FESTIVIDADE DA TRANSFIGURACIÓN DO SEÑOR (Luns, 6 de agosto) - Lecturas


A TRANSFIGURACIÓN DO SEÑOR


PRIMEIRA Daniel 7, 9-10. 13-14
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE DANIEL
O seu vestido era branco coma a neve


9Eu estaba fitando, cando se colocaron uns tronos e un ancián tomou asento. O seu vestido era branco coma a neve, e os cabelos da súa cabeza coma pura lá; o seu trono eran labaradas de lume; as súas rodas, lume ardente. 10Un río de lume corría e derramábase por diante del; miles de milleiros servíano, e dez mil miríadas estaban de pé diante del. O tribunal abriu a sesión, e abríronse os libros.

13Proseguín ollando as visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ó ancián e presentouse diante del. 14Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono tódolos pobos, nacións e linguas. O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído.




SALMO RESPONSORIAL Sal 96, 1-2. 5-6. 9 :
O Señor reina altísimo sobre a terra



1O Señor reina, alégrese a terra,
exulten tódalas illas.

2Rodéano nubes e néboa,
xustiza e rectitude sosteñen o seu trono.

5Os montes derrétense coma cera,
diante do Señor, dono do mundo.

6Os ceos pregoan a súa rectitude
e tódolos pobos contemplan a súa gloria.

9Ti, Señor, e-lo soberano de toda a terra,
no cumio de tódolos deuses.



SEGUNDA Pe 2, 16-19
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PEDRO
Esta voz do ceo ouvímola nós


16Se vos demos a coñece-la vinda poderosa do noso Señor Xesús Cristo, non foi guiándonos por contos argallados con habilidade, senón porque fomos testemuñas oculares da súa grandeza. 17Pois recibiu honor e gloria de parte de Deus Pai, cando desde a sublime Gloria lle chegou aquela voz tan especial: "Este é o meu Fillo, o meu predilecto, o Fillo do meu contento". 18Esta voz oímola nós vir do ceo, estando con el no monte santo. 19Deste xeito temos confirmación da palabra profética, á que facedes ben en estardes atentos, coma un candil aceso en lugar escuro, ata que alboree o día e o luceiro da alba naza nos vosos corazóns.



ALELUIA Mt 17, 5c:

Este é o meu Fillo benquerido, 
o meu predilecto: escoitádeo.



EVANXEO Mc 9, 2-10
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.


2Seis días despois colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán, e subiu con eles sós ó coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presencia. 3Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. 4Nisto apareceron Elías e mais Moisés, e estaban a falar con Xesús. 5E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:
¡Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e a outra para Moisés.
6Tan asustado estaba, que non sabía o que dicía. 7E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz:
Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.
8E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. 9Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos. 10Eles colleron ben o aviso; pero empezáronse a preguntar uns a outros o que querería dicir aquilo de "cando resucite de entre os mortos". 




Comentarios

Publicacións populares