A Presentación de Xesús no Templo - 2 DE FEBREIRO
Día 2 de febreiro
PRESENTACIÓN DO SEÑOR
Festa
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE MALAQUÍAS
Virá ó seu templo o Dominador, a quen buscades
Dí o Señor Deus:
3 1Velaí: eu envío ó meu mensaxeiro,
para que limpe o camiño diante de min.
Nun momento entrará no seu santuario
o Señor a quen vós estades buscando,
o mensaxeiro da Alianza, a quen vos lle tendes amor:
vede que chega -fala o Señor dos Exércitos-.
2¿Quen aguantará o día da súa chegada?
¿Quen se manterá de pé cando El apareza?
Si, El será coma o lume do fundidor,
coma a lixivia dos que lavan.
3Sentarase coma o fundidor que refina a prata,
refinará ós fillos de Leví e purificaraos;
coma a prata e coma o ouro, así serán para o Señor os que presenten a ofrenda con xustiza.
4Entón seralle agradable ó Señor a ofrenda de Xudá e Xerusalén,coma nos días remotos,
coma nos anos antigos.
SAL. RESP.Sal 23, 7. 8. 9. 10 (R/: 10b)
V/ O Señor dos exércitos,
El é o rei da gloria.
7Erguede, portas, os linteis,
alzádevos, antigos portais,
para que entre o rei da gloria.
8¿Quen é ese rei da gloria?
O Señor, forte e valente,
o Señor, valente nas batallas.
9Erguede, portas, os linteis,
alzádevos, antigos portais,
para que entre o rei da gloria.
10¿Quen é ese rei da gloria?
O Señor dos exércitos,
El é o rei da gloria.
SEGUNDA Heb 2, 14-18
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS
Debeu asemellarse en todo ós irmáns
14Xa que os fillos participan todos na mesma carne e do mesmo sangue, tamén El participou igualmente da carne e do sangue, para que coa súa morte puidese deixar sen forzas ó que retiña o poder da morte, isto é, Satán; 15e deste xeito, librar a cantos por medo á morte pasaban a vida nunha escravitude.
16Porque está claro que a quen lles vén botar unha man, non é ós anxos, senón ós fillos de Abraham. 17Por iso tiña que asemellarse ós seus irmáns en todo, para deste xeito poder ser sumo sacerdote, que se doia de nós e de quen un se poida fiar nas cousas que se refiren a Deus e así poida expia-los pecados do seu pobo; 18porque El xa pasou a proba de sufrimento, pode axudar ós que agora se atopan na proba.
ALELUIA Lc 2, 32
R/. Aleluia.
V/. Luz de revelación para os xentís
e gloria do teu pobo Israel.
R/. Aleluia
EVANXEO Lc 2, 22-40 (máis longo)
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Viron os meus ollos a túa salvación
22 Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno Xesús a Xerusalén, para llo presentaren ó Señor 23(pois así está escrito na Lei do Señor: "Todo varón primoxénito consagraredes ó Señor"), 24e tamén para faceren unha ofrenda , conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".
25Vivía nese tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con el, 26tíñalle prometido que non había morrer sen ve-lo Unxido do Señor.
27Movido polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, 28el, colléndoo nos brazos, louvou a Deus dicindo:
29Agora podes, Señor, segundo a túa promesa
despedir en paz ó teu servo,
30porque xa os meus ollos viron o teu Salvador,
31o que preparaches para tódolos pobos:
32luz de revelación para os xentís
e gloria do teu pobo Israel.
33O pai e maila nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. 34Bendíxoos Simeón e díxolle a María, a nai:
-Mira, este está disposto para caída ou soerguemento de moitos en Israel, para ser bandeira de discusión; 35e a ti mesma unha espada hache atravesa-la alma: así ficarán descubertas as cavilacións de moitos corazóns.
36Había tamén unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribu de Axer, que vivira sete anos co seu marido desde que casara, 37e logo como viúva ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo nin de noite nin de día, servindo a Deus con xexún e oracións. 38Presen-tándose naquel intre no templo, glorificaba a Deus e falaba do neno a tódolos que esperaban a redención de Xerusalén.
39Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para Galilea, á vila de Nazaret. 40O neno ía medrando lanzal, forte e intelixente; e a gracia de Deus estaba con el.
Ou máis breve: Lc 2, 22-32
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
22Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno Xesús a Xerusalén, para llo presentaren ó Señor 23(pois así está escrito na Lei do Señor: "Todo varón primoxénito consagraredes ó Señor"), 24e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".
25Vivía no tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con el, 26tíñalle prometido que non había morrer sen ve-lo Unxido do Señor.
27Movido polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, 28el, colléndoo nos brazos, louvou a Deus dicindo:
29Agora podes, Señor, segundo a túa promesa
despedir en paz ó teu servo,
30porque xa os meus ollos viron o teu Salvador,
31o que preparaches para tódolos pobos:
32luz de revelación para os xentís
e gloria do teu pobo Israel.
VER, ACOLLER, ACOMPAÑAR... UN CAMIÑO NO QUE DESCUBRIMOS O GOZO
DE SENTIRNOS IRMÁNS E IRMÁS
TOMADO DE :
ESCOITA ACTIVA
Hoxe é a festa da Presentación de Xesús no templo. Xa
pasaron corenta días do seu nacemento e os seus pais, cumprindo unha das
tradicións xudías lévano ao templo para presentárllo a Deus. Do mesmo xeito,
tamén nós fomos presentados no templo o día do noso bautismo; fomos acollidos
na fe da Igrexa e na comuñón sen exclusións de tod@s nós. Nesta acollida na
comunidade comezamos o camiño dos seguidores de Xesús, para que aprendamos a
ver, acoller e acompañar a cantos ao noso lado van sentindo como a luz da súa
vida se vai apagando, e necesitan da presenza das luces dos irmáns para non
perderse na escuridade de tantas vidas marcadas pola incomprensión, o
sufrimento e a dor.
Neste día de luz e candeas, que cantos presentamos as velas
para ser bendicidas, tomemos conciencia de que elas son un simple sinal dunha
tarefa que os cristiáns estamos chamados a realizar cada día: ser pequenos
fachos que axuden aos irmáns a non trabucar de camiño.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Para que sempre teñamos presente que o engano, a mentira e a
violencia non nos deixan camiñar na luz, SEÑOR, ILUMÍNANOS NO CAMIÑO.
Para que aprendamos a superar a tentación da comodidade e do
mínimo esforzo, CRISTO, ILUMÍNANOS NO CAMIÑO.
Para que non dubidemos nunca de que o camiño do amor lévanos
a termar e acompañar ao irm@n, e non a enfrontarnos contra el, SEÑOR,
ILUMÍNANOS NO CAMIÑO.
PALABRA ENRAIZADA
· As tradicións, os
rituais ou mesmo as costumes culturais non son máis que medios que nos axudan a
avanzar cara ao fin. E isto que debería ser unha afirmación clara e rotunda na
nosa vida parece, moitas veces, que non o é. Por que entón, poderíamos
preguntarnos?. A resposta non é necesario que veña de fóra nin que lla
encarguemos a un especialista en antropoloxía cultural e relixiosa. A resposta
está en nós mesmos: acabamos por confundir a relación entre o fin e o medio,
entre o que queremos acadar e as axudas das que nos valemos para conseguilo.
Algo así nos pasa coa festa de hoxe: traemos candeas á igrexa para bendicir,
mesmo se chegamos tarde pedimos que nolas bendigan...pero non sabemos nin por
que nin para que. Vímolo facendo dende hai moitos anos e queremos manter ese
costume. Aquí, nesta resposta está a dificultade coa que tantas veces nos
atopamos os crentes: facemos cousas, pero non nos paramos a pensar nelas e na
razón de facelas, polo que acabamos reducindo todo a ritos baleiros e costumes
das que non sabemos nin sentido nin razón, o que pasado o tempo nos fai
fundamentalistas na súa defensa, pero sen saber dar razón que nos leva a
facelas dese xeito... e a quen non coñece acaba por parecerlle este xeito de
comportarse o dun fanátic@ que se move na irracionalidade dos sentimentos, e
non na razón dunha fe pensada e vivida.
· Se somos capaces
de entender que os ritos e sinais da liturxia non son máis ca medios, entón,
tamén seremos capaces de descubrir a fondura e a capacidade de trascender –ir
máis alá do que vemos– que eles teñen. E no que se refire ás candeas que hoxe
acendemos e bendicimos ao comezo da celebración, o que nos queren indicar é que
o nacemento de Xesús ábrenos a tod@s, sen exclusións, un camiño novo e
diferente, cheo de sentido desde o que vivir e actuar na vida. Permítenos
avanzar no descubrimento da fe como unha esixencia que marca a maneira que
temos de facer as cousas: un camiño de luz. Acoller a luz –mensaxe– que nos
trae Xesús sitúanos na esixencia de converter en práctica os valores nos que el
foi capaz de vivir. Por iso insistimos tanto e tantas veces na necesidade de
ser xustos, pacíficos, misericordiosos, íntegros –que non nos deixemos levar da
corrupción, o engano ou a mentira– nas cousas que fagamos. Se somos capaces de
entender isto –non de oílo, senón de escoitalo– entón estaremos poñendo os
cimentos sobre os que construír a noso ser cristiáns. Porén, se facemos ritos,
pero os baleiramos de contido, acabamos sendo uns monicreques nos que a
racionalidade desaparece para que apareza a superstición, a maxia ou a
inxenuidade inmatura que nos fai crédulos... que non crentes.
· Desde os textos
que acabamos de escoitar todo isto váisenos presentando como unha invitación,
que non imposición, que Xesús nos fai para que a nosa vida se asente sobre
rocha firme e non sobre area movediza. Nós buscamos a Deus, pero El sempre está
disposto para saír ao noso encontro, para acompañarnos, para ser forza que non
nos deixe caer no fácil do interese, o abuso ou a desconsideración cara aos
demais. É o Señor da fraternidade, o Pai/Nai Deus ao que nos une o vínculo de
compartir a tarefa de facer do mundo casa común, e non internado no que estamos
sometidos a presión e sen liberdade. Por iso os nosos ollos non se pechan,
senón que se van abrindo para ir descubrindo ao Salvador entre nós. Como
fixeron Simeón e Ana. Anceiaban atoparse con Xesús, e aquel encontro deulle un
sentido, un horizonte novo e diferente ás súas vidas. Tamén hoxe a nós se nos
invita a abrir os ollos para descubrir a presenza do Señor e acollelo na nosa
casa, no corazón, na vida. A promesa do Señor quere que nos vaiamos atopando
con El descubríndoo presente nos irmáns. Non para pedirlle contas ou pasarlle
factura do que non nos fixeron cando os necesitabamos, senón para saír ao seu
encontro e dicirlles: compartamos a luz da candea para facer xunt@s o camiño
que nos leva a ser comunidade de comuñón e non gaiola de leóns.
FRATERNIDADE ORANTE
Na luz das candeas que nos mostra a presenza viva de Xesús
entre nós, compartimos agora a oración
comunitaria dicindo:
ACOMPÁÑANOS PARA SER LUZ EN PROXECTOS DE ESPERANZA E
XUSTIZA.
* Para que
traballemos por desenvolver no medio da nosa sociedade a presenza da Igrexa
como luz e pan na vida de tant@s irm@ns que viven na escuridade e na fame de
alimento e paz, OREMOS.
ACOMPÁÑANOS PARA SER LUZ EN PROXECTOS DE ESPERANZA E
XUSTIZA.
* Para que
aprendamos a construír comunidades cristiás que non camiñen no baleiro dos
sinais que non entenden nin na rutina do que se fixo sempre, esquecendo que
Xesús invítanos a non apagar a candea na que nos ofrece convicción e
creatividade, OREMOS.
ACOMPÁÑANOS PARA SER LUZ EN PROXECTOS DE ESPERANZA E
XUSTIZA.
* Para que nos
esforcemos por saír das escuridades que converten a nosa vida en tristura e
queixa, esquecendo que Ti, Señor, sempre nos falas de futuro e de esperanza,
OREMOS.
ACOMPÁÑANOS PARA SER LUZ EN PROXECTOS DE ESPERANZA E
XUSTIZA.
Señor, na festa do lume e da luz, queremos agradecer xunt@s
que sigas crendo, confiando e termando de nós, chamándonos a ser portadores da
túa luz alí por onde pasemos. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Son, somos construción de Deus.
Non me pertenzo.
Son cidade no alto.
É absurdo pretender agacharse.
O caso é facer isto sen gloria va,
crido de ser feitura de Deus.
O caso é facer isto con humildade,
porque se cadra exhibo comportamentos
que nada teñen que ver con Deus.
Pero estamos feitos todos e todas
para a colaboración mutua,
para a iluminación mutua,
para o reforzamento mutuo.
Somos feitos para a comunidade,
para dar e recibir:
luz, calor, ánimos, ideas …
A luz así posta sobre do candeeiro,
para que a luz chegue a todos,
sendo non sendo,
facéndose desfacéndose,
desfacéndose un, ao tempo que aluma a outros e outras.
(Manolo Regal, A graza daquel verán, 100)
ENTRADA:
Amig@s nas penas e na festa amigos
LECTURAS:
Traede para quen escoite camiños de luz
OFERTORIO:
Grazas, Señor, na mañá
COMUÑÓN:
Pan do ceo, pan de vida
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario