Pascua 3A. Has amosarme, Señor, camiños de vida. - Salmo 15

Domingo 3 de Pascua - ciclo A



XESÚS FAI CONNOSCO O CAMIÑO

Xesús,
fas connosco o camiño da vida,
aínda que non te sintamos preto,
aínda que andamos tristes e desalentados.

Ti estás resucitado ao noso lado,
e como gozas na nosa compaña,
introducíndote en nós e nas nosas vidas
para gozar e sufrir connosco
aquilo que nós gozamos e sufrimos!

Canto desexas, Xesús,
que te invitemos a quedar connosco,
porque se fai tarde xa, e andamos cansos,
porque a noite xa se bota enriba
das nosas vidas pequenas e medorentas!

Con que afán
queres partir o teu pan connosco:
pan ledo e doloroso,
o pan miúdo e diario
da fraternidade miúda e diaria tamén;
o pan sobranceiro
da mesa soñada en total fraternidade.

Xesús,
verte e non verte,
sentirte ao noso lado, e pasas ..
seguir vivindo en fe,
pero coa certeza de que estás,
co corazón requentado en ti, por ti.

E volver á loita,
e desdicirnos das renuncias e abandonos
e xuntarnos outra vez co grupo dos amigos,
e animarnos a seguir crendo e esperando
nas cousas, na xente, no mañá,
porque te vimos e estás resucitado.





Comentarios

Publicacións populares