Sandou ós enfermos de varias doenzas - Mc 1, 29-39

Domingo 5 Tpo. Ordinario - ciclo B


A TAREFA DE XESÚS

Cada día,
a luz do amencer
daba paso á mesma tarefa de sempre,
soamente anovada
coa ilusión dunha estima fervente.

Cada día,
correr as vilas e aldeas,
falar cos veciños
anunciando que aquilo cambiaba,
que chegaba a hora dos febles,
que algo novo se estaba facendo.

Cada día,
tocar á velliña con febres,
erguela da cama
e sandar os enfermos doentes.

Cada día,
darlle cara ao mal traizoeiro,
proclamando con feitos
a desfeita dos demos trampulleiros.

Cada día
aceptar con contento
os servizos dos pobres,
irmáns nos traballos da vida,
irmáns nas loitas,
irmáns na esperanza
dun mañá mellor,
con renda mellor compartida.

Cada día
comer dese pan
a ninguén roubado,
pan sufrido e suado.

Cada día
sentarse a esa mesa,
e falar. .. e escoitar
coa alma en amores acesa.

Cada día
retirarse ao deserto,
e contarlle ao Pai dos humildes
as súas andainas do día,
os seus temores, adiantos e erros.

E aló no máis fondo,
no cerne da alma e da vida,
onde pousan os soños
e os amenceres teñen durmida,
escoitar a voz agarimosa

do Amigo fiel e sincero:
“Mañá é día novo,
durme e acouga,
compañeiro”.

Comentarios

Publicacións populares