A7. O Señor é misericordioso e clemente - Salmo 102

Domingo 7 de Ordinario - ciclo A


O ESTILO DE DEUS

Deus,
ti non es vingativo,
ti non as gardas,
ti non esperas o momento ao xeito
para lle facer unha trasnada
a quen cha fixo, ou lla fixo
a algún dos teus fillos queridos.

Deus,
ti non mides o mal,
ti non contestas con mal
ao mal que facemos.
Nunca, nin nesta vida
nin na outra.

Deus,
ti non es agresivo,
es forte e resistente na loita,
pero non es agresivo.

Deus,
ti quéresnos a todos,
xenerosamente, gratis,
sen facer distingos.
o mesmiño que a choiva
baixa e rega a terra do bo e do malo,
así o teu amor baixa e enchoupa
o corazón limpo e lixado.

O mesmiño que o sol
ofrece a súa luz e calor
ao casal do bo e do traveso,
así o teu agarimo quenta por igual
o ánimo xeneroso e o perverso.

Deus,
neste mundo
cheo de leis de vinganza
e con xente que nada máis quere
a quen os quere,
neste mundo, Deus,
ensínanos a vivir ao teu estilo. 
Amén.





Comentarios

Publicacións populares