Os teus pecados quedan perdoados
Domingo 7 Ordinario - ciclo B
PREGARIA: PARA SERMOS CAPACES DE PERDÓN
Deus, meu Pai e Señor,
luz e camiño da miña vida.
Que se me abran os ollos da alma diante túa
para verte, sentirte e contemplarte.
Que poida comprender
o moito que me queres,
o moito que para min soñas,
o moito que esperas de min.
Que saiba verte ou adiviñarte ao meu carón
promovendo o meu camiñar todo,
cando camiño cara á miña liberdade,
cando colaboro cara á liberdade do pobo.
Que sinta o teu amor.
E desde aí comprenda os meus fracasos,
descubra as miñas sombras,
valore as miñas faltas de colaboración contigo.
E que goce co teu perdón.
Que o busque, o ame e o aproveite.
Que me deixe renovar por el,
polo ben meu,
polo ben da xente e do pobo co que traballo,
polo ben de toda a comunidade cristiá.
Así, perdoado e reconfortado por Ti, meu Deus,
poderei amar e perdoar eu,
poderei comprender e confortar, poderei empuxar e actuar,
como ti fas comigo co teu perdón.
Manolo Regal
Comentarios
Publicar un comentario