Ficha e Lectio - Domingo 8 Ord A
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO :
NON Á IDOLATRÍA DO DIÑEIRO
O Diñeiro, convertido en ídolo absoluto, é para Xesús o maior inimigo dese mundo máis digno, xusto e solidario que quere Deus. Fai xa vinte séculos que o Profeta de Galilea denunciou de xeito rotundo que o culto ao Diñeiro será sempre o maior obstáculo que atopará a Humanidade para progresar cara a unha convivencia máis humana.
A lóxica de Xesús é aplastante: “Non podedes servir a Deus e ao Diñeiro”. Deus non pode reinar no mundo e ser Pai de todos, sen reclamar xustiza para os que son excluídos dunha vida digna. Por iso, non poden traballaren por ese mundo máis humano querido por Deus os que, dominados polo ansia de acumular riqueza, promoven unha economía que exclúe aos máis débiles e abandónaos na fame e a miseria.
É sorprendente o que está sucedendo co Papa Francisco. Mentres os medios de comunicación e as redes sociais que circulan por internet infórmannos, con toda clase de detalles, dos xestos máis pequenos da súa personalidade admirábel, ocúltase de modo vergonzoso o seu berro máis urxente a toda a Humanidade: “Non a unha economía da exclusión e da iniquidade. Esa economía mata”.
Con todo, Francisco non necesita longas argumentacións nin profundas análises para expor o seu pensamento. Sabe resumir a súa indignación en palabras claras e expresivas que poderían abriren o informativo de calquera telediario, ou ser titular da prensa en calquera país. Só algúns exemplos.
“Non pode ser que non sexa noticia que morra de frío un ancián en situación “de rúa” e que si o sexa a caída de dous puntos na bolsa. Iso é exclusión. Non se pode tolerar que se tire comida cando hai xente que pasa fame. Iso é iniquidade”.
Vivimos “na ditadura dunha economía sen rostro e sen un obxectivo verdadeiramente humano”. Como consecuencia, “mentres as ganancias duns poucos medran exponencialmente, as da maioría fican cada vez máis lonxe do benestar desa minoría feliz”.
“A cultura do benestar anestésianos, e perdemos a calma si o mercado ofrece algo que aínda non compramos, mentres todas esa vidas truncadas por falta de posibilidades parécennos un espectáculo que de ningún xeito nos altera”.
Como dixo el mesmo: “esta mensaxe non é marxismo, senón Evanxeo puro”. Unha mensaxe que ten de ter eco permanente nas nosas comunidades cristiás. O contrario podería ser signo do que di o Papa: “Estámonos volvendo incapaces de compadecérmonos dos clamores dos outros, xa non choramos ante o drama dos demais”.
José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire
VER TAMÉN :
Comentarios
Publicar un comentario