Domingo 3 de Pascua A
DOMINGO III DE PASCUA - CICLO A
Primeira Lectura Feit 2, 14. 22-33
Era imposible que fora retido pola morte
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
O día de Pentecoste, Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e díxolles:
Xudeus e todos os que habitades en Xerusalén: entendede ben e escoitade as miñas palabras:
Fálovos de Xesús de Nazaret, home acreditado por Deus diante de vós por milagres, marabillas e sinais que Deus fixo por el entre vós, como vós mesmos sabedes; a este, entregado conforme ao plan establecido e á previsión de Deus, matástelo crucificándoo por man de impíos. Pero Deus resucitouno, librándoo das dores da morte, pois non era posible que ficase baixo o seu dominio.
Xa David di del:
Eu vía decote o Señor diante miña,
xa que está á miña dereita, para que eu non vacile;
por iso alegrouse o meu corazón e aledouse a miña lingua,
e mesmo a miña carne acougará esperanzada;
porque non abandonarás a miña alma no sitio dos mortos
nin permitirás que o teu santo vexa a corrupción.
Déchesme a coñecer camiños de vida,
encherasme de gozo coa túa presenza.
Irmáns, permitide que vos diga claramente que o patriarca David morreu e enterrárono e o seu sepulcro aínda está hoxe entre nós.
Pero, como el era profeta e sabía que Deus lle asegurara con xuramento que un descendente do seu sangue había sentar no seu trono, en visión profética falou da resurrección do Mesías, que nin quedou abandonado entre os mortos nin a súa carne viu a corrupción.
A este Xesús resucitouno Deus, cousa da que todos nós somos testemuñas. E agora, engrandecido pola dereita de Deus e recibido do Pai o prometido Espírito Santo, espallouno, que é o que vós vedes e sentides.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11
R/. (11a): Has amosarme, Señor, camiños de vida.
Ou: Aleluia.
Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.
Eu declaro ao Señor: Ti es o meu dono,
Ti es, Señor, a porción da miña herdade e do meu cáliz,
está nas túas mans o meu porvir.
Bendigo o Señor que me aconsella,
e ata de noite me ensina no meu íntimo.
Teño sempre presente o Señor,
con el ao meu lado non vou vacilar.
Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo descansa seguro,
pois non abandonarás no abismo a miña vida,
nin deixarás que o teu santo vexa a corrupción.
Has amosarme camiños de vida,
has encherme onda ti de ledicia,
de gozo sen fin ao teu lado.
Segunda Lectura 1 Pe 1, 17-21
Fostes redimidos polo precioso sangue do Año Inmaculado,Cristo
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Benqueridos irmáns:
Aínda que lle podedes chamar Pai ao que xulga con imparcialidade as obras de cada un, comportádevos con respecto durante o tempo do voso peregrinar.
Porque xa vedes que non vos rescataron dese tipo idolátrico de vida, que recibistes dos vosos pais, con algo perecedoiro, tal coma ouro ou prata; senón que vos rescataron co precioso sangue de Cristo, Año sen defecto nin tacha.
El xa estaba escollido de antes da creación do mundo pero presentouse nos derradeiros tempos para o voso ben. Por medio del tedes fe en Deus que o resucitou da morte e o glorificou, e dese xeito a vosa fe e a vosa esperanza están postas en Deus.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Lc 24, 32
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Señor Xesús, descúbrenos o sentido das Escrituras;
fai arder o noso corazón mentres nos falas.
Aleluia.
Evanxeo Lc 24, 13-35
Recoñecérono na fracción do pan
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel día, o primeiro da semana, dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén.
Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun aspecto moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou:
De que, logo?
Eles contestaron:
Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron a morte e o crucificaron.
Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro, e, ao non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ao sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
Entón díxolles:
Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo, non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
Ó entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
Queda connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu.
E dixeron:
Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?
E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.
Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
ENTRADA: Bendito Ti, Xesús resucitado
LECTURAS: Ergo os meus ollos
OFERTORIO: Velaquí
COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco
TVG:
Comentarios
Publicar un comentario