Inmaculada Concepción
LECTURAS:
LECTIO:
FESTA DA
INMACULADA CONCEPCIÓN
(8. XII. 2017)
A
festividade da Inmaculada Concepción é unha festa de alegre loanza
a María. Dela podemos dicir que foi a primeira crente, a primeira
cristiá. Con anterioridade incluso ós mesmos Apóstolos, en canto
que creu na palabra de Deus dirixida a ela e aceptou con humildade o
convite de Deus para ser nai de Xesús, o noso irmán maior. Por iso
a podemos chamar tamén nai de Deus, Nai da Igrexa e nai nosa.
Por esta fonda, íntima e inimaxinábel relación con Deus tiña que
estar María lonxe de calquera forma de pecado dende o primeiro intre
da súa existencia. É isto o que se quere en definitiva dicir cando
falamos da “Inmaculada Concepción de María”.
De
aquí provén a grandeza de María. Ela é a “chea de graza”, tal
como a invocamos na oración “Deus te salve, María, chea de
graza...”. Porque se estar en “graza”, ter a “graza de Deus”
significa estar a ben con Deus, non pode haber persoa humana coa que
Deus poida estar máis a gusto ca coa súa Nai, a Nai de Xesús.
Agora ben, para ser María a “chea de graza” tivo que lle
deixar, para dicilo dalgunha maneira, moito espazo a Deus para que
puidese habitar plenamente nela. Ela faise así pequena de todo, ata
se converter na “escraviña” de Deus. Integramente dedicada ó
seu servizo. “Velaquí a escrava do Señor”.
María era totalmente consciente de que para que Deus fixese nela as
súas marabillas, as súas grandezas, non podía haber outro camiño
có de non ser ela obstáculo algún á obra de Deus. É dicir:
recoñecerse pequena ante a grandeza do poder e da bondade de Deus.
Será así como María se converterá en verdadeiramente “grande”.
Recoñecerao no fermoso himno do “Magníficat”, cando vai visitar
a súa curmá. “Proclama a miña alma a grandeza do Señor, alédase
o meu espírito en Deus o meu Salvador, porque ollou a humillación
da súa escrava... O poderoso fixo obras grandes por medio de min”.
Neste
sentido cómpre ter en conta un detalle filolóxico que non carece de
importancia. Refírome a que propiamente non deberiamos dicir sen
máis de María que está “chea” de graza, senón que foi
“enchida” (por Deus) de graza. Así o quere dar a entender Lucas
cando escribe en grego “kejaritoméne”, que é unha forma verbal
pasiva. Como se dixésemos: “Alédate, María, Deus encheute de
graza”. Deste modo expresa ben Lucas que é sempre Deus quen toma
a iniciativa, o que “enche”. Por iso María ten plena razón
cando manifesta que foi Deus, non ela, quen fixo que nela xurdisen
grandes marabillas.
Mais
non deberiamos quedarnos aquí nesta obrigada loanza de María
Inmaculada pola grandeza que recibiu do noso Deus. Tampouco
deberiamos limitarnos a agradecer a Deus as grandezas que realiza no
mundo ó se facer fillo en Xesús dunha muller, María, que non por
iso deixa de seguir sendo un ser humano máis coma todos nós.
Porque
a grandeza realizada por Deus en María é toda ela unha case
incríbel mensaxe. Pois todas e todos estamos dalgún modo
representados nela en canto “chea de graza”. A única diferenza
está en que o que en María é xa “plenitude de graza”, en nós,
en toda a humanidade, é un proxecto que está Deus aínda a
realizar. Todos nós temos o mesmo destino: deixármonos encher pola
sobreabundante graza de Deus, un destino no que María vai diante de
nós. Para así formarmos xunto con ela unha mesma e única
comunidade de amor a Deus Pai e de mutuo amor entre todos nós.
Ese
vén ser o destino do que nos fala o apóstolo Paulo na carta ós
Efesios, cando nela nos di: “Deus Pai bendiciunos con toda
bendición espiritual, en Cristo”. Deus “escolleunos para sermos
santos e sen mancha
[é dicir, “in-maculados”]”. Estamos “predestinados polo Pai
a sermos fillos adoptivos seus”. Fomos “prelixidos... para sermos
imaxe da súa gloria”.
Agora
ben, que significado concreto ten todo isto para nós, alén de
recoñecermos e agradecermos este grandioso destino que Deus nos ten
preparado?
Coido que a grandiosidade desta festa da Inmaculada está en que nos
pon de manifesto que cando unha persoa se entrega en corpo e alma a
Deus, pode el facer nela e con ela verdadeiras marabillas. Pode
convertela, como ocorre en María, en vivo e sorprendente instrumento
de salvación para moitos.
María
foi así a que nos trouxo Xesús, que significa Salvador, ó mundo.
Foi ela quen, coa súa plenitude de graza, puido ter no seu colo o
desexado de tódalas nacións, o Deus feito home. Foi ela quen no seu
fillo Xesús nos deu a posibilidade dunha fraternidade universal con
tódalas persoas. E non imaxinemos a María como unha muller fóra do
normal, recluída no interior de si mesma coma se o peso da súa gran
dignidade a paralizase. Pois ela entendeuse sempre a si mesma, polo
contrario, como a “escraviña” de Deus, como muller sinxela,
pobre, dilixente e traballadora, fiel coma ninguén a Deus e ós
demais, espallando entre todos o amor que ela recibira de Deus. Como
podería ser doutra forma a nai de Xesús, daquel que naceu e viviu
toda a súa vida entre xente humilde e pobre?
Deámoslle a Deus grazas por esta festa tan entrañábel!
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Dirixímosche
hoxe a Ti, María, Nai Inmaculada, a nosa oración dicindo:
Roga por nós, pecadores.
TODOS: Roga
por nós, pecadores.
-
María, visitada polo anxo, que
aceptaches a mensaxe de Deus para seres nai de Xesús, fainos sempre
dilixentes e fieis ás inspiracións de Deus.
TODOS: Roga
por nós, pecadores.
-
María, solidaria, fai que, coma Ti,
proclamemos a todos que os poderosos son derrubados dos seus tronos e
que os pobres e humillados son erguidos do chan.
TODOS: Roga
por nós, pecadores.
-
María, que choraches
o teu Fillo ó pé da cruz, enxoita as
nosas bágoas e consola o corazón de tódolos homes e mulleres
sufrintes.
TODOS: Roga por nós,
pecadores.
María Inmaculada, muller da espera e da
esperanza, que saibamos esperar alegres contigo, neste tempo de
Advento, a chegada de quen nos trae amor e fraternidade! Amén.
Manuel Cabada Castro
OUTRAS ENTRADAS:
Comentarios
Publicar un comentario