Domingo 4 de Ordinario - ciclo A
IV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO
CICLO A
Primeira Lectura Sof 2, 3; 3,
12-13
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA SOFONÍAS
Farei que quede no medio de ti un pobo pobre e humilde
Buscade o Señor todos
os pobres do país, que cumpristes os seus decretos; buscade a xustiza, buscade
a humildade.
Quizais poidades
escondervos no día da ira do Señor.
Farei que quede no medio de ti un pobo pobre e humilde,
e no Nome do Señor terá o seu refuxio o resto de Israel.
Non farán maldades nin
dirán mentiras;
non se atopará na súa boca lingua mentireira.
Si, eles pacerán e deitaranse sen que ninguén os espante.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 145,
7. 8-9a. 9bc-10
R/. (Mt 5, 3): Ditosos os
pobres no espírito, porque deles é o Reino dos Ceos.
Ou: Aleluia.
O Señor failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.
O Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.
O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.
Segunda Lectura 1 Cor 1,
26-31
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Deus elixiu os febles do mundo
Irmáns:
Reparade en quen sodes
os chamados: entre vós, mirando as cousas con criterios deste mundo, non hai
moitos sabios, nin moitos poderosos, nin moitos da nobreza.
Ó contrario, o que hai
de parvo no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar os sabios; e o que
hai de débil no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar o poderoso; o
plebeo e mais o desprezado, iso foi escoller Deus: o que non é, para anular o
que é; de xeito que ningún mortal poida campar diante de Deus.
Por El é por quen
existides vós en Cristo Xesús, quen se fixo para nós a sabedoría e mais a
xustiza, a santificación e mais a redención que veñen de Deus. E así, como está
escrito, "quen está orgulloso, que o estea do Señor".
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Mt 5, 12a
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Alegrádevos e reloucade,
porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.
Aleluia.
Evanxeo Mt 5, 1-12a
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ditosos os que teñen espírito de pobres
Naquel tempo, Xesús,
ao ver a multitude, subiu ao monte, sentouse e achegáronselle os seus
discípulos; e el, tomando a palabra, ensinábaos dicíndolles:
Ditosos os pobres no
espírito,
porque deles é o Reino dos Ceos.
Ditosos os que choran,
Ditosos os sufridos,
porque eles herdarán a terra.
Ditosos os famentos e
sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.
Ditosos os
misericordiosos,
porque eles serán tratados con misericordia.
Ditosos os de corazón
limpo,
porque eles verán a Deus.
Ditosos os que
traballan pola paz,
porque eles serán chamados fillos de Deus.
Ditosos os perseguidos
por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos Ceos.
Ditosos vós cando vos
aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e
reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
Cando un busca, por moito que nos escondamos… sempre nos atopan.
Deus sae na nosa procura,
e sempre acaba atopándonos. Grazas.
TOMADO DE:
PÓRTICO
Estar orgullos@ do
Señor, un orgullo que nos fai ditos@s. Esta é a invitación que nos dirixe a
celebración de hoxe. Que non nos sintamos avergoñados por manifestarnos e
sentírmonos crentes, ao contrario, que iso supoña na nosa vida ledicia, gozo,
frescura, creatividade e forza para que, canto fagamos, o saibamos poñer na man
e protección do Señor. Que mellor cousa para chamarnos ditos@s!. E que maior e
mellor recompensa: o agarimo de Deus para sempre. Esta é a nosa esperanza, e
por iso nos volvemos xuntar hoxe aquí.
PERDÓN
Por todas as veces nas que a nosa mala conciencia nos leva a
apartarnos de Ti, SEÑOR, GÁRDANOS NA TÚA MISERICORDIA.
Por todas as veces nas que temos esquecido que só na
sinxeleza e no respecto dos demais poderemos acadar a túa benaventuranza,
CRISTO, GÁRDANOS NA TÚA MISERICORDIA.
Porque con moita facilidade esquecemos canto de bo vas
poñendo no noso camiño, SEÑOR, GÁRDANOS NA TÚA MISERICORDIA.
REMUÍÑO
Invítanos hoxe o Señor a que saiamos buscalo. Onde,
poderemos preguntarnos cun toque de inxenuidade?. Unha pregunta da que xa
sabemos a resposta, porque El ténnola dado moitas veces ao longo das páxinas da
Palabra: nos pobres, si, naqueles aos que ninguén presta atención nin fai caso.
Pobres non só de cartos, que neste momento tamén, pero principalmente nos
pobres que se senten baleiros interiormente, nos pobres que son incapaces de
facer autocrítica sobre a súa vida, nos pobres que só teñen cartos e aos que
lle segue a faltar todo; nos pobres que logo de ter dado moito amor ao longo da
súa vida, descóbrense agora na máis absoluta das soidades; nos pobres que
téndoo todo, non foron capaces de ter o máis importante: sentirse amados e ser
capaces de amar. Son moitos os pobres e as pobrezas coas que hoxe nos imos
atopando cada día. Nós temos que esforzarnos, e ás veces si que é difícil!, por
atopar neles ao Señor. El non se esconde. Nós, moitas veces si.
Paulo dinos que como Deus se quere mostrar, faino de xeito
que, se lle poñemos un pouco de atención, o poidamos descubrir nos máis
débiles. Aqueles aos que nunca se lles escoita, aos que non se lles presta
atención, aos que non se lles entregan premios nin se lles ofrece recoñecemento
social, nos que non teñen títulos e non pasaron por universidade algunha, a non
ser a da vida, e na que foron aprendendo que o que fai a unha persoa ditosa só
é, logo de moito sintetizar e de buscar o esencial, amar e ser amado. É dicir,
aqueles que teñen o corazón grande. Non é fácil porque a corrente puxa por nós
moitas veces en dirección contraria, pero este ha ser o noso reto, nel temos
que poñer todo o noso esforzo, para que aquela auga que nos botaron na cabeza o
día do noso bautismo –incorporación/purificación– vaia polo regueiro adecuado
ata a desembocadura no mar que, para nós, é Xesús de Nazaret, Aquel que non
cansou de dicir: ditosos os:
Pobres
Que choran
Sufridos
Famentos e sedentos de xustiza
Misericordiosos
De corazón limpo
Traballan pola paz
Perseguidos por causa da xustiza…
Porque deles é o Reino dos ceos .Un Reino que comezou xa, do
que nós somos continuadores e animadores, e que rematará cando academos a
felicidade plena ao seu lado.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Ti, Señor, sempre nos chamas. Falo con tenrura e agarimo.
Agradecidos dicímosche agora xuntos:
DITOSO QUEN RESPONDE
Á TÚA INVITACIÓN, SEÑOR
Para que os que asumen o servizo de guiar, acompañar,
alentar, formar... na Igrexa, se esforcen por facelo con actitude de sinxeleza
e capacidade de escoita, Oremos.
DITOSO QUEN RESPONDE
Á TÚA INVITACIÓN, SEÑOR
Para que nas nosas comunidades teñamos sempre presente que
es Ti o que nos chama e invita, e saibamos responder con actitude de servizo e
defensa dos máis débiles e necesitados, Oremos.
DITOSO QUEN RESPONDE
Á TÚA INVITACIÓN, SEÑOR
Para que cada un e cada unha de nós nos esforcemos cada día
en traballar por ser ditosos, facendo, co noso traballo, ditosos aos demais,
Oremos.
DITOSO QUEN RESPONDE
Á TÚA INVITACIÓN, SEÑOR
Señor, grazas por ofrecernos a capacidade de ser ditosos,
aprendendo a servir e a dialogar cos irmáns.P.X.N.Señor. Amén.
REFLEXIÓN
Ditosa a xente misericordiosa
A xente que se doe dos demais.
A xente de corazón brando ante a miseria.
A xente afectada polas desgrazas alleas.
A xente que ten paixón e tenrura.
A xente que remedia ás persoas necesitadas.
A xente que converte o amor en estruturas sociais
organizadas.
A xente que, desde a política, responde aos dereitos das
persoas e dos grupos máis débiles.
A xente que non pode ollar o mundo con indiferenza.
A xente que chora con quen chora.
A xente que toma en serio a dor allea.
A xente que se compromete en tarefas de solidariedade e
voluntariado.
Porque Deus é iso: un corazón apegado a tódalas persoas que
atopan a dor no seu camiño de construción persoal e social. Así nos convocas.
Amén.
(Manuel Regal, A graza…, 88/89)
ENTRADA:
Que ledicia a miña
LECTURAS:
Ditoso o que segue ao Señor,
e vai polo seu camiño
OFERTORIO:
Cantádelle ao Señor
unha cantiga nova
COMUÑÓN:
Benaventurados
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario