Misa en galego ciclo B - 6º Dom. Ordinario (12/02/12)

DOMINGO VI DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO B

Primeira Lectura     Lev 13, 1-2. 44-46
LECTURA DO LIBRO DO LEVÍTICO
O leproso vivirá el só fóra do campamento

            O Señor faloulles a Moisés e a Aharón:
            ‑ “Cando a un lle apareza na pel do seu corpo unha inflamación, un furuncho ou unha mancha de cor abrancazada brillante, que se converte nunha chaga de lepra, será levado a Aharón, o sacerdote, ou a un dos seus fillos sacerdotes.
            Trátase dun home contaxiado de lepra: é impuro, e así o deberá declarar o sacerdote. Ten a lepra na cabeza.
            O enfermo de lepra andará coa roupa esgazada e a cabeza descuberta. En troques tapará cun veo a súa barba, e irá berrando: impuro, impuro.
            Todo o tempo que lle dure a chaga será considerado impuro, porque o é, e vivirá arredado, fóra do campamento da súa morada”.

                        Palabra do Señor                                         
                        R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL       Sal 31, 1-2. 5. 11

R/.  (7):  Ti es o meu amparo: gárdasme dos perigos e cínguesme co gozo do rescate.

Ditoso aquel a quen lle foi perdoada a súa culpa,
a quen lle foi enterrado o seu pecado.
Ditoso aquel a quen o Señor
non lle ten en conta o delito,
o que non leva fraude no seu espírito.

Confeseiche o meu pecado,
non che escondín o meu delito;
Dixen: "Vou confesar a miña culpa ao Señor",
e ti perdoáchesme a culpa e o pecado.

Alegrádevos no Señor e reloucade os xustos,
aclamádeo todos os rectos de corazón.


Segunda Lectura    1 Cor 10, 31 -- 11, 1
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS CORINTIOS
Imitádeme a min como eu imito a Cristo

            Irmáns:
            Tanto que comades, como que bebades, coma calquera cousa que realicedes, facédeo todo para gloria de Deus.
            Non sexades tropezo nin para os xudeus, nin para os gregos, nin para a Igrexa de Deus.
            Así tamén eu procuro agradar a todos en todo, non buscando a miña comenencia, senón a da maioría, para que se salven.
            Procurade imitarme a min, como eu imito a Cristo.

                        Palabra do Señor                                         
                       R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Lc 7, 16
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Un gran profeta xurdiu entre nós;
Deus visitou o seu pobo.
Aleluia.


Evanxeo      Mc 1, 40-45
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Desapareceulle a lepra e quedou limpo

            Naquel tempo, acercóuselle un gafo a Xesús, e rogoulle de xeonllos:
            ‑ Ti, se queres, pódesme limpar.
            Xesús, estremecido, estendeu a man, e tocouno, dicindo:
            - Pois quero, queda limpo.
        E no instante desapareceulle a lepra, quedando limpo. E despediuno, e, poñéndose moi serio, mandoulle:
            ‑ Mira, non lle vaias dicir nada a ninguén; preséntate ao sacerdote, e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés, para que lles conste.
            Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar a nova, espallándoa de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en vila ningunha, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes.

                        Palabra do Señor                                         
                       R/. Loámoste, Cristo


A SAÚDE, DEREITO DE TODAS AS PERSOAS...... ACTÚA!!!!!!!!!!!!!!!!!!!
(CAMPAÑA DE MANS UNIDAS 2012)
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com

PÓRTICO
A todas as persoas nos preocupa gozar de boa saúde, sobre todo cando a perdemos, cando corremos o risco de perdela ou cando somos conscientes de como se vai deteriorando. Cando estamos cheos de vida e de forza, frecuentemente vivimos alleos ao valor real do que temos. Ademais, o feito de que na nosa sociedade rica, afeitos como estamos a poñernos nas mans dos médicos e a acudir aos centros de saúde ou aos hospitais, esquecemos con frecuencia que cadaquén é responsable da súa saúde.
Pero, é este un dereito do que todas as persoas gozamos? Desgraciadamente non. Por iso, a campaña deste ano de Mans Unidas intenta chamar a nosa atención sobre o feito de que temos que traballar para que este dereito fundamental sexa unha realidade para todas as persoas do mundo. Temos que romper ese círculo vicioso da fatalidade de que hai enfermidades de ricos e enfermidades de pobres.
Porque o dereito á saúde non é unha cuestión exclusivamente médica: hai que considerar todo aquilo que deteriora ou ameaza a calidade de vida das persoas: vivir en condicións pouco saudables, non ter un sistema sanitario que proporcione atención estable, non dispor dos alimentos e da auga precisos, non ter acceso ás menciñas básicas.... A insensibilidade diante do sufrimento dos demais, alimentada pola cultura da abundancia, do consumismo e do non esforzo debe ser superada a través da formación moral da conciencia na responsabilidade social e na información.
Que esta celebración que agora comezamos nos axude a poñernos na liña de saída.

O PERDÓN
  • Por non agradecer a saúde e a vida que pos nas nosas mans, SEÑOR, SE QUERES PODES LIMPARNOS.
  • Porque moitas veces non coidamos a nosa saúde como debemos e só nos damos conta do importante que é cando a perdemos, CRISTO, SE QUERES PODES LIMPARNOS.
  • Por ter renunciado a “gastar” o noso tempo escoitando, dando esperanza e acompañando as persoas enfermas, SEÑOR, SE QUERES PODES LIMPARNOS.

REMUÍÑO
    Que dura lei aquela!. Quen vía aparecer na súa pel as manchas da lepra sabía que todo estaba perdido. Era declarado impuro, marxinado friamente..... para que ninguén o confundira cunha persoa boa, para que ninguén se contaminara. Como tantas persoas leprosas de hoxe: os anciáns e as anciás, que despois de dalo todo, constitúen un atranco e un estorbo para a familia; os parados, sen posibilidade de ter unha vida digna mentres outras persoas nadan na abundancia; os enfermos, moitas veces abandonados pola súa familia nos centros hospitalarios e sen pinga de cariño; persoas ás que se lles negan os seus dereitos fundamentais polo seu xénero, pola súa ideoloxía, pola cor da súa pel, por rezar a un deus diferente...
    A sociedade, dicimos, ten que defenderse delas. Nós privatizamos a nosa vida cortando toda clase de relacións co mundo das persoas que sofren e illámonos nos nosos propios problemas, facéndonos cada vez máis insensibles diante da dor allea. Medra a apatía, a indiferenza e a insensibilidade diante do sufrimento das outras persoas. E así educamos á xente nova, para que non se conmovan e pensen só en si mesmos. A fin de contas.... é o máis normal!. Trátase de poñer en práctica as ensinanzas daquela vella fábula: non se pode deixar que unha soa mazá podre acabe podrecendo ao resto das mazás sans. Elemental.
    Pero vén Xesús e pono todo do revés. Achégaselle un leproso e El, sentindo mágoa, estende a súa man e cúrao. Que atrevemento! Porque non lle gustan os “ghettos”. El veu para liberar, para salvar, por iso non quere que se marxine a ninguén. Como poderá sandar un doente a quen se lle corta todo contacto coa vida? El prefire arriscar, porque ama. El opta pola integración....E o camiño queda aberto. Fronte dun mundo que pecha comodamente os seus ollos para non ver a quen sofre ou que diante daqueles que poden crearnos problemas non atopa máis solución que metelos en bolsas de lixo e deixalos que vaian podrecendo nas aforas das nosas cidades, Xesús ensina un camiño diferente: acoller, integrar, salvar. E por ese camiño difícil e moitas veces incomprendido por ser política e relixiosamente incorrecto, foron entrando, ao longo dos séculos, as persoas que optaron por seguilo, para que todos se salven. Velaquí a encrucillada na que nos atopamos: ou tomamos o camiño da primeira lectura e, nun “sálvese quen poida” buscamos só non contaminarnos co mal, conservarnos limpos e impecables, colocar fóra da nosa vista toda pobreza e toda maldade, non mesturar as mazás sans coas podres..... ou cambiámonos á lóxica positiva que Xesús reflicte nas súas parábolas: un pouco de lévedo, na masa, é quen de transformala; un gran de sal, morrendo dentro, acaba dando sabor a toda a comida. É unha lóxica distinta: ir polo mundo cos brazos abertos acollendo, comprendendo, compartindo, integrando, aínda a costa de tragarnos o medo de que algo sucio se nos poidan pegar.


    Hoxe, segundo domingo de febreiro celebramos a Xornada Nacional de Mans Unidas. Este ano, baixo o lema “A saúde, dereito de todas as persoas. Actúa!, chámanos a combater no mundo fronte dun grande número de enfermidades que se dan especialmente nos países en vías de desenvolvemento. Os coñecementos médicos actuais fan posible a erradicación destas enfermidades. Cómpre a elaboración de programas médicos, sociais e educativos que leven a reducir a extensión das mesmas. A simple vista, o tema deste ano é só un asunto médico e de investigación científica, pero a verdade é que a loita contra destas enfermidades debe englobarse nunha visión máis ampla da saúde, que chamamos salvación. Debemos mirar pola salvación das persoas.

    Se botamos unha mirada crítica ao noso mundo, descubrimos que existen dous mundo paralelos no campo da economía que dividen ás persoas en ricas e pobres, en sociedade do benestar e sociedade de supervivencia, en fartos e famentos... Esta mesma división reprodúcese de xeito escandaloso se cabe no campo da saúde e da enfermidade. Existe un mundo desenvolvido no que a saúde está completamente protexida e asegurada. A meirande parte da investigación médica céntrase na saúde e nas enfermidades das persoas deste mundo rico, de xeito que case todas as enfermidades e problemas clínicos teñen unha solución posible...Pero, ao mesmo tempo, moi preto deste mundo desenvolvido, porque os transportes e as comunicacións achegáronnos moito, existe un mundo sumido na prehistoria médica, paralela e proporcional á súa miseria económica. Nese mundo non existe asistencia médica universal, ás veces nin tan sequera hai atención médica ningunha. É un mundo que non coñece nin goza dos avances da medicina. Nel, as persoas sobreviven ou morren nunha situación de prehistoria da hixiene, da saúde e da medicina. É un mundo estancado, alleo aos avances da ciencia, no que a supervivencia non depende da medicina, senón da fortaleza física das persoas enfermas. É un mundo no que a vida está sempre en perigo, porque calquera infección, calquera bacteria, calquera virus, pode truncar en poucos días calquera vida humana.

    Nós hoxe, sabemos que as enfermidades non son un castigo de Deus e que as persoas doentes son aínda máis queridas por El por ser fillos sufrintes. Porén, as persoas enfermas nos países máis pobres, viven sen dignidade, sen dereitos, sen futuro, moitas veces abandonadas á súa sorte. Nós debemos sentir o que afirma o documento base de Mans Unidas deste ano: “Os enfermos da SIDA, paludismo ou malaria, tuberculose, chagas, dengue, entre outras enfermidades, teñen valor para nós, impórtannos. Son seres humanos que non perden a súa dignidade ética. A nosa compaixón activa comprométenos con eles para ser compañeiros de viaxe na recuperación da súa saúde e no desenvolvemento de todas as súas capacidades”. Se así o facemos, estaremos levando a salvación global a todas as persoas.A sociedade seguirá levantando fronteiras de separación cara ás persoas marxinadas. Son fronteiras que, a unha persoa crente, só lle indican as barreiras que ha traspasar para achegarse ao irmán e á irmá necesitados.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, ti sempre nos valoras como somos, por iso nos deches a todos a mesma dignidade, por iso xuntos dicimos:
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
  • Por todas aquelas persoas que na Igrexa teñen tarefas de responsabilidade, para que o seu testemuño e a súa palabra manifesten sempre o amor de Deus polos máis pequenos, OREMOS.
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
  • Polos nosos gobernantes e políticos, para que impulsen o verdadeiro desenvolvemento dos pobos máis pobres, eliminando as causas da fame das enfermidades, OREMOS.
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
  • Por todas as persoas que se atopan nunha situación de sufrimento, polas persoas enfermas, polas persoas que viven con fame e sede, polas persoas que non ven respectados os seus dereitos e a súa dignidade, para que o consolo de Deus, a través nosa, e a axuda de todos as faga saír da súa pobreza, OREMOS.
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
  • Por todas as persoas que traballan en e por calquera ONG, para que o amor de Cristo brille nelas e se estenda a todas as persoas, OREMOS.
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
  • Por cada un e cada unha de nós, para que a través do noso testemuño de entrega e de sinxeleza contribuamos ao verdadeiro desenvolvemento de todas as persoas, irmás nosas, OREMOS.
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
  • Para que sempre coidemos e agradezamos a saúde coma un ben fundamental, traballando para que sexa un dereito do que poidan gozar todas as persoas, OREMOS.
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
Señor, ti creáchesnos a todas as persoas iguais en dignidade. Non deixes de lembrárnolo día a día. PXNS. Amén.


PARA A REFLEXIÓN
Señor Xesús, que curaches ás persoas enfermas
para manifestarlles o amor de Deus.
Cura as enfermidades do noso mundo,
do noso corpo, do noso corazón.
Axuda ás persoas que están enfermas por seren pobres,
ás enfermas de SIDA, de malaria, de tuberculose
e doutras enfermidades asasinas dos pobres.
Axuda tamén ás persoas enfermas do corazón,
ás persoas enfermas dunha sociedade opulenta,
que só pensa en si mesma,
que se esquece das persoas pobres, deixándoas morrer.

Elas están enfermas de SIDA,
nós estamos enfermos de insensibilidade;
elas padecen a malaria,
nós padecemos o egoísmo;
elas sofren a tuberculose,
nós sufrimos a falla de valores;
elas padecen a enfermidade do soño,
nós durmimos sen decatarnos da realidade;
a elas os parasitos inocúlanlles virus e bacterias,
a nós inféctanos o virus do materialismo egoísta;
elas padecen desnutrición, colite e cólera,
nós provocamos a cólera coa nosa pasividade.

Señor, Ti que pasaches facendo o ben
devolvendo a saúde ás persoas pecadoras
e sandando ás persoas enfermas coas túas mans milagreiras,
fai que as nosas mans solidarias
sexan prolongación das túas,
para seguir salvando, hoxe,
a toda clase de persoas enfermas do noso mundo.


CANTOS
ENTRADA: Unha xuntanza de amor
LECTURAS: O amor é o meirande
OFERTORIO: Eu soñei
COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas



POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares