Domingo 5 de Pascua - ciclo A

DOMINGO V DE PASCUA - CICLO A


Primeira Lectura      Feit 6, 1-7
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Escolleron sete varóns cheos do Espírito Santo
  
            Por aqueles días, como ía medrando o número dos discípulos, orixinouse un descontento dos helenistas contra os hebreos, porque se desatendía ás viúvas de fala grega no servizo diario. Entón os Doce reuniron a asemblea dos discípulos e dixeron:
            ‑ Non está ben que deixemos a palabra de Deus para nos dedicarmos ao servizo das mesas.
            Polo tanto, irmáns, escollede de entre vós sete homes de bo creto, cheos de Espírito e sabedoría, e poñerémolos para este oficio. Nosoutros continuaremos dedicados á oración e ao servizo da palabra.
            A proposta gustou á asemblea, e elixiron a Estevo, home cheo de fe e do Espírito Santo, a Filipe e Prócoro, Nicanor, Timón, Pármenas e Nicolao, prosélito de Antioquía; presentáronllelos aos apóstolos, e, despois de orar, impuxéronlles as mans.
            A palabra de Deus crecía, e medraba moito o número dos discípulos en Xerusalén e unha gran cantidade de sacerdotes aceptaban a fe.
                                                                                                                                            
            Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 32, 1-2. 4-5. 18-19
R/. (22): Veña a nós, Señor, a túa misericordia, como de ti o esperamos.
Ou: Aleluia.

Alegrádevos, xustos, no Señor:
ós homes rectos acáelles loarte.
Festexade o Señor coa cítola,
tocade para el con arpa de dez cordas.

A palabra do Señor é recta
e todas as súas obras son leais:
el ama o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.

Os ollos do Señor están postos nos que o temen,
nos que esperan na súa misericordia,
para librar as súas vidas da morte,
para os manter no tempo da miseria.


Segunda Lectura     1 Pe 2, 4-9
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Vós sodes raza escolleita, sacerdocio de reis

            Benqueridos irmáns:
            Ó achegárdesvos ao Señor, pedra vivificadora ‑ de refugallo para os homes, pero pedra escollida e apreciada aos ollos de Deus ‑, sede tamén vós, coma pedras vivas, parte da construción do templo espiritual: para os cultos dun sacerdocio santo e para ofrecer sacrificios espirituais, aceptables a Deus por medio de Xesús Cristo. Por iso lese na Escritura:
            Ollade que eu poño en Sión unha pedra
angular, escollida e digna de honra,
de xeito que quen confíe nela, non levará desengano.
            A súa honra é para vós, os que credes, pero para os que non cren é
a pedra que refugaron os canteiros
e que se converteu en esquinal,
e aínda máis:
en pedra onde se tropeza,
en couce onde un se esnafra.
            Eles tropezan contra a Palabra, porque non lle fixeron caso: tropezar era o seu destino.
Pero, en cambio, vós sodes raza escollida, sacerdocio de reis, nación santa, pobo adquirido por Deus, para pregoardes as marabillas daquel que vos chamou das tebras á súa luz admirable.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 14, 6
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Eu son o camiño, a verdade e a vida, di o Señor;
ninguén chega onda o Pai máis ca por min.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 14, 1-12
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu son o camiño e a verdade e a vida 

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, teríavos dito que vos ía arranxar un lugar?
            E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades tamén vós. E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño.
            Dille Tomé:
            ‑ Señor, se non sabemos onde vas, como imos saber o camiño?
            Xesús respondeulle:
            ‑ Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.
            Filipe díxolle:
            ‑ Señor, móstranos o Pai e abóndanos.
            Xesús replicoulle:
            ‑ Pero, Filipe, levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. Como dis entón "móstranos o Pai"?
            Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras.
            Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras.
            Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo



CHAMADOS A SUPERAR A DIVISIÓN: NIN HELENISTAS NIN HEBREOS....
DE CRISTO E INCLUÍNTES!!!!!!!!!!


ESCOITA ACTIVA
Diante da tentación sempre presente en nós de crer que temos as mellores solucións, polo que non necesitamos nin escoitar nin atender ao que os demais nos poidan dicir, a celebración de hoxe invítanos a deixar atrás este xeito de ver as cousas para comezar a pensar dun xeito inclusivo; é dicir, desde unha perspectiva global, de todos, e non só desde a nosa. Deste xeito a comunidade veríase enriquecida e fortalecida. Que canto celebremos hoxe comunitariamente sexa pulo de cambio e transformación de actitudes nas nosas vidas.


CORAZÓN MISERICORDIOSO
(Podemos substituír esta parte pola aspersión á comunidade e o canto,
A auga do Señor)
v Porque nos pode o individualismo e nos falta capacidade comunitaria, SEÑOR, QUE A DIVISIÓN SEXA ACTITUDE A SUPERAR.
v Porque non construímos sobre pedra, senón sobre area a nosa vida e as nosas conviccións, CRISTO, QUE A DIVISIÓN SEXA ACTITUDE A SUPERAR.
v Porque coidamos que non temos nada que aprender dos demais e nos cremos mellores e superiores, SEÑOR, QUE A DIVISIÓN SEXA ACTITUDE A SUPERAR.

PALABRA ENRAIZADA
·        
      Estando divididos, indo cada un ao seu, é moi difícil poder chamarnos e levar con dignidade o nome de cristiáns. Isto que entenderon ben os membros das primeiras comunidades cristiás, fáltanos a nós moitas veces hoxe en día. Pensamos que temos resposta para todo, que nada podemos aprender dos demais, que os que teñen que someterse ou pasar polo aro son os outros. Nós? Facémolo todo ben. Estas actitudes o que van deixando son regueiros de división, separación e enfrontamento dentro das nosas comunidades, das nosas parroquias, mesmo dos grupos que imos formando na comunidade. Temos que caer na conta que só remando na mesma dirección poderemos ser verdadeiros referentes do seguimento de Xesús e as súas testemuñas, como tantas veces El ten insistido.

·        E isto por que? Porque non se pode asentar sobre bo cimento o que non se constrúe con bos materiais. Se nós fallamos á hora de entendernos e levarnos ben; se o que nos move é o agradecemento e non o servizo; se o que nos fai felices é sacar tallada e beneficio, e non a solidariedade...Se todo isto é así, fallan os materiais que estamos a utilizar para ser comunidade de referencia. E xa sabemos: cando o material non é bo, o cimento reséntese, e a construción vense a abaixo. Isto é o que nos está  a pasar nas nosas comunidades cristiás de occidente actualmente: a fe é rito, a convicción está ausente, a sinceridade á hora de tomar decisións non a hai... Consecuencia: converternos en peza de museo, de xeito que nos ven raros os que non nos coñecen, e incoherentes os que esperarían de nós alegría, convicción, ilusión ou esperanza á hora de sementar, alí onde estamos, presenza viva da mensaxe de Xesús que tanto ilusionou e moveu corazóns para facer cousas que serviran aos demais e puxeran sorriso e respecto nos seus corazóns. Por iso, se nos fallan os cimentos, a construción, tardará máis ou menos, pero acabará por vir abaixo.

·        Pero Deus non é excluínte coma nós. Ao contrario, El segue, unha e outra vez a ofrecernos oportunidades. Faino sen cansar e sen desesperar. E faino así porque ten acollida para todos e respecto universal. Podemos ser dun xeito ou doutro, dun lugar ou doutro, falar esta ou aquela lingua...; pero ao seu carón, na súa casa sempre hai sitio. Sempre dispón un recunchiño para que ninguén quede ao pairo. Por que a nós nos custa tanto entender isto? E se na súa casa hai sitio para todos, por que nas nosas non o hai sequera para os que están máis preto? Non nos damos conta que actuar así, excluíndo, convértenos en decadentes e mediocres? Revisemos con tranquilidade as palabras do evanxeo de hoxe, e fagamos exame de cales son as cousas nas que estamos a fallar, para pórlle remedio. Só así viraremos de dirección neste camiño trabucado que non nos leva a Deus, senón que nos fai caer, unha e outra vez, nas nosas propias rutinas. E, xa sabemos: con rutinas non é posible construír o reinado de Deus.

FRATERNIDADE ORANTE
Porque Deus nos chama a unir e non a separar, dicimos:
QUE SEXAMOS PEDRAS VIVAS DE ACOLLIDA E PARTICIPACIÓN
·        Para que na Igrexa, remando na mesma dirección, aprendamos a respectar a pluralidade de formas, modos, maneiras e expresións á hora de levar á vida a nosa fe, OREMOS.      
QUE SEXAMOS PEDRAS VIVAS DE ACOLLIDA E PARTICIPACIÓN
·        Para que nas nosas comunidades fagamos do noso tempo respecto, pluralidade e cooperación, OREMOS.
QUE SEXAMOS PEDRAS VIVAS DE ACOLLIDA E PARTICIPACIÓN
·        Para que saibamos traballar cada día por acoller, incluír e mostrarnos achegados uns aos outros, OREMOS.

QUE SEXAMOS PEDRAS VIVAS DE ACOLLIDA E PARTICIPACIÓN
·        Polas persoas que no eido do ensino tentan levar a túa mensaxe incluínte e liberadora aos nenos e mozos; para que fagan sempre este servizo con ledicia, esperanza e responsabilidade, OREMOS.

QUE SEXAMOS PEDRAS VIVAS DE ACOLLIDA E PARTICIPACIÓN
Porque somos na túa casa, que tamén e a nosa, pedras vivas de participación, unímonos para reforzar a forza desta fe que hoxe agradecemos poder compartir. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA
Vivir é compartir; relacionarse e cooperar.
Vivir é compartir, comunicar, comulgar uns cos outros.
Vivir é superarse, dar froito, crear.
Vivir é desvivirse, dar a vida día a día.
Vivir é ser amado e amar: “Son amado, logo existo”.
Hai algo que vale máis cá vida, como a fe, a liberdade, o amor, a verdade, a xustiza, a paz... Por estas cousas ou por persoas, sempre por Deus, pódese dar a vida.
Porque vivir é saber dicir a quen temos ao lado: grazas irmán, grazas irmá.

CANTO GOZOSO
ENTRADA:
Camiñando pola vida
LECTURAS:
Misioneiro
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
Grazas, Señor, graciñas

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares