Ficha e Lectio - Domingo 3 de Pascua A
VER MÁIS:
LECTIO:
DOMINGO III DE PASCUA
(Ciclo A: 30.IV.17)
A
extraordinaria nova da resurrección de Xesús, que estamos a celebrar e a
lembrar comunitariamente estes días, é loxicamente algo sobre o que a liturxia,
as lecturas e as diversas aclamacións que recitamos volven unha e outra vez.
Os
mesmos textos do evanxeo fálannos de que foron moitos e diversos os modos de se
facer presente o Xesús resucitado ós apóstolos e ós demais discípulos.
En
todas estas experiencias pascuais, cargadas de alegría e de esperanza para os seguidores
de Xesús e para cantos cren e crerán nel, dáse algo que vén sendo o común
denominador de todas elas. Todas son experiencias fondas e transformadoras que
conmoven e afectan ós que concreta e particularmente as experimentan, pero que
teñen, máis alá diso, un carácter comunitario e universal. Quero dicir que
teñen unha finalidade non só individual ou particular, senón xeral. Realízanse
en función de todo o pequeno grupo cristián de entón e de cantos viriamos
despois, concretamente nós e cantos veñan ó mundo despois de nós.
A
resurrección de Xesús é neste sentido un tema que afecta a toda a humanidade,
porque en Xesús resucitado Deus Pai quixo e decidiu dar vida para sempre, máis
alá da morte, á humanidade toda. Os cristiáns estamos así chamados a encher o
mundo enteiro da esperanza de vida que nos vén de Xesús.
Iso
é o que fan os apóstolos e discípulos ó teren persoalmente a experiencia de
Xesús resucitado. É o que fan as mulleres que foron moi cedo onda o sepulcro do
Señor. Retornan axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor.
Algo similar realizan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose
mutuamente as aparicións, as experiencias, do Señor resucitado que van
sucesivamente ocorrendo. Ó longo dos tempos e dos séculos, fomos nós tamén recibindo,
pola nosa parte, a través do anuncio do evanxeo, esta grande e boa nova da
resurrección de Xesús e, consecuentemente, da resurrección que nos espera tamén
a nós.
Por
iso todos nós, que recibimos esta gran nova, temos que anunciala, coa nosa
palabra e con nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos hoxe en
día ou non saben dela ou non son capaces de crer nela quizais incluso por ser
esta nova da resurrección algo tan incríbel, tan marabilloso. E é xustamente
así por se tratar de algo que procede do Deus que é sempre meirande có que
podemos maxinar sobre Él.
Ós
discípulos de Emaús, que facían camiño de volta, abatidos e desconsolados, cara
á súa aldea de procedencia para continuaren alí coa súa normal vida anterior,
ocórrelles algo semellante. Despois de teren experimentado Xesús resucitado,
non o pensan dúas veces. En vez de se deitar e descansar tranquilamente da
camiñada realizada, tal como llo acababan de aconsellar eles mesmos ó seu
extraordinario e misterioso acompañante (pois sería xa de noite ou alomenos entre
lusco e fusco), o que fan, tal como se nos di no texto de Lucas, é “levantarse
axiña e volver a Xerusalén”. Para qué? Pois para comunicárllelo o máis cedo
posíbel ós demais apóstolos e discípulos. As experiencias de Xesús non se poden
gardar ou agachar no propio interior. Hai que comunicalas para que todos poidan
participar tamén da felicidade que se deriva de novas tan incribles.
Tal
como se continúa a dicir no texto de Lucas, “eles contaron, ós once apóstolos, o
que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan”.
O
que a ámbolos dous lles pasara polo camiño é o que eles mesmos comentaban:
“¿Non ardía o noso corazón cando nos falaba polo camiño interpretándonos as
Escrituras?”.
O
Xesús pascual, como ben nolo representa o cirio acendido liturxicamente na
noite pascual, é coma un lume que se quere comunicar acendendo outros lumes.
Nos discípulos de Emaús prendera ben polo camiño este lume. E eles, pola súa
parte, o que axiña fan é comunicarlles este lume recibido ós seus compañeiros e
coñecidos, para que así tamén eles teñan luz e calor. É dicir, para que tamén
teñan eles orientación na vida, plenitude e felicidade no seu camiñar.
Na
Congregación Xeral XXV que tivemos os xesuítas no ano 2008 dicíasenos que
teriamos que ser “lumes que acenden outros lumes”. Coido que isto é valido
tamén para calquera cristián. Todos deberiamos recibir con agradecemento o lume
que nos vén de Xesús, do Cristo crucificado e resucitado, e intentar que o lume
recibido acenda outros lumes que pola súa parte continúen a multiplicar ese
mesmo lume en cantos entren en contacto connosco.
Non
podemos pasar por alto que foi precisamente nesa especie de pequena eucaristía
familiar que Xesús celebrou na casa dos seus discípulos de Emaús onde o lume, o
“ardor”, que eles xa levaban no corazón cando camiñaban, se converteu de súpeto
en luz que os iluminou e lles fixo coñecer a identidade dese inesperado
acompañante que alí estaba sentado á mesa con eles. “Mentres estaban na mesa
–dinos o texto de Lucas-, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón
abríronselles os ollos e recoñecérono”.
Estas
son case as mesmas palabras que os sacerdotes dicimos no intre da consagración
eucarística. Por iso ás eucaristías dos domingos non deberiamos vir movidos por
calquera tipo de obriga legal, senón pola necesidade que temos todos de cargar
as nosas pilas contactando co Señor que se debería facer presente de maneira
especial nestas nosas reunións eucarísticas comunitarias. Coas pilas así ben
cargadas seremos capaces de nos converter en luz e calor para cantos conviven
ou de calquera forma se relacionen connosco. E estaremos ó tempo en condicións
de sermos testemuñas, coma o foron os apóstolos, desta gran nova, para toda a
humanidade: Cristo Resucitado.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
En
mutua comuñón persoal á maneira dos apóstolos e discípulos con María, nai de
Xesús, despois da súa Resurrección, diriximos a Deus Pai a nosa oración,
dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
-
Fai, Pai, que saibamos saír ó encontro dos demais, coma os discípulos de Emaús,
para neses encontros atopármonos tamén co teu fillo Xesús.
TODOS: Escóitanos,
Pai.
-
Dános, Pai, vivirmos e experimentarmos, coma os discípulos de Emaús, a calor da
presenza do teu fillo Xesús nas nosas vidas.
TODOS: Escóitanos, Pai.
-
Convértenos, Pai, en testemuñas fieis e convincentes da Resurrección de Xesús
entre os homes e mulleres do noso tempo.
TODOS: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso
Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario