Misas ciclo B - 1º Domingo de Coresma

DOMINGO 1º DE CORESMA - CICLO B


Primeira Lectura      Xen 9, 8-15
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Alianza de Deus con Noé liberado das augas do diluvio

            Deus díxolle aínda a Noé e mais a seus fillos:
            ‑ "Vou establecer a  miña alianza convosco e cos vosos descendentes, con todos os animais que están convosco, os paxaros, os gandos e as feras todas do monte, cantos saíron da arca e agora viven na terra.
            Fago convosco esta alianza: Endexamais será outra vez destruída vida ningunha polas augas do diluvio; non haberá outro diluvio que estrague a terra".
            E Deus engadiu:
            ‑ "Este será o sinal da alianza que eu fago convosco e con todos os seres vivos que vos fan compaña, para todos os tempos: Poño o meu arco nas nubes, sinal da miña alianza coa terra. Cando amoree nubes sobre a terra e apareza o arco nelas, lembrarei a miña alianza convosco e con todos os seres vivos, e non haberá máis augas de diluvio que destrúan a vida.

            Palabra do Señor                                                     
            R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL Sal 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9

R/. (cf. 10): Os camiños do Señor son todos misericordia e lealdade,
                        para os que gardan a súa alianza.

Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador.

Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.

O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.


Segunda Lectura     1 Pe 3, 18-22
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Agora salvouvos o bautismo

            Benqueridos irmáns:
            Cristo morreu unha vez polos vosos pecados,
o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus;
sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.
            Foi daquela cando lles foi proclamar a salvación
mesmo aos espíritos encadeados, que foran rebeldes,
cando, nos tempos de Noé,
Deus, cheo de paciencia,
estábaos agardando, mentres se construía a arca;
dentro dela, uns poucos,
en total oito persoas,
salváronse pola auga;
esta auga simbolizaba o bautismo que vos salva a vós,
non por ser unha limpeza do corpo lixoso,
senón por ser o compromiso con Deus dunha conciencia honrada,
pola mediación de Xesús Cristo resucitado,
que subiu ao ceo e está á dereita de Deus,
despois que se lle someteron os anxos, os poderes e as forzas.

                        Palabra do Señor                                         
                        R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO    Mt 4, 4b

O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.


Evanxeo      Mc 1, 12-15
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Era tentado por Satán e os anxos servíano

            Naquel tempo, o Espírito encamiñou a Xesús ao deserto. Alí permaneceu corenta días, alí o tentou Satán; vivía entre as feras, e servíano os anxos.
            Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, dicindo:
-         O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.

                        Palabra do Señor                   
                        R/. Loámoste, Cristo



O ARCO DA VELLA FAINOS PRESENTE A ALIANZA DO DEUS QUE NON EXCLÚE NIN DIFERENZA: O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHA AS CADEAS DA CRISE
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com

SIGNO DE CORESMA:
Nunha cartolina (podemos aproveitar o envés da que utilizamos no Advento), debuxamos unhas cadeas rotas, e no centro unha boliña de pan. Con este sinal queremos expresar un dos valores fundamentais do noso sermos cristiáns e cristiás: A SOLIDARIEDADE, unha solidariedade que se expresa a través do pan partido, repartido e compartido e que queremos que rache as cadeas da crise. Cada domingo, destacaremos unha frase da Palabra que iremos incorporando no taboleiro, arredor deste signo principal. Neste primeiro domingo, a frase escollida é: ARCO DA VELLA

Pórtico
                Entre nós estamos acostumados a ver moitas veces saír o arco da vella. Gústanos e, sen importar se somos nenos ou grandes, provoca sempre expectación e ilusión. Pois ben, a Palabra hoxe preséntanos a aparición do arco da vella como un signo da presenza de Deus entre nós. Un Deus que se quere presentar como ponte que une, e non como trebón que abouxa e destrúe; un Deus que coida e non estraga a terra; un Deus ao que lle preocupa o mundo e canto hai nel –e no que o ser humano é o centro de todo– sen ausentarse deixándonos ao pairo.
         É toda unha declaración de intencións por parte de Deus para este tempo de coresma que comezaba o mércores pasado, e do que hoxe celebramos o primeiro domingo. Que ao longo das semanas que nos quedan por diante, vaiamos afondando neste arco de cores no que se nos quere manifestar Deus para dicirnos que por riba das diferenzas externas: raza, cultura, lingua, condición sexual, formación... El segue agarimándonos e facéndonos oco en cada unha das cores do arco, no que cabemos todos e ninguén é excluído.

Perdón
        Porque no arco da vella da nosa vida, nós si facemos exclusións e diferenzas, SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA MARQUE O NOSO CAMIÑO.
        Porque nos diluvios que provocamos coa nosa intolerancia, o noso egoísmo ou a nosa rutina, asolagamos a nosa vida de baleiro e dureza de corazón, CRISTO, QUE A TÚA MISERICORDIA MARQUE O NOSO CAMIÑO.
        Porque nos falta paciencia e nos sobra activismo, que desemboca en estres e desánimo, SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA MARQUE O NOSO CAMIÑO.

Remuíño
        Deus non cansa. Unha e outra vez volve insistir en que non está disposto a deixarnos da man, a abandonarnos, permitindo que nos esnafremos unha e outra vez. A fidelidade á palabra dada, o compromiso establecido na Alianza, por moito que nós queiramos rompelo poñendo a proba a Deus, non se vai deixar vencer nin pola nosa insistencia nin por desánimo. Día a día segue a abrirnos camiños, a lanzarnos salvavidas de misericordia, a estender as mans para collernos e impedir que poidamos desprendernos. Deus é así. Non podería ser de outro xeito. Pero os que non acabamos de dar a talla somos nós coa nosa inconstancia, a pouca confianza que poñemos no que facemos, a nosa pouca fe diante da súa presenza... Como nos empeñamos en pechar os ollos para non velo!. Que difícil nos resulta entender que El simplemente nos ofrece amor e acompañamento, que non quere manipularnos nin deixar que non sexamos nós mesmos. Cantos arcos da vella temos mirado sen entender que neles estaba El para dicirnos: quérote, es importante para min, non te vou deixar, segue cara adiante, busca proxectos novos, non te deixes levar do desánimo... rompe as cadeas que te atan e impiden que o vexas. Convenzámonos de que Deus non destrúe, coida e invítanos a que tamén nós aprendamos a coidar: ás persoas, ao medio ambiente, a canto nos fala e nos invita  á vida.



        Só aprendendo a prestar atención a esta voz de Deus iremos descubrindo e notando que de verdade os seus camiños son misericordia e verdade. Misericordia para non deixarnos levar polo que fan todos, que agora chamámoslle o social e politicamente correcto, senón para non ter vergoña a manifestar que hai outro/s xeito/s de facer as cousas, de tratar as persoas, de estar no mundo. Si que é verdade que hai que estar moi convencidos e entender que a fe non é crer nun algo que non vemos, senón unha esixencia para construír salvación desde a fidelidade ás persoas, por riba de que teñan poder ou sexan importantes; un compromiso para non deixarnos levar de presións e mensaxes, que ás veces mesmo chegan en forma de descualificacións e insultos, de que somos uns ilusos, que hai que ir co que fan todos, que doutro xeito non fariamos nada, que... se de verdade queremos seguir os camiños aos que nos abre o ser crentes no medio do noso mundo de hoxe, teremos que ir endurecendo a pel para que o externo non se converta en fundamental e nos impida construír camiños que fan que cada día e moitas veces siga aparecendo no noso horizonte o arco da vella de múltiples cores e rostros de Deus.

        Coma Xesús, tamén nós nos negamos a ser espíritos encadeados. Espíritos aos que non lles queda outra que aguantar e sufrir as consecuencias do mal que, aqueles que dicían vivir ao día era o mellor, que o futuro non había que preocuparse por el, que valores como o esforzo, o aforro, a austeridade, a constancia ou o respecto ás persoas eran cousas do pasado... foron sementando nos nosos corazóns. A resignación nin é cristiá nin estivo nunca no proxecto de Xesús. Para El sempre hai unha raiola de novidade, unha fenda pola que deixar pasar a luz, un claro polo que entre a claridade. En Xesús, e con El en todos nós, ábresenos unha porta grande na que a esperanza supera o derrotismo e o desencanto. A honradez é posible e o engano acabará por ser desenmascarado. Só necesitamos capacidade para ser pacientes e non deixarnos levar nin polas présas nin polo conformismo. O Espírito, como estivo con El, está tamén con nós. El vainos axudar a que o anuncio da Boa Nova sexa experiencia renovadora, fonda e sempre activa na nosa vida. O tempo está cumprido, o seu reinado, tamén, porque El camiña ao noso lado.

Oración da comunidade
                Porque queremos prepararnos para o tempo de vida e novidade que nos trae a pascua, comezamos a coresma poñéndonos nas túas mans e dicindo xuntos:
QUE A CORESMA SEXA TEMPO DE RENOVACIÓN
        Na Igrexa estamos chamados a construír espazos vivos, renovadores e cheos de esperanza, que fagan do noso testemuño presenza do Evanxeo. Para que aproveitemos este tempo de coresma para revisar actitudes e converternos de canto nos impide ser unha Igrexa crible, dos pobres e cos pobres, Oremos.
QUE A CORESMA SEXA TEMPO DE RENOVACIÓN
        Nas nosas comunidades, moitas veces, vivimos as celebracións como costume e rutina, esquecendo que nelas somos invitados a experimentar a graza da túa presenza e a ledicia de construír un proxecto que sexa para os veciños referencia auténtica de que a fe afástanos da mediocridade. Porque queremos que a Coresma nos axude a cambiar, Oremos.
QUE A CORESMA SEXA TEMPO DE RENOVACIÓN
        En nós non agroma sempre a conciencia de que o Reino xa está aquí, e que ser construtores del esíxenos palabras, actitudes e comportamentos que beban da fonte do Evanxeo. Para que os enfermos atopen compaña, os tristes consolo, os desesperanzados esperanza, e todos, corazón en busca de verdade e comprensión, Oremos.
QUE A CORESMA SEXA TEMPO DE RENOVACIÓN
Señor, na calor desta comunidade que sabe poñer corazón ás súas palabras, unimos a nosa oración para que o arco da vella de múltiples cores, nos axude a entender que ter fe é acoller sen exclusións e non deixarnos levar do desacougo. P.X.N.S. Amén.

Reflexión
Os que fomos bautizados,
os que escoitamos a voz do Espírito,
os que descubrimos que somos fillos
os que acollemos a revelación do Deus vivo,...
penetremos no deserto sen medo
e camiñemos a paso lixeiro.

Coresma é ese tempo que vai e vén,
tempo para vivilo en camiño,
sen instalarse, sen retelo, sen lamento,
coa esperanza sempre a flor de pel
e a mirada fixa noutro tempo,
a Pascua, que é definitivo.

Entremos na Coresma convencidos,
listos para o combate, lixeiros de equipaxe,
coa mente despexada,
co corazón cheo de tenrura e misericordia,
con calzado axeitado
e moita paciencia con nós mesmos.

Deixémonos arrolar pola brisa do Espírito,
poñamos o noso corazón en sintonía
cos latexos de Deus e co berro dos aflixidos,
bebamos nos mananciais da vida
e non nos deixemos enganar polos espellismos do deserto.

Baixemos do monte aos camiños da vida,
baixemos sen medo e cheos de misterio.
Non profanemos os templos vivos,
busquemos de noite, coma Nicodemo
e, coma aqueles gregos,
preguntémoslles a discípulos e amigos por Xesucristo e o seu Reino
e como sementarse no campo do mundo para xermolar ao seu xeito.

Vivamos a Coresma ben espertos,
camiñando en comunidade,
con fe, esperanza e amor,
fixos os ollos en Xesús.
Deámonos esa oportunidade!





        ENTRADA: Arrepentido
        LECTURAS: Lemos o salmo responsorial
        OFERTORIO: Misioneiro
        COMUÑÓN: Non vou so


POWER POINTS




Comentarios

Publicacións populares