nos deas a túa graza
para experimentarmos a túa presenza salvadora e vivificadora en nós, dicindo:
ESCÓITANOS, PAI.
-
Dános, Pai, graza para sabermos estar atentos ós sinais da túa presenza, do teu
paso entre nós, nas nosas vidas.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Concédenos, Pai, a túa graza para podermos descubrir nas persoas, sobre todo
nas máis necesitadas de axuda, o teu fillo Xesús que con eles se identifica e neles
se fai presente a nós. TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Fai, Pai, que a túa Igrexa se anime a saír de si mesma cara ós demais, cara ás
persoas que precisan recibir e experimentar en si mesmas a mensaxe de Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, fillo
teu e irmán noso. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario