Domingo 6 de Pascua - ciclo A
DOMINGO VI DE
PASCUA - CICLO A
Primeira Lectura Feit 8, 5-8. 14-17
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Impuxéronlles as mans e recibían
o Espírito Santo
Naqueles
días, Filipe baixou á cidade de Samaría e predicoulles o Mesías. O pobo, dun
acordo, atendía ao que dicía Filipe, sentindo e vendo os sinais que facía; pois
de moitos posuídos saían espíritos impuros a berros, e moitos paralíticos e
coxos quedaban curados.
A
cidade encheuse de alegría.
Ao
sentiren dicir os apóstolos, que estaban en Xerusalén, que Samaría acollera a
palabra de Deus, mandáronlles a Pedro e a Xoán.
Baixaron
logo alí, e oraron polos samaritanos, para que recibisen o Espírito Santo, pois
aínda non baixara sobre ningún deles: só os bautizaran no nome do Señor Xesús.
Entón,
fóronlles impoñendo as mans e recibiron o Espírito Santo.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 65, 1-3a. 4-5. 6-7a. 16 e 20
R/. (1): Aclama a Deus, terra
enteira.
Ou: Aleluia.
Aclama a Deus, terra enteira,
canta a gloria do seu nome;
réndelle o honor da loanza,
dille: Que sorprendentes son as
túas obras!
Próstrase a terra toda diante de
ti
e canta salmos ao teu nome.
Vinde e vede as obras do Señor,
os seus sorprendentes feitos
entre os homes.
El mudou o mar en terra seca
e pasaron o río a pé:
felicitémonos por iso.
Co seu poder domina o mundo.
Vide os que temedes o Señor,
e contareivos o que el fixo por
min.
Bendito sexa Deus,
que non desbotou a miña súplica
nin afastou de min o seu amor.
Segunda Lectura 1 Pe 3, 15-18
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Mortal na carne, pero vivificado
no espírito
Benqueridos
irmáns:
Adorade
a Cristo como Señor, estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos
pida razón da esperanza que levades dentro.
Pero
respondede con bo xeito e con respecto; tede a conciencia limpa, de xeito que
os que desprezan o voso bo comportamento cristián, se vexan confundidos naquilo
mesmo de que vos calumnien.
Pois
sempre sería mellor sufrir, se tal fose a vontade de Deus, por facerdes o ben,
que por facerdes o mal.
Tamén
Cristo morreu unha vez polos vosos pecados,
o xusto polos pecadores, para vos
achegar a Deus;
sufriu a morte na carne, pero
recibiu vida no espírito.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Se alguén me ama gardará a miña
palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a
el.
Aleluia.
Evanxeo Xn 14, 15-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Pedireillo a meu Pai e ha darvos
outro Paráclito
Naquel
tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
-Se
me amades, gardaredes os meus mandamentos, e eu rogareille ao Pai, e daravos
outro Paráclito para que decote estea convosco: o Espírito da Verdade.
O
mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois
permanece onda vós e está en vós.
Non
vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. Un pouquiño máis e o mundo xa non me
verá; pero vós habédesme de ver, que eu vivo e tamén vós habedes vivir.
Naquel
día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós. Quen ten os
meus mandamentos e os garda, ese ámame; o que me ama será amado por meu Pai, e
eu amareino e manifestareime a el.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
UNHA ENTREGA SEMPRE SOLIDARIA: A FRATERNIDADE COA PERSOA ENFERMA 6ºPascua
A
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
ESCOITA ACTIVA
A Igrexa
española celebra hoxe a Pascua do Enfermo. E faino, como ocorre sempre, neste
sexto domingo do tempo pascual. A celebración de hoxe quere pór diante nosa o
importante que ten que ser para cantos formamos parte das comunidades cristiás
facer da caridade espello no que poder mirarnos cada día. Sen ela, a fe esvaece
e morre. Con ela crece, madura e desenvólvese ata facerse creativa e sempre anovada.
Comecemos logo a celebración
predispoñendo o corazón para acoller a quen necesite das tiriñas da achega e da
axuda e da presenza solidaria a quen está mergullado na triste dor da
enfermidade
CORAZÓN
MISERICORDIOSO
Que non viremos a cara diante da situación na que viven as persoas
enfermas, SEÑOR, RENOVA EN NÓS A FORZA
DA CARIDADE.
Que non fagamos do noso tempo esquecemento para cos máis necesitados e
débiles. CRISTO, RENOVA EN NÓS A FORZA
DA CARIDADE.
Que non convertamos a nosa vida e pragmatismo que só busca o noso
beneficio, esquecendo a dor dos demais, SEÑOR,
RENOVA EN NÓS A FORZA DA CARIDADE.
PALABRA ENRAIZADA
Moitas veces, a nosa maneira de entender a relación con Deus é semellante á
que temos co supermercado, tenda ou comercio ao que imos habitualmente:
recorremos a El para suplir as nosas carencias. É mais, tentamos compralo para
o noso interese prometéndolle grandes cousas -case sempre materiais que pouco
ou nada teñen que ver co eixe vital ao que nos chama Xesús desde o evanxeo: “Cada
vez que llo fixestes a un destes máis pequenos...”. Mal sabemos nós
que, a diferenza nosa, Deus nin se compra nin se deixa comprar. Seguro que
mesmo se ri das nosas ocorrencias materialistas. Para El o fundamental, o
importante, o máis urxente son sempre as persoas; e de xeito máis privilexiado,
as que están a pasar por situacións de especial dificultade. Deus é alegría, e
busca que nós, seguidores seus, saibamos vivir e levar esta alegría a quen
puidera necesitala. E todos sabemos -nisto a experiencia tennos chegado a todos-,
que a enfermidade, pola dureza, dor e tristura que provoca, necesita persoas
alegres -que non falsas de sorriso postizo-, que se fagan presentes para levar
a alegría de corazón que tamén levaba Xesús, e que souberon poñer en práctica
os apóstolos na primeiras comunidades, tal e como nos di a primeira lectura que
temos proclamado hoxe.
Desde esta alegría entendemos este texto que tan ao cerne chega do sentido
cristián da vida, da primeira carta de Pedro: “saber dar razón da nosa esperanza”;
é dicir, saber trasladar as nosas conviccións ao que facemos e dicimos, o que
supón convencemento e sinceridade. Deus non é un estraño que nos fala por
control remoto, senón que se fai presente como forza e dinamismo na nosa vida.
Para que nos tería valido un Deus de moita grandiosidade que se esquece da
vida, dos sufrimentos e da dor dos seus?. Para nada!!!!!!!!. Si, porque un Deus
das e nas alturas nin dá sentido nin pode ocupar espazo no corazón das persoas.
E xa sabemos: cando alguén non é capaz de estar no corazón, convértese en
baleiro e non significa nada. Porén, o deus cristián, o deus de Xesús, non só
significa moito, senón que ao facerse un coma nós, a súa identificación
converteuno no mellor testemuño do que os seus seguidores estamos chamados a
facer da nosa vida. E para iso é necesario saber a razón e o por que da súa
presenza en nós. De aí que Pedro insista en que temos que saber dar razón da
nosa esperanza. Non nos valen, xa pasou o tempo, as palabras ocas, inda que
soen moi ben e se digan moi alto, senón os xestos sinxelos e convencidos a
través dos que manifestamos que El si ocupa un lugar fundamental nos nosos
corazóns. Tan fundamental que necesitamos mostralo servindo aos demais desde e
con amor. Porque alí o recoñecemos. E isto é necesario facelo sen impoñer,
senón propoñendo, para que quen queira, e desde a súa liberdade poida dicir:
sígote e acóllote...Inda que iso supoña incomprensión e, moitas veces,
sufrimento.
Por iso, se seguimos esta folla de ruta trazada por Xesús, e tan ben
recollida polos Apóstolos cando puxeron por escrito a súa mensaxe, entendemos,
sen necesidade de moitas explicacións, que o amor é cerne e guieiro da nosa
vida, de canto fagamos e sexamos capaces de compartir. Desde ese amor somos
capaces de superar as contradicións do mundo, non para condenalo, senón para
facelo mellor, para colaborar na súa transformación, para dar a coñecer nel e
desde el, o traballo compartido na pluralidade de opcións e visións presentes
nel. E nesta tarefa nunca estaremos orfos nin ao pairo. A presenza do Espírito
faranos sentir que o noso traballo, o noso esforzo e a nosa esperanza nin son
palabras baleiras nin recurso lingüístico para embobar aos que nos escoitan.
Son verdadeiras conviccións que nos levan a facer da fe expresión da caridade,
cumio e cerne da mensaxe de Xesús, que cura corazóns e sanda feridas dos irmáns
que van quedando nas beiras desta sociedade de mercadores, incapaz de termar
dos máis débiles e mancados.
FRATERNIDADE
ORANTE
Diante do Deus que nos
chama a facer da nosa vida imaxe da esperanza que move o corazón, dicimos:
QUE FAGAMOS DOS
MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR
Para que a
Igrexa non se deixe engaiolar pola ansia de poder e dominio, e saiba poñer nos
corazóns rotos das persoas tiriñas
de caridade solidaria e xusta, OREMOS.
QUE FAGAMOS DOS
MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR
Para que nas
nosas comunidades non caiamos na tentación de crenos únicos, mellores e
cumpridores de ritos e normas, esquecendo que, como persoas que somos,
necesitámonos e necesítannos; o que nos ten que levar a ser sinxelos e a
practicar a humildade, OREMOS.
QUE FAGAMOS DOS
MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR
Para que fagamos
da nosa vida compromiso de servizo e preocupación polos máis necesitados e
enfermos da nosa contorna, evitando que a indiferenza aniñe en nós, OREMOS.
QUE FAGAMOS DOS
MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR
Polas persoas
que, con amor e entrega agradecida, dedican o seu tempo, a súa vida e as súas
forzas a coidar das persoas enfermas, OREMOS.
QUE FAGAMOS DOS
MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR
Grazas, Señor,
por abrirnos os ollos e o corazón para saber estar preto de quen necesita das
nosas tiriñas de entrega, xenerosidade e compañía. P.X.N. S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Señor, Ti que sabías
escoltar, acoller e acompañar a quen estaba enfermo coa delicadeza de quen non
busca o recoñecemento, senón transmitir agarimo e entrega.
Señor, Ti que tratabas aos
enfermos con aquela delicadeza que facía que se achegaran a Ti sen medo e con
confianza; dáme esa mesma dozura, ese mesmo agarimo, ese mesmo sorriso para
saber transmitirlles que a través de min ti estás alí. Ao seu lado, na súa dor,
no seu sufrimento.
Que eu saiba calar a tempo, acompañar sen facer
barullo, estar sen facerme nin imprescindible nin importante, para non agonialo
nin entristecelo, senón para quererte queréndoo. Amen.
CANTO GOZOSO
ENTRADA:
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
Grazas,
Señor, graciñas
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario