Ficha e Lectio - Domingo 5 de Ordinario A
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO DIVINA :
SAÍR ÁS PERIFERIAS
Xesús dá a coñecer con dúas imaxes audaces e sorprendentes o que pensa e espera dos seus seguidores. Non han viviren pensando sempre nos seus propios intereses, o seu prestixio ou o seu poder. Aínda que son un grupo pequeno no medio do vasto Imperio de Roma, han ser o “sal” que necesita a terra e a “luz” que lle fai falta ao mundo.
“Vós sodes o sal da terra”. As xentes sinxelas de Galilea captan espontaneamente a linguaxe de Xesús. Todo o mundo sabe que o sal serve, sobre todo, para dar sabor á comida e para preservar os alimentos da corrupción. Do mesmo xeito, os discípulos de Xesús teñen de contribuír a que as xentes saboreen a vida sen caer na corrupción.
“Vós sodes a luz do mundo”. Sen a luz do sol, o mundo fica ás escuras e non podemos orientarnos nin gozar da vida no medio das tebras. Os discípulos de Xesús poden aportar a luz que necesitamos para orientarnos, afondar no sentido último da existencia e camiñar con esperanza.
As dúas metáforas coinciden en algo moi importante. Se permanece illado nun recipiente, o sal non serve para nada. Só cando entra en contacto cos alimentos e se disolve coa comida, pode dar sabor ao que comemos. O mesmo sucede coa luz. Si permanece encerrada e oculta, non pode alumar a ninguén. Só cando está no medio das tebras pode iluminar e orientar. Unha Igrexa illada do mundo non pode ser nin sal nin luz.
O Papa Francisco viu que a Igrexa vive hoxe encerrada en si mesma, paralizada polos medos, e demasiado afastada dos problemas e sufrimentos como para dar sabor á vida moderna e para ofrecerlle a luz xenuína do Evanxeo. A súa reacción foi inmediata: “Temos de saír cara ás periferias”.
O Papa insiste unha e outra vez: “Prefiro unha Igrexa accidentada, ferida e manchada por saír á rúa, do que unha Igrexa doente polo encerro e a comodidade de aferrase ás propias seguridades. Non quero unha Igrexa preocupada por ser o centro e que termina clausurada nunha maraña de obsesións e procedementos”.
A chamada de Francisco está dirixida a todos os cristiáns: “Non podemos ficar tranquilos en espera pasiva nos nosos templos”. O Evanxeo invítanos sempre ás presas a corrermos o risco do encontro co rostro do outro”. O Papa quere introducir na Igrexa o que el chama “a cultura do encontro”. Está convencido de que “o que necesita hoxe a igrexa é capacidade de curar feridas e dar calor aos corazóns”.
José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire.
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario