Domingo 21 de Ordinario - ciclo B


PRIMEIRA Xos 24, 1-2a. 15-17. 18b
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE XOSUÉ
Serviremos ó Señor, porque El é o noso Deus

24 1Xuntou Xosué a tódalas tribos de Israel en Xequem, e chamou ós anciáns de Israel, ós xefes, ós xuíces e mais ós oficiais, e presentounos diante de Deus. 2E Xosué falou a todo o pobo deste xeito:

Se vos anoxa servir ó Señor, escollede hoxe a quen ides servir: se ós deuses que serviron vosos pais na outra banda do río, ou ós deuses dos amorreos, os da terra que habitades. Eu e maila miña familia serviremos ó Señor".

16E respondeu o pobo:
-"Lonxe de nós arredármonos do Señor para servir a outros deuses, 17pois o Señor, o noso Deus, fíxonos subir a nós e a nosos devanceiros da terra de Exipto, da casa do asoballamento, e fixo diante de nós aqueles grandes prodixios e protexeunos ó longo de todo o camiño que percorremos, e mais por tódolos poboados por onde pasamos. Así que tamén nós serviremos ó Señor, pois El é o noso Deus".


SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 16-17. 18-19. 20-21. 22-23
R/ (9a): Gustade e vede que bo é o Señor

2Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa louvanza;
3gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo.

16Os ollos do Señor están cara ós xustos,
os seus oídos cara ó seu clamor;
17mais o Señor mira con enfado ós malvados,
para borrar da terra a súa memoria.

18Claman aqueles, e o Señor escoita,
líbraos de tódalas angustias.
19O Señor está preto do aflixido,
salva ó asoballado.

20Moitos son os males dos xustos,
pero de todos os libra o Señor.
21El coida dos seus ósos,
nin un só romperán.

22A maldade mata ó impío;
quen aborrece os xustos será castigado.
23O Señor redime os seus servos:
non será castigado quen a El se acolle.


SEGUNDA Ef 5, 21-32
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS
Este é un sacramento grande, falo de Cristo e da Igrexa

Irmáns e irmás:

21Sede ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo: 22as mulleres sométanse ós propios maridos, coma se fose o Señor, 23pois o marido é cabeza da muller, coma tamén Cristo é cabeza da Igrexa, o salvador do corpo. 24E, coma a Igrexa se somete a Cristo, así tamén as mulleres ós seus maridos, en todo.

25Homes, amade as vosas mulleres, coma tamén Cristo amou a Igrexa e se entregou por ela 26para santificala, purificándoa co baño de auga na palabra, 27e para presentala deste xeito diante de si, radiante, sen lixo nin enruga nin cousa polo estilo senón santa e inmaculada. 28Así deben tamén os maridos ama-las súas mulleres coma os seus propios corpos. Quen ama a súa muller, ámase a si mesmo, 29porque ninguén odiou endexamais a súa propia carne senón que a mantén e aquece, como fai Cristo coa Igrexa, 30porque
somos membros do seu corpo.

31Por iso deixará o home a seu pai e maila súa nai e unirase á súa muller e serán os dous un único ser. 32Grande misterio é este e eu refíroo a Cristo e á Igrexa.


ALELUIA Cf Xn 6, 63c. 68c:
As túas palabras, Señor, son espírito e vida;
tes palabras de vida eterna.


EVANXEO Xn 6, 60-69
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
E ¿onda quén imos ir? Ti tes palabras de vida eterna

Moitos dos discípulos de Xesús dixeron:
-¡Que dura é esta doutrina! ¿Quen pode admitir tal cousa?

61Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles:
-¿Escandalízavos iso? 62¿E logo se viséde--lo Fillo do Home subindo a onde estaba antes? 63O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei, son espírito e son vida. 64E, aínda así, hai algúns de vós que non cren.

Pois ben sabía Xesús desde o principio quen eran os que non crían e mais quen o había de entregar. 65E proseguiu:
-Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai.

66Desde aquela moitos dos seus discípulos botáronse para atrás, e xa non andaban con el. 
67Preguntoulles entón Xesús ós Doce:
-¿Vós tamén vos queredes ir?

68Respondeulle Simón Pedro:
-Señor, ¿e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna, 69e nós cremos e recoñecemos que ti e-lo Santo de Deus.



SEÑOR, A QUEN IREMOS?. 
TI TES PALABRAS DE VIDA.
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
 O Evanxeo volve lembrarnos que só o Señor ten palabras de vida; unha vida chea de sentido e forza; unha vida de loita e esperanza; unha vida de colaboración e de encontro solidario. Esta é a vida que os crentes atopamos en Xesús. Pero é en Xesús, e non debemos confundila nin co poder, as riquezas ou os pontificais afastados do que preocupa ás persoas; e moito menos a vida en Cristo se identifica co papa, os bispos ou os curas. A vida en Cristo ímola descubrindo no evanxeo, boa nova ofrecida para acoller e poñer en práctica alí onde esteamos os que nos chamamos crentes. Evitar perder este rumbo é a tarefa que fai que esteamos sempre en actitude receptiva e activa, sen deixar que a presenza da fe esmoreza porque non acabamos de enraizala para que o que cremos e vivimos camiñe polo mesmo vieiro, sen separación nin distancia.

O PERDÓN
*        Porque no eido da fe presumimos de que sabemos ben a teoría; pero non a levamos á práctica, SEÑOR QUE NON PERDAMOS O TEU GUIEIRO.
*        Porque non queremos entender que non é o mesmo servir que servirse dos demais, CRISTO, QUE NON PERDAMOS O TEU GUIEIRO.
*        Porque a nosa comodidade fai que xustifiquemos en nós o mesmo que criticamos nos demais, SEÑOR, QUE NON PERDAMOS O TEU GUIEIRO.

REMUÍÑO
O sentido de pobo está sempre marcado polo esforzo de camiñar xuntos, de unir, de prantexar tarefas e propostas en común. Por iso Xosué reúne ás tribos para compartir co pobo canto lles pasaba, afastando a tentación do individualismo, de ir cada un ao seu, do tan habitual entre nós: sálvese quen poida. Reunidos, comparte co pobo a súa inquedanza, á vez que fai unha sentida confesión de fe: “eu e a miña familia serviremos ao Señor”. Terémolo nós así de claro como Xosué?. Ou tamén somos dos que nos gusta nadar entre dúas ou máis augas, e buscamos xustificacións porque estamos cómodos adecuando a vivencia da fe á nosa comenencia, rebaixándoa das súas esixencias e caendo na mediocridade que non fai máis que producir baleiro en nós e conformidade para non achegarse aos que non ven en nós testemuño algún, senón beatería ritualista puramente externa e sen fondura algunha?. É Deus para nós todo, ou é que temos outros deuses que nos enchen o tempo, pero que dificilmente poden dar sentido á nosa vida?. Somos o suficientemente humildes como para descubrir a súa presenza no día a día da nosa vida?. Temos feito algunha vez o exercicio -tan reparador!- de pensar que tería sido a nosa vida sen a presenza de Deus?. Ou a planicie na que habitualmente vivimos fainos tan preguiceiros que mesmo nos impide preguntarnos sobre os porques e para que da nosa vida?. Verdadeiramente, Deus é o noso Deus?.
Como o pobo de Israel, tamén nos hoxe somos invitados a preguntarnos se é a Deus a quen loamos, na humildade e na ledicia; se é o que descubrimos cando traballamos e nos comportamos con xustiza, con capacidade de escoita, con sensibilidade e cercanía aos problemas e dificultades que as persoas máis achegadas están a sufrir. Reunirnos os domingos, dedicar este tempo a compartir e celebrar a fe non é unha cousas máis que facemos ao longo da semana, senón o momento privilexiado no que nos atopamos xuntos os que sabemos que Deus non só é importante na nosa vida, senón o cimento desde do que imos desenvolvendo todas e cada unha das nosas opcións e das decisións que debemos tomar, persoal ou comunitariamente, sobre aquelas cuestións nas que está en xogo o ser un non ser felices. E iso non o poderiamos facer, se como nos di Paulo, non somos ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo.
De aí que as súas palabras, cando son acollidas con sinceridade, sen dobreces, sen buscar o que nos convén -que non se identifica moitas das veces nin co xusto nin co mellor-, non poden ser outra cousas mais ca espírito e vida. É dicir, alento, estímulo, forza, esperanza, sentido, guieiro... camiño de salvación e realización persoal. Claro que nos custa, dado o ritmo de vida que levamos e a pouca atención que prestamos á reflexión á hora de tomar decisións importantes na nosa vida. Porque, acostumamos a axudarnos da oración, da reflexión e meditación da palabra de Deus cando temos que tomar decisións que poden marcar presente e futuro?. Deixamos que esa Palabra vaia enchoupándonos para que sexa medio desde o que poder analizar, sen presas e con sinceridade, a vida e as diferentes vertentes que nela nos van aparecendo?. Ou mais ben somos dos que dicimos crer en Deus porque poñemos velas, pedimos misas, facemos promesas... pero nunca facéndonos as preguntas desde o corazón da Palabra de Deus; Palabra sempre viva e actual e que non pasa de moda. Tamén podemos actuar, como lle ocorría as veces aos discípulos, porque non lles conviña, xustificándonos e dicindo que como a aplicación desa Palabra á nosa vida é moi dura e difícil, buscamos vivir ao “meu xeito” no “cumpro e no minto”, é dicir: falar unha cousas e facer outra totalmente contraria, producindo unha bipolaridade coa que pretendemos enganarnos a nós mesmos e aos demais, pero dificilmente conseguiremos facelo con Deus. Si de verdade sabemos que as súas palabras son espírito e vida, comecemos, desde xa, a poñelas en práctica. Non esperemos máis.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
No nome do Señor reunímonos un domingo máis para agradecer a fe e compartir inquedanzas e necesidades. Facémolo dicindo:
QUE FAGAMOS DA TÚA PALABRA ESPÍRITO E VIDA
Pola Igrexa, para que saibamos sempre anunciar a Cristo sen manipular nin escurecer a súa mensaxe, Oremos.
QUE FAGAMOS DA TÚA PALABRA ESPÍRITO E VIDA
Por cantos decidimos libremente conformar as comunidades cristiás, para que nunca esquezamos que temos que ser testemuñas de Deus a través do que facemos e dicimos, Oremos.
QUE FAGAMOS DA TÚA PALABRA ESPÍRITO E VIDA
Para que, facendo vida a mensaxe de Xesús, nunca lle deamos as costas aos problemas e dificultades do noso mundo, e nos comprometamos, alí onde estamos, poñendo tempo e capacidade ao servizo de canto busque a xustiza, a dignidade e a igualdade das persoas, Oremos.
QUE FAGAMOS DA TÚA PALABRA ESPÍRITO E VIDA
Señor, porque nos chamas a facer da túa Palabra espírito e vida, queremos compartir contigo canto esforzo leve a mellorar o mundo e as condicións de vida dos que nel vivimos. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
O que verdadeiramente importa non se pode converter en mercancía. Cada vez son menos cousas, é verdade. Pero, por máis que haxa quen tamén fai negocio disto, para a xente máis normal o amor de verdade nin se vende nin se compra. A amizade atópase e gózase, pero no se posúe. A fe no se adquire a golpe de tarxeta. E o sentido da vida no se obtén nos grandes almacéns (todo o máis podes levar para a casa sucedáneos). A trampa da lóxica do ter é intentar converternos naquilo que adquirimos. Porque as cousas importantes vívense e deixan pegada aínda que se afasten; no son de usar e tirar. O esencial non é de temporada, e ás veces nin sequera se ve.
Deus; na miña vida non te podo consumir, como un produto de temporada. Estás, e basta. Estás cando me vai ben, e nas horas tristes. Cando me lembro de ti, e tamén cando te esquezo. Estás sempre.

CANTOS
ENTRADA: 
Camiñando pola vida
LECTURAS: 
As túas palabras, Señor, son espírito e vida
OFERTORIO: 
Pregoeiro da túa paz
COMUÑÓN: 
Acharte presente





Comentarios

Publicacións populares