DÍA DA ASUNCIÓN
DITOSOS NÓS,
POR TERMOS CRIDO
POR TERMOS CRIDO
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Ditosa ti porque cres! Ese é o saúdo que
hoxe o Señor nos envía a cada un e cada unha de nós no día no que xuntamos para
honrar a nosa Nai. Ela é modelo de fe viva e confiada, que soubo coma ninguén
escoitar a voz de Deus no seu corazón e poñela en práctica, máis alá de
prexuízos ou críticas destrutivas. Ela é a muller que se pon en camiño e marcha
ás présas xunto de quen precisa da súa axuda, e invítanos a que nós fagamos o
mesmo: que acompañemos a vivir a quen está illado na soidade, a quen está
atrapado pola enfermidade, a quen está afundido pola tristura ou baleiro de
ledicia e de esperanza.
Velaí a nosa misión.
Que a festa que celebramos hoxe, a Asunción da Virxe, nos
axude a manternos atentos a Deus e abertos ao seu misterio de proximidade e
amor a cada ser humano como fixo María.
O PERDÓN
q
Por ter renunciado a vivir a fe como ledicia e como forza
decisiva para enfrontarnos á vida, SEÑOR, QUE SINTAMOS A LEDICIA DE CRER.
q
Por ter renunciado a compartir as cangas e o peso que
soportan os nosos irmáns e irmás, CRISTO, QUE SINTAMOS A LEDICIA DE CRER.
q
Por ter renunciado a escoitar e valorar o papel das
mulleres dentro da Igrexa, relegándoas a un segundo lugar, , SEÑOR, QUE
SINTAMOS A LEDICIA DE CRER.
REMUÍÑO
*
Non nos enganemos. Falar da muller dentro da Igrexa é,
sen lugar a dúbidas, falar dun amplo, amplísimo colectivo discriminado,
marxinado e mesmo moitas veces silenciado. Falar da muller dentro da Igrexa é,
para aqueles “importantes” na Igrexa (a xerarquía), sinónimo de falar de pecado
e tentación. Falar da muller dentro da Igrexa é falar de persoas que non están
nunha relación de igualdade cos homes, senón nun banzo inferior. Elas son
estupendas para varrer, lavar purificadores, facer os floreiros... pero para
tarefas de responsabilidade (consellos económicos, consellos de pastoral,
dirección das ADAP...) seguimos preferindo aos homes. Razón: sempre se fixo
así! Somos encantadoras coma submisas mulleres obxecto, adornamos moito e moi
ben....sempre que esteamos caladiñas e riseiras.
*
Porén, coma se dun trastorno bipolar se tratara, esta
mesma xente que tanto pon en dúbida e mesmo menospreza o papel e a voz da
muller, seguramente desde un complexo de inferioridade, declárase profundamente
mariana e sempre ten nos seus beizos (aínda que non no seu corazón), unha
palabra para Ela, presentándoa como modelo, porta.... Ten graza!. Coma se María
tivese sido unha muller obxecto, e non o que foi: unha muller que, confiando en
Deus, deu pasos cara adiante, sen deixarse asoballar, con voz e opinión propia
e cunha vida coherente fronte dunha sociedade opresora; unha muller que “pasou”
do que dirán e que entendeu e fixo vida a preferencia de Deus polos pobres e os
últimos da terra, sobre todo se son mulleres.
*
Por iso hoxe, na festa da Asunción da Virxe, queremos
apostar sen medo por unha Igrexa Mariana, consciente do que iso leva consigo:
·
Unha Igrexa que fomenta a tenrura maternal cara a todos
os seus fillos e as súas fillas, coidando a calor humana e a proximidade nas
súas relacións.
·
Unha Igrexa de brazos abertos, que non rexeita nin
condena, senón que acolle e atopa un lugar axeitado para cada persoa.
·
Unha Igrexa que, como María, proclama con alegría a
grandeza de Deus e a súa misericordia, tamén coas xeracións actuais e futuras.
·
Unha Igrexa que se converte en sinal de esperanza pola
súa capacidade de transmitir vida.
·
Unha Igrexa que sabe dicir si a Deus sen saber moi ben
onde a levará a súa obediencia. Non ten respostas para todo, pero busca con
confianza a verdade e o amor, aberta ao diálogo.
·
Unha Igrexa humilde como María, sempre á escoita do
Señor, atenta aos sinais dos tempos.
·
Unha Igrexa máis preocupada por comunicar o Evanxeo de
Xesús que por telo todo ben definido e atado.
·
Unha Igrexa do Magnificat, que non se comprace nos soberbios,
potentados e ricos deste mundo, senón que busca pan e dignidade para as persoas
pobres e famentas da terra, sabendo que Deus está da súa parte.
·
Unha Igrexa atenta ao sufrimento de todo ser humano, que
sabe, como María, esquecerse de si mesma e marchar ás présas para estar preto
de quen precisa axuda.
·
Unha Igrexa preocupada pola felicidade de quen non ten
viño para celebrar a vida.
·
Unha Igrexa que anuncia a hora da muller e promove con
gozo a súa dignidade, igualdade, responsabilidade e creatividade.
·
Unha Igrexa que sabe gardar e meditar no seu corazón o
misterio do Deus encarnado en Xesús, para transmitilo como experiencia viva.
·
Unha Igrexa que cre, ora, sufre e espera a salvación de
Deus anunciando con humildade a vitoria final do amor.
Velaquí o camiño polo que temos que andar. Hoxe queremos
por os nosos ollos en María, nosa Nai, nosa Señora. E queremos pedirlle forza e
alento para que, do mesmo xeito que fixo Ela, tamén nós sexamos capaces de
traballar, desde o noso sermos e sentírmonos Igrexa, para que a nosa voz sexa
escoitada, para que non sucumbamos á presión de deixar de facer as cousas por
mor do qué dirán ou do qué pensarán, para que esteamos dispostas a asumir e
levar a cabo responsabilidades dentro da Igrexa. É sobre todo un moi bo día
para redescubrir que Deus prefire aos humildes e sinxelos, á xente pequena do
pobo e da aldea.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Como
comunidade crente, alegre e esperanzada que celebra a festa na honra da Nosa
Señora, presentamos a Deus as nosas peticións e dicimos:
DITOSOS NÓS, POR TEMOS CRIDO
ö Por unha Igrexa
mariana, que nunca esqueza, silencie ou rexeite ás mulleres, senón que sempre
as teña en conta, descubrindo que tamén existen, non só coma presenza física
nos templos, senón coa presenza do esforzo e do traballo diario, coa presenza
da axuda e da colaboración desinteresada, coa presenza da súa propia identidade
como persoas comprometidas, coa presenza de seren elas mesmas, OREMOS.
DITOSOS NÓS, POR TEMOS CRIDO
ö Por unhas
comunidades marianas, que sempre saiban valorar, agradecer e potenciar o
traballo, moitas veces calado e sempre eficaz, de tantas mulleres que con
ilusión entregan o seu tempo, a súa colaboración e a súa voz, OREMOS.
DITOSOS NÓS, POR TEMOS CRIDO
ö Por uns cristiáns e
unhas cristiás marianas, nós, para que tomemos conciencia do importante papel
feminino dentro da sociedade, que precisa da presenza de mulleres preparadas,
autónomas, críticas, comprometidas e que non se deixen tripar, ignorar ou manipular, OREMOS.
DITOSOS NÓS, POR TEMOS CRIDO
Grazas, Señor, por
invitarnos hoxe a restituír o creto e a valorar a importancia do traballo das
mulleres na nosa diocese, nas nosas parroquias e nas nosas familias. P.X.N.S.
Amén
PARA A REFLEXIÓN
CREDO DAS MULLERES
Creo en Deus, que creou á muller e ao home á súa imaxe e
semellanza,
encomendándolles a ambos o coidado da terra.
Creo en Xesús, Fillo de Deus, nado dunha muller, María;
que escoitaba e quería ás mulleres,
que entraba nas súas casas, que lles falaba do Reino.
que discutiu de teoloxía cunha muller
sentado á beira dun pozo, ao mediodía;
que foi unxido por unha muller en casa de Simón,
reprendendo aos invitados que a desprezaban;
que curou a unha muller en sábado,
dicíndolle que se erguera, porque ela tamén era un ser
humano;
que se fixo acompañar polas mulleres, sentindo o seu amor
e encomendándolles a boa nova.
Creo en Xesús, que falou de Deus comparándoo cunha muller
que varría a súa casa para atopar o que perdera,
que puña lévedo na masa para fermentalo todo.
Creo no Resucitado,
que se lle apareceu en primeiro lugar a María Magdalena,
enviándoa coma mensaxeira da grande ledicia da Pascua.
Creo na plenitude do Salvador,
en quen non hai xudeu nin grego,
escravo ou libre, home ou muller,
porque todas as persoas somos unha nel.
Creo no Espírito Santo, espírito feminino de Deus
que nos cobre coas súas ás enchéndonos de vida.
CANTOS
·
ENTRADA: Xa nos tes
aquí
·
LECTURAS: Canta o
sol
·
OFERTORIO:
Benaventurados
·
COMUÑÓN: Esa é
María
POWER POINTS
ASUNCIÓN DE NOSA SEÑORA
María, nai nosa na fe, na esperanza e
no amor,
muller de pobo humilde, muller labrega,
¡bendita ti entre todas as mulleres!
Contigo aprendemos a fiarnos de Deus,
a aceptar e acompañar os seus
proxectos,
aínda que por veces nos parezan
escuros e sen saída,
¡bendita ti entre todas as mulleres!
Contigo podemos experimentar con
alegría
no máis fondo do noso corazón, da
nosa vida,
que Deus é todo el misericordia
¡bendita ti entre todas as mulleres!
Contigo descubriremos nós tamén a
nosa pequenez
envolta toda ela na ollada agarimosa de
Deus,
que comprende, dignifica e enaltece,
¡bendita ti entre todas as mulleres!
Contigo decatarémonos de que a
historia da humanidade
non é unha historia orfa de graza e
dinamismo;
toda ela cruzada pola urxencia do amor
de Deus,
¡bendita ti entre todas as mulleres!
Contigo aprendemos as preferencias de
Deus,
coñeceremos con máis xusteza as súas
debilidades
e buscaremos cabo dos orfos, famentos e
baleiros,
¡bendita ti entre todas as mulleres!
Contigo prestarémoslle a Deus voz,
cabeza e mans
para derrubar os plans dos poderosos
soberbios
e facer na nosa terra un lugar digno
para o débil,
¡bendita ti entre todas as mulleres!
Contigo descubriremos o valor da
muller, das mulleres,
na historia da nosa vida, do noso pobo,
da humanidade,
e tratarémola como nai total das nosas
vidas,
¡bendita ti entre todas as mulleres!
M. Regal Co
Evanxeo pola man
Comentarios
Publicar un comentario