Ficha e Lectio - Domingo 5 Pascua A
LECTIO:
O evanxeo de hoxe forma parte do discurso de despedida de Xesús
aos seus discípulos. As preguntas de Tomé e de Felipe reflicten, no fondo, a
preocupación dos discípulos polo seu futuro, unha vez que Xesús se vaia ao Pai.
Preocupación pola Igrexa postpascual.
“Señor, non sabemos onde vas. Como podemos saber o camiño?”,
é a pregunta de Tomé. Xesús respóndelle: “Eu son o Camiño, e a Verdade, e a Vida.
Ninguén vai ao Pai senón por min. Se me coñecésedes a min, coñeceriades tamén
ao Pai?”. Xesús é o Fillo de Deus, quen nos revela o rostro do Pai. Xesús é o
camiño para ir ao Pai; pero é, tamén, a verdade e a vida, a meta, Deus mesmo.
Ser cristián é, primeiro de nada, crerlle a Cristo. Ter a
sorte de atoparnos con el. O verdadeiramente decisivo na experiencia cristiá é
o encontro con Cristo. Ir descubrindo por experiencia persoal, sen que ninguén
nolo teña que dicir desde fóra, toda a forza, a luz, a alegría, a vida que podemos
ir recibindo de Cristo. Poder dicir desde a propia experiencia que Xesús é
"camiño, verdade e vida".
Descubrilo como camiño. Escoitar nel a invitación a andar, a
cambiar, avanzar sempre, non establecernos nunca, renovarnos constantemente,
sacudirnos de preguizas e seguridades, crecer como persoas, profundar na vida,
construír sempre, facer historia máis evanxélica. Apoiarnos en Cristo para
andar día a día o camiño, unhas veces gozoso outras doloroso, da fe.
Atopar en Cristo a verdade. Descubrir desde el a Deus na
raíz e no termo do amor que os homes damos e acollemos. Darnos conta, por fin,
que a persoa só é persoa no amor. Descubrir que a única verdade é o amor. E
descubrilo achegándonos á persoa concreta que sofre e é esquecida.
Atopar en Cristo a vida. En realidade, os homes cremos a
aquel que nos dá vida. Ser cristián non é admirar a un líder nin formular unha
confesión sobre Cristo. É atoparse cun Cristo vivo e capaz de facernos vivir.
Pero, polo visto, a cousa non quedaba clara, e outro evanxelista,
Felipe pregunta: “Señor, móstranos ao Pai e bástanos”. Sorpréndelle a Xesús que
un discípulo, despois de tanto tempo de convivencia, aínda non lle coñeza, e
contéstalle: “Quen me viu a min, viu ao Pai. Eu estou en Pai e o Pai en min”.
Xesús é o lugar natural de Deus onde o home de hoxe e de
todos os tempos debe buscar a Deus, ao Pai.
Comentarios
Publicar un comentario