7 feb. 2014

Domingo 5 de Ordinario A

DOMINGO V   DO TEMPO ORDINARIO   
CICLO  A  - LECTURAS


Primeira Lectura    Is 58, 7-10
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
A túa luz irromperá coma a mañá
  
            Isto di o Señor:
            Reparte o teu pan co famento
e acolle na túa casa os pobres sen pobo.
            Cando vexas o espido, vísteo
e non te escondas da túa propia carne.
            Entón resplandecerá a túa luz coma a alba
e a carne nova da túa ferida brotará logo.
            Si, a túa xustiza camiñará diante de ti
e a gloria do Señor pechará a marcha.
            Entón clamarás ao Señor e responderache,
pediraslle axuda e dirache: "Aquí estou".
            Se apartas do medio de ti o xugo,
o sinalar co dedo e a palabra mala,
se lle quitas ao famento a gana que ti sentes,
e fartas a gorxa aflixida,
entón a túa luz brillará na escuridade
e a túa tebra será coma o mediodía.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL           Sal 111, 4-5. 6-7. 8a e 9
R/.  (4a):  O xusto brilla na tebra coma unha luz.
Ou:  Aleluia.

Brilla na tebra coma luz para os homes rectos,
o que é misericordioso, compasivo e xusto.
Venturoso aquel que se apiada e presta,
e goberna os seus bens con xustiza;

O home xusto endexamais abalará,
gardarase memoria del para sempre.
Non terá medo de malas noticias,
ten firme o corazón e confía no Señor.

O seu corazón está seguro e nada teme.
Repartiu con xenerosidade entre os pobres:
a súa xustiza permanece para sempre,
erguerá con honor a súa fronte.


Segunda Lectura     1 Cor 2, 1-5
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Anuncieivos o misterio de Cristo crucificado
  
            Irmáns:
            En canto a min, cando cheguei onda vós, non cheguei exhibindo elocuencia nin saber para anunciarvos o misterio de Deus.
            Nada pretendín saber entre vós fóra de Xesús Cristo; e Cristo crucificado. E eu presenteime diante vosa con sensación de impotencia e tremendo de medo; e a miña palabra e mais a miña predicación non se apoiaban en argumentos persuasivos e sabios, senón que constituían unha demostración do poder do Espírito: todo para que a vosa fe non se apoie na sabedoría dos homes, senón no poder de Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA  Xn 8, 12
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Eu son a luz do mundo, di o Señor;
quen me segue terá a luz da vida.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 5, 13-16
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Vós sodes a luz do mundo
  
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:

Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.

            Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte.
            Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa.

            Alume así a vosa luz aos homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos Ceos.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

UN MUNDO NOVO,
UN PROXECTO COMÚN

ESCOITA ACTIVA
Hoxe, segundo domingo de febreiro, nas comunidades cristiás celebramos a Campaña da Fame. Mans Unidas, a O.N.G. católica que traballa no mundo máis empobrecido, dirixe un aldrabada ás nosas conciencias para que non esquezamos que o mundo ten que cambiar, que o mundo non vai ben. Témolo convertido nunha casa onde cadaquén vai ao seu, deixando non só persoas nas súas beiras, senón, o que é moito máis vergoñoso, tratándoas como se fosen sobrantes, sen contar para nada. Por iso, nesta mañá na que nos xuntamos, somos chamados a abrirnos ao esforzo por facer un mundo novo no que todos aportemos para facer del un proxecto común.

         A fame non é un problema duns poucos senón de todos, e cuestiona o noso xeito de vivir e utilizar as cousas. Namentres nós gastamos, outros non teñen nada, o que nos fai tomar conciencia de que o reparto da riqueza depende, única e exclusivamente, das persoas, do noso egoísmo e da capacidade de crearnos necesidades que nos xustifican na nosa comodidade, pero endurecen o noso corazón.
         Seremos capaces de seguir excluíndo a cantos non elixiron ser pobres, e rezando a Deus como se non pasara nada?


CORAZÓN MISERICORDIOSO
*        Por non querer caer na conta de que se queremos facer algo polos demais non hai escusas, hai motivos, SEÑOR, ESPÉRTANOS DESTA APATÍA.
*        Porque en demasiadas ocasións, a nosa solidariedade, o noso alento e o noso compromiso son só de palabra, e váisenos a forza pola boca, CRISTO, ESPÉRTANOS DESTA APATÍA.
*        Porque esquecemos moitas veces que a afirmación “somos irmáns”, non son palabras, senón vida, SEÑOR, ESPÉRTANOS DESTA APATÍA.


PALABRA ENRAIZADA
A fraternidade universal ábrenos na celebración a erguer os ollos e mirar ao noso redor moito máis alá do que alcance a vista. A vida que entre todos imos construíndo non se esgota no eido das nosas casas nin nas lindes das nosas parroquias. No mundo convivimos moitas persoas, e non todas temos as mesmas posibilidades, polo que é necesario superar a tentación de pensar de que o círculo temos que pechalo ao noso redor, sen preocuparnos dos que quedan fóra del. De aí que agradezamos que. de vez en cando, xornadas coma de hoxe, abaneen a nosa conciencia e nos fagan caer na conta de que, sendo todos iguais, non todos temos nin as mesmas oportunidades nin as mesmas capacidades, o que fai que nos necesitemos uns aos outros. E como ninguén é imprescindible, sempre podemos achegar cara ao común, para que todos saiamos gañando. Só recoñecendo –tomando en serio– a afirmación, tantas veces repetida por Xesús e proclamada nas nosas celebracións, de que somos irmáns, seremos capaces de ir desenvolvendo ese proxecto común que nos achega uns aos outros e evita que nos creamos mellores e salvadores dos demais. 

 E ao falar de fraternidade estamos xa tomando partido claro por un xeito de entender a vida e de facer as cousas. Non podemos dicir que somos irmáns se o que buscamos é aproveitarnos dos máis débiles, practicar a lei do funil cos que menos teñen e saben ou humillar aos que non tiveron posibilidade ou capacidade de crecer e desenvolverse como a tivemos nós. A mellora das condicións de vida, non ha ser só para nós, senón que estamos obrigados a reclamala e esixila tamén para os demais, principalmente para aqueles que non tiveron oportunidades para que a súa vida puidese ser vivida de maneira digna. Isto supón a posta en práctica, sen buscar réditos, de condicións económicas e políticas que teñan á persoa como centro, sen caer na tentación de convertela en medio para outros intereses puramente egoístas. En Xesús os cristiáns atopamos sempre un berro que nos chama a non calar nin a deixar que os poderosos, os que oprimen, deciden e impoñen, sexan os que triúnfen e esmaguen os pequenos. Temos que aprender a nadar contracorrente e non calar diante deste tipo de comportamentos. Como di o papa Francisco, a antropoloxía da indiferenza, na que pouco a  pouco nos deixamos ir, é o gran pecado do que non só temos que arrepentírmonos, senón ao que tamén temos que facerlle fronte desde a antropoloxía de fraternidade solidaria. O “cada vez que lle fagades isto a un dos máis pequenos” que nos di Xesús,ten hoxe unha real e fonda concreción na invitación a abrir ben os ollos e a non deixarnos enganar pola liorta que provocan os que non lles importan as persoas, senón o seu propio interese.

No mundo globalizado, e no que hai tanta especulación e engano, os cristiáns estamos chamados a ser:
   - Voz que clama e busca o ben común
   - Palabra que defende e non cala ante a manipulación
   - Cabeza que é capaz de pensar e non deixarse engaiolar pola superficialidade do efémero, que se presenta en papel moi bonito por fóra e que non contén nada –pensamento líquido– dentro.
   - Mans que non dubidan en lavar feridas e curar dores que, indo máis alá do físico, deixan “tocados” a tantos dos nosos irmáns.

Que esta xornada na que se nos invita a non ter medo de mirarnos aos ollos uns aos outros, esperte en nós o compromiso de non esquecer nunca aos que xa non contan para os que mandan e impoñen.


FRATERNIDADE ORANTE
Deus non é unha construción teórica que nós facemos para tranquilizar a nosa conciencia, senón a presenza viva e solidaria no irmán que nos chama a darlle a man para camiñar na busca de proxectos comunitarios. Respondendo a esta invitación dicimos:
SEÑOR, QUE ABRAMOS A MAN AO IRMÁN
  • Para que saibamos ser Igrexa universal e solidaria, ofrecendo o que temos e renunciando a canto non necesitamos, OREMOS.
SEÑOR, QUE ABRAMOS A MAN AO IRMÁN
  • Para que saibamos ser parroquia en comuñón, preocupándonos dos veciños que están sós, o están a pasar mal ou non teñen quen os escoite, OREMOS.
SEÑOR, QUE ABRAMOS A MAN AO IRMÁN
  • Para que saibamos facer da nosa vida un camiño de encontro humanizador e esperanzado con quen se sente excluído, explotado e maltratado, e non calemos nunca diante de calquera intento de aproveitarse das persoas, OREMOS.
SEÑOR, QUE ABRAMOS A MAN AO IRMÁN
Señor, que nunca perdamos a frescura que nos aporta a fe ao invitarnos a recoñecerte nos irmáns, especialmente nos tristes e que imos esquecendo, mesmo ata consideralos sobrantes. P.X.N.S. Amén.


MIRADA DE ESPERANZA
O compromiso por colaborar na creación da civilización do amor comeza por nós mesmos. Podemos pensar en pequenos cambios na nosa vida que fagan que o mundo creza. As divisións rachan con calquera intento de desenvolvemento. Podemos ver como traballar pola reconciliación e o verdadeiro diálogo nos nosos ambientes familiares, laborais e sociais. O camiño é longo, moitas veces non vai ser doado, pero non estamos solos. El vai connosco, chámanos e invítanos a crear comuñón. Porque só desde ela é posible ir facendo da nosa relación unha experiencia verdadeiramente comunitaria.
(Sobre un idea da catequese de Mans Unidas para os adultos)


CANTO GOZOSO
ENTRADA:
Amigos nas penas e na festa amigos
LECTURAS:
Benaventurados
OFERTORIO:
Todos xuntos
COMUÑÓN:
Non vou so


POWER POINTS

No hay comentarios:

Publicar un comentario