Ficha e Lectio - Domingo 3 de Ordinario B
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO III DO T. O.
(Ciclo B: 25 de xaneiro de
2015)
O
evanxeo de Marcos segue a presentarnos a busca de Xesús de compañeiros, de
persoas dispostas a se facer irmáns e colaboradores seus na tarefa do anuncio
da “boa nova”, do evanxeo. Xesús convida e chama, suscitando nas persoas
desexos de encontrárense con el. Este encontro está, como sabemos, posibilitado
sempre polo vento do Espírito de Deus que empuxa as velas dos nosos desexos.
Antes
de encontrárense física e historicamente con Xesús, tanto os irmáns Simón Pedro
e Andrés coma os tamén irmáns, Santiago e Xoán estaban xa “tocados” polo
Espírito de Xesús, que traballa arreo dunha ou doutra maneira en tódalas
persoas.
É
un misterio o da vida humana de cadaquén. Cada un ten o seu propio estilo, o
seu xorne, o seu mundo interior, condicionado ademais por moitas factores
(biolóxicos, psíquicos e sociais). Por iso, ninguén ten dereito nin capacidade
para xulgar a ninguén.
Mais,
en calquera caso, para anunciar a súa noticia alegre, é dicir, o evanxeo da liberación
e de vida, Deus busca “buscadores”, busca entre persoas que non estean xa
satisfeitas do que son ou do que fan. Busca por iso entre xente sinxela, pobre
de haberes e de poderes mais ricos en desexos e en vontade.
Polo
menos entre tales buscou Xesús os seus apóstolos, aínda que algún deles a pesar
de todo lle fallase despois de pasar un bo tempo con el. Pero ese é tamén o
fondo misterio da nosa liberdade.
O
evanxeo refírese hoxe explicitamente á chamada dalgúns dos seus apóstolos. Pero
con eles e onda eles había tamén moitos outros discípulos e xente de toda clase
que o seguiron. En todos eles soprou o vento do Espírito de Deus, do Espírito
de Xesús. Falamos con frecuencia de vocacións sacerdotais ou relixiosas. Mais
non debemos esquecer que todo cristián normal, dos que podemos chamar de a pé,
ten tamén a súa propia “vocación”, é dicir, a súa propia “chamada” (pois iso
significa “vocación”: chamada ou chamamento). Sentirmos a chamada a unha vida
verdadeiramente cristiá significa que estamos abertos a esas inspiracións,
convites, impulsos, desexos, que dunha ou doutra maneira nos van movendo ou
conmovendo cara ó ben. Cara a esa crenza de que Xesús é o noso irmán maior e de
que todos somos e debemos comportarnos como irmáns.
Por
iso, pódese dicir que o estilo da chamada ou do convite que Xesús fai ós seus
apóstolos é o mesmo que el dirixe a quen queira converterse en seguidor seu. Os
catro apóstolos de hoxe eran de oficio pescadores. Afincados neste cidade de
Vigo que se mira tódolos días no espello da ría e do mar, sabedes ben o que é
isto significa. Un pescador (de mar ou tamén de río) quere, busca, que o peixe
pique ou se enrede na rede. Un pescador é un home de espera, de paciencia, que
busca e traballa co anzol, coa isca, coa rede, coa esperanza de dar cos peixes
que se converterán en alimento e vida para a xente.
Non
é nada estraño que entre estes pescadores de peixes buscase Xesús pescadores de
homes: “fareivos pescadores de homes”. Calquera que viva de verdade a vida
cristiá segue a ser tamén unha persoa coma os demais, unha persoa de desexos e
de esperanzas que se converteu de verdade en auténtico irmán dos demais,
“pescador dos demais”, para facelos partícipes da alegre mensaxe dun novo xeito
de vivir.
Conclúo
xa léndovos, por boca do seu protagonista, como se realizou unha vocación
concreta nos nosos días. É a vocación, a chamada, oída e aceptada con
entusiasmo por alguén que, desde a construción desta igrexa dos Apóstolos,
celebrou durante arredor de vinte anos a partir do ano 1965 moitas misas aquí
mesmo na nosa lingua galega. Refírome ó P. Xaime Seixas Subirá, do que neste novo
ano 2015 estamos a celebrar o primeiro centenario do seu nacemento en Santiago
no ano 1915. Algúns de vós tivestes aínda a sorte de coñecelo. Sirva esta nosa
lembranza como pequena homenaxe á súa persoa. Léovos do libriño Conversas do Pai Xaime Seixas con Silvestre Gómez
Xurxo:
“Foi entre os 15 e 16 anos cando
sentín a miña vocación misioneira. O que pasa é que eu estaba absorto noutras
cousas como a política e tamén por certos namoramentos... En resumo, que con
todo isto a chamada vocacional foise quedando aí, medio esquecida, agardando
calada e firme como quen sabe que ha chegar á súa hora [...] Chegaba de América
o meu tío Mariano Subirá, famoso avogado, primeiro en Madrid e logo na
Arxentina [...] e colleunos mal de sitio alí en casa dos meus avós Subirá.
Entón, eu que era moi rapaz e me acomodaba en calquera sitio, durmín nun sofá
que había no corredor, e unha noite, nese lugar ben pouco cómodo, tiven unha
premonición que co tempo sería clave na miña vida e que se cumpriu ata nos máis
pequenos detalles. Naquel soño histórico vinme vestido de sotana negra –cousa
rara porque eu nunca pensara ser crego, atraíanme as misións pero a imaxe do
misioneiro era con sotana branca-, sen barba, nunha illa grande e arrodeado de
xente de color, sobre todo de nenos, e ó mesmo tempo sentín internamente, dun
xeito moi profundo e clarísimo que aquilo era o meu futuro. Coa intensidade do
soño espertei cheo dun gran gozo espiritual, algo inusitado deica aquela para
min, e convencido de que acababa de ver o meu futuro.
Pero por vergonza calei porque na
miña familia non había ningún antecedente de dedicación relixiosa. Calei. Foi
pasando tempo, pero aquel soño seguía vivo, seguíame chamando. Finalmente, xa
ós vinte anos, tiña suficientemente claro o da miña vocación e decidinme [Entra na S.J. e pasan anos...] Por fin recibín unha chamada do Pai Baeza,
Visitador Xeral de Hispanoamérica, que me solicitaba como misioneiro para unha
parroquia da República Dominicana na fronteira de Haití, na que había moita
xente negra e que estaba pasando unha etapa tremendamente conflitiva [...] E sentín que definitivamente se ía realizar
o futuro que me agardaba desde había tanto tempo. Preparei todo e funme de
inmediato [...] Un día o misioneiro
da misión veciña á miña na que había moita xente de color, díxome se lle podía
ir dicir misa a unha aldea moi remota, toda de xente negra. Sentín algo moi
especial. Decidín poñerme a sotana negra, como vira no soño. Cando cheguei alí
a aquela aldea de cabanas, coa xente negra que me arrodeou, sobre todo os
nenos, sentinme coma na casa, coma se coñecese aquilo de sempre. Era a estampa
real do meu soño misioneiro”.
Despois de catro anos alá, unha enfermidade (das
que con frecuencia o visitaban) tróuxonolo aquí a Vigo para estar aquí con nós
durante os vinte derradeiros anos da súa vida activa. Seixas foi feliz seguindo
a vocación, a “chamada” do Mestre, coma os primeiros apóstolos.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Pidámoslle
a Deus Pai que nos faga atentos á súa chamada cara ó seguimento da vida e
exemplo do seu fillo Xesús, dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
-
Dános, Pai, grandes desexos de realizar o ben ó longo das nas nosas vidas.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Concédenos, Pai, a graza de experimentar a forza e o agarimo da chamada de
Xesús para dedicármonos a entregar as nosas vidas ó ben dos irmáns.
TODOS:
ESCÓITANOS, PAI.
-
Suscita, Pai, en todo o mundo persoas xenerosas que acepten converterse en
pescadores de homes.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso
Señor. Amén.
MANUEL
CABADA CASTRO
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario