Ficha e Lectio - Domingo 6 Ord A





Vídeo:
(Parroquia Barciela-Sigüeiro)


LECTIO :

NON Á GUERRA ENTRE NÓS

Os xudeus falaban con orgullo da Lei de Moisés. Segundo a tradición, Deus mesmo regaloulla ao seu pobo. Era o mellor que recibiran del. Esa Lei encerra a vontade do único Deus verdadeiro. Aí poden atopar todo o que necesitan para seren fieis a Deus.

Tamén para Xesús a Lei é importante, pero xa non ocupa o lugar central. El vive e comunica outra experiencia: está chegando o reino de Deus; o Pai está buscando abrirse camiño entre nós para facer un mundo máis humano. Non abonda quedarnos con cumprir a Lei de Moisés. É necesario abrirnos ao Pai e colaborar con el en facermos unha vida máis xusta e fraterna. Por iso, segundo Xesús, non basta cumprir a lei que ordena “Non matarás”. É necesario, ademais, arrincarmos da nosa vida a agresividade, o desprezo ao outro, os insultos ou as vinganzas. Aquel que non mata, cumpre a lei, pero se non se libera da violencia, no seu corazón non reina aínda ese Deus que busca construír connosco unha vida máis humana.

Segundo algúns observadores, estase estendendo na sociedade actual unha linguaxe que reflicte o crecemento da agresividade. Cada vez son máis frecuentes os insultos ofensivos proferidos só para humillar, desprezar e ferir. Palabras nadas do rexeitamento,  resentimento,  odio ou vinganza.

Por outra banda, as conversacións están a miúdo tecidas de palabras inxustas que reparten condenas e sementan sospeitas. Palabras ditas sen amor e sen respecto, que envelenan a convivencia e fan dano. Palabras nadas case sempre da irritación, a mesquindade  ou a baixeza.
Non é este un feito que se dá só na convivencia social. É tamén un grave problema na Igrexa actual. O Papa Francisco sofre ao ver divisións, conflitos e enfrontamentos de “cristiáns en guerra contra outros cristiáns”. É un estado de cousas tan contrario ao Evanxeo que sentiu a necesidade de dirixirnos unha chamada urxente: “Non á guerra entre nós”.

Así fala o Papa: “Dóeme comprobar como nalgunhas comunidades cristiás, e aínda entre persoas consagradas, consentimos diversas formas de odios, calumnias, difamacións, vinganzas, celos, desexos de impoñer as propias ideas a costa de calquera cousa, e ata persecucións que parecen unha implacábel caza de bruxas. A quen imos a evanxelizar con eses comportamentos?”. O Papa quere traballar por unha Igrexa na que “todos poidan admirar como vos coidades uns a outros, como vos dades alento mutuamente e como vos acompañades”.

José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire


VER TAMÉN :
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2014/02/16-de-febreiro-domingo-6-do-tempo.html

Comentarios

Publicacións populares