Domingo 2 de Pascua - Divina Misericordia


 



VER TAMÉN:


LECTIO:

DOMINGO II PASCUA 
(Ciclo A: 23 de abril 2017))

            Os diversos relatos que os textos litúrxicos poñen á nosa disposición expresan e testemuñan todos eles ese ambiente de comuñón mutua entre os primeiros crentes. Comuñón a tódolos niveis. Non só na fe común e participada nese Xesús que agora se lles amosa glorioso e ceibe de todo vencello físico ou histórico, senón comuñón tamén na mutua relación comunitaria entre os crentes, entre os primeiros cristiáns. Non están eles rexidos por normas ou decretos autoritarios no seu modo de proceder, senón que é o espírito da nova mensaxe da resurrección o que os une e dá azos para anunciar tan gran noticia.
            Así se explica que na na carta de Pedro que acabamos de escoitar se relacione precisamente a resurrección de Xesús coa alegría que debería rebordar en todo bo cristián: “Loado sexa Deus –dinos Pedro-, que pola súa gran compaixón resucitou a Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida nova que se nos dá en esperanza [...] Por iso –continúa a dicir Pedro- brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir, por un pouco tempo, diferentes probas”. E volverá insistir aínda Pedro nesta mesma carta: “brincades, cheos dunha alegría indicíbel e gloriosa, porque acadastes o froito da vosa fe, a vosa salvación persoal”.
            A alegría debería ser, pois, tal como comentabamos xa no anterior domingo, un sentimento moi fondo na vivencia da nosa fe. Desta nosa fe, que ten os seus alicerces no acontecemento pascual da Resurrección do Señor. Porque en definitiva a nosa alegría cristiá está directamente relacionada coa resurrección de Xesús. Resurrección que comporta tamén a nosa futura resurrección. Os evanxeos, como hoxe o de Xoán, fálannos por iso da alegría dos discípulos de Xesús cando van facendo, individual e comunitariamente, a experiencia de Xesús resucitado. Dinos Xoán, por exemplo, que, ó veren ó Señor, os discípulos se alegraron. A nós, que vivimos unha boa morea de séculos despois de Cristo, pásanos algo do que lle aconteceu ó apóstolo Tomé. Desexariamos ter tamén, como el tamén o desexaba, probas e experiencias directas e tanxíbeis de que Xesús seguía e segue a vivir trala súa morte na cruz.
            Mais se os discípulos creron porque, como se nos di, “viron” ou tiveron diversas experiencias do Xesús resucitado, a nosa crenza nel e na súa resurrección terá que basearse na nosa “fe”, non nas nosas vivencias directas. Trátase dunha fe que, pola súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que nace con eles e á que pola graza de Deus pertencemos tamén nós. En calquera caso e pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos a “visión” e as experiencias que tiveron os discípulos de Xesús, podemos en cambio sentir en nós a alegría das palabras que dalgunha maneira nos dirixe Xesús tamén a todos nós: “Benia os que creron sen veren!”.
            Os discípulos de Xesús, tal como nos son descritos nos Feitos dos apóstolos, practicaban unha “comuñón de vida”, “vivían unidos e tiñan todo en común”. Unha comuñón e solidariedade que debería ser tamén un forte estímulo para o noso tempo. Esa comuñón e solidariedade non os desposuía da súa felicidade, da súa alegría, pois, como alí se nos di, “comían con alegría e sinxeleza de corazón”. A solidariedade mutua dos primeiros cristiáns non era máis có resultado de se sentiren queridos e agraciados por Deus coa promesa da común resurrección. Pois sería totalmente absurdo comportarse de modo egoísta ou insolidario cando Xesús se entregara totalmente a nós, ofrecéndonos vida e alegría neste mundo e tamén para o máis alá, para a que chamamos a eternidade vindeira.
            Da mesma maneira que Xesús non se pechara endexamais en si mesmo, senón que vivira sempre para os demais, facéndonos partícipes a nós incluso da súa propia resurrección, os seus discípulos non podían proceder doutra maneira. En consecuencia, todos estaban abertos ós problemas e ás necesidades dos demais. Porque a todos viña dirixida a grandiosa mensaxe de Xesús: a de sermos todos, con el en primeiro lugar, fillos dun mesmo Pai e destinados, máis alá dos límites da nosa existencia particular, a unha eterna vida resucitada.
            Se todos nós, neste noso avanzado século XXI, tomamos en serio e levamos á práctica esta gran mensaxe de Xesús, quedariamos definitivamente vacinados contra angustias ou medos de que os cristiáns poidamos vérmonos reducidos algún día a un grupo marxinal entre outros.
            Polo menos, nos comezos da experiencia comunitaria dos primeiros cristiáns, que celebraban a Resurrección de Xesús e que vivían en comuñón e irmandade con todos, os resultados deste modo de pensar, de vivir e de crer eran, tal como se nos di tamén nos Feitos dos apóstolos, o continuo incremento de adhesións á fe en Xesús. “Cada día –dísenos alí- o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ó grupo”.
            A razón é ben clara. A xente séntese  e sentirase sempre atraída e movida  -onte, hoxe e mañá- se a mensaxe que se lles anuncia é esperanzador e alegre e se basea, ademais, no testemuño de alguén que se comportou de maneira totalmente fiel e conforme á súa mensaxe, aínda tendo que pasar por grandes sufrimentos e unha morte ignominiosa. Esa persoa foi o Xesús crucificado e resucitado en quen, pola graza de Deus, podemos dicir que cremos.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            
            Como fillos de Deus e irmáns do seu Fillo benquerido Xesús, invoquemos a Deus Pai por medio de Xesús, para que robusteza a nosa fe na Resurrección de Xesús e na nosa futura resurrección, dicindo: Pedímoscho, Pai
Todos: Pedímoscho, Pai.

            -Que as dificultades e sufrimentos da nosa vida non cheguen a debilitar a nosa fe en Cristo resucitado. 
Todos: Pedímoscho, Pai.
            -Que tódalas persoas do mundo poidan vivir con esperanza e ilusión a súa propia vida. 
Todos: Pedímoscho, Pai.
            -Que o teu Espírito Santo mova, Pai, a tódalas persoas a axudar a cantos se atopen sen os medios necesarios, materiais e espirituais, para se desenvolveren na vida. 
Todos: Pedímoscho, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.


Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:



Comentarios

Publicacións populares