POWER POINTS DE CORESMA

CORESMA




“Enxalzareite, meu Deus, porque me libraches”


            O tempo da Coresma ten unha importancia fundamental no ciclo litúrxico, dado que prepara o acontecemento máis grande da vida cristiá, a morte e resurrección de Xesús, Non cabe dúbida que unha vivencia tan importante para a nosa fe debe ser preparada como se merece, e por iso todos os axentes pastorais, e maiormente os que teñen a responsabilidade da preparación litúrxica, deben mimar todos os detalles precisos para que este tempo sirva de preparación da vivencia que chegará despois.
            A referencia no lugar histórico para este tempo litúrxico sitúase no retiro que Xesús fixo ó deserto antes de pasar polo amargo cáliz da paixón, a encarnación propia da vivencia coresmal entróncase directamente nesta corentena da vida de Xesús.
            Para nós, cristiáns e cristiás, igual que xa foi para Xesús, a Coresma fainos sentir a febleza da fe nos momentos transcendentais da vida, e supón unha especie de proba que debemos afrontar para asumir a realidade da morte no noso camiño particular. A transformación que nos procura a nosa fe non deixa de lado as carencias dun mundo que vive o sufrimento continuado debido ao pecado de todas as persoas, e esta vivencia triste faise necesaria e real no camiño desa transformación, sendo así que non existirá unha resurrección plena se antes non se asume este paso pola vida mesma, polo pecado de toda a humanidade e polas realidades cotiás. E este é a razón de ser do tempo coresmal.
            Xunto a estas vivencias, a coresma pídenos afrontar a realidade, o sufrimento, a carencia, a austeridade como unha norma de vida. ou como un trámite necesario previo á exaltación de todas as persoas no misterio da Pascua.

Deste xeito é importante destacar os seguintes signos:

* a importancia do deserto, da vida cristiá como unha ascensión ao monte da crucifixión e da transfiguración, o tempo do catecumenado como preparación para a dureza e para a ledicia da fe.

* a importancia da penitencia e da conversión, sendo o tempo apropiado para unha celebración comunitaria do arrepentimento e da misericordia de Deus.
* a importancia de valorar a esmola e o xaxún como o intento de valorar a precariedade, o feito de contar co necesario, o desprenderse da actitude consumista, pretendendo darse conta de que a persoa se realiza como tal cando sabe dicir non ao que non é fundamental, vivindo o xaxún como un intento de equilibrio de si mesmo.


IDEAS PARA AS CELEBRACIÓNS


            Nas celebracións litúrxicas debemos intentar que os nosos xestos, ritos e vivencias fagan destacar unha serie de elementos que nos fan achegar ao verdadeiro espírito da Coresma. E sobre todo, é importante facer que a preparación de todas as celebracións sexan sempre comunitarias, en equipo, pois así axuda a entender a importancia da comunidade unida no tempo que nos ocupa.

            * A cruz é un signo propio deste tempo litúrxico, sendo importante que ocupe un lugar preferente nos lugares das celebracións, sempre tratado coa sinxeleza que este elemento da nosa vida require, pois é para nós a identificación coa morte, é o signo da vitoria e é unha especie de programa para a nasa vida.

            * A Palabra de Deus debe aparecer en lugar destacado, pois esa Palabra é o referente fundamental das seis semanas da Coresma. A preparación conxunta da homilía axuda a entender que o que Xesús nos di vai dirixido a todos/as e é cousa de todos/as. Así mesmo, son importantes os momentos de reflexión sobre os textos litúrxicos correspondentes.

            * A música e os cantos son elementos importantes das celebracións Por iso deben ser elementos a coidar, tanto o ambiente que se crea como os canto en si.

            * O templo, sen que estea cargado de ornamentación, debe invitar á reflexión, ao silencio. E unha música ambiental suave pode axudar neste sentido, pois é signo de austeridade.

            * A Eucaristía debe ser centro da vivencia de todo este camiño cara á Pascua, intentando que algúns momentos acaden especial relevancia, como poden ser o acto penitencial ou o salmo, pois tanto a actitude de perdón como a actitude da escoita da Palabra deben ser exaltadas durante as celebracións coresmais.

            Todas estas actitudes deberán xerar nas nosas comunidades actitudes de conversión que han de ser manifestas aos ollos de todos/as, pero máis se cabe aos ollos dos catecúmenos que se preparan para os sacramentos, pois este tempo catecumenal por excelencia debería converxer nunha grande liturxia bautismal na Vixilia Pascual, tanto para os novos e novas cristiáns/ás, como tamén para os/as que renovamos un ano máis as nosas promesas de outrora.

OS PERSONAXES
           
            Os que confían en Deus
            Ao longo do tempo coresmal, a liturxia vainos presentando os grandes heroes do Vello Testamento, e así se nos manifestan unha serie de persoas que non perden nunca a confianza en Deus Salvador. Nas mesmas situacións límite, eles consideran a fe como unha aposta sen mirar atrás. Os apuros de Noé nas augas do diluvio, que está pechado na arca agardando unha boa nova de parte de Deus, os apuros de Abrahán que confía cegamente en que Deus non o vai defraudar, a fortaleza de Moisés que encara o seu mesmo pobo que dubida no deserto para amosárllela seguridade das promesas de Deus… son signos de que a dureza deste tempo verá chegar a satisfacción da vitoria definitiva. Non se pode perder a confianza en Deus.

            O pobo de Israel
            O camiñar do pobo de Israel polo deserto é outro signo importante do que representa a historia salvífica de todas as persoas. A dureza do deserto leva ao desánimo, á amargura, á desconfianza en Deus, á creación de deuses falsos... á desilusión. Pero un pobo que é capaz de facer camiño na súa historia, unha comunidade que mantén erguido o seu estandarte e o seu carácter de pobo nunca se verá defraudada. O pobo que é capaz de atravesar as augas do mar non se verá queimado no deserto. Así tamén unha comunidade camiñante que é consciente do seu paso pola auga do bautismo, nunca perderá de vista a promesa da salvación, a terra prometida desde sempre.


LECTURAS DO TEMPO DE CORESMA


1º Domingo de Coresma: 
Xén 9,8-15              Salmo 24         1 Pe 3,18-22               Mc 1, 12-15

2° Domingo de  Coresma: 
Xén 22, 1-2.9-13.15-18    Sal 115  Rm 8,31 b-34            Mc 9,2-10


3° Domingo de Coresma: 
Ex 20,1-7                Sal 18              1Cor 122-25               Xn 2,13-25
                        Ou ben      
Ex 17,3-7              Sa194              Rm 5,1-2.5-8              Xn 4, 5,42

4º Domingo de Coresma: 
2Cro 36,14-16.19-23 Sal 136        Ef 2,4-10                     Xn 3, 14-21
                        Ou ben      
1S 16,1b.6-7.10-13a Sa1 22        Ef 5,8-14                     Xn 9,1-14

5° Domingo de Coresma: 
Xer 31, 31-34         Sal 50              Hb 5, 7-9                    Xn 12, 20-33
                        Ou ben      
Ez, 37-12-14          Sal 129            Rm 8, 8-11                  Xn 11, 1-45



Comentarios

Publicacións populares