Domingo 18 de Ordinario - ciclo B

DOMINGO XVIII DE ORDINARIO - CICLO B


PRIMEIRA Ex 16, 2-4. 12-15
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
Farei chover para vós pans do ceo

2Toda a comunidade murmuraba no deserto contra Moisés e Aharón. 3Dicían: -"¡Sequera morresemos pola man do Señor na terra de Exipto, sentados ó redor dos potes de carne e con pan a fartar! Trouxéstesnos a este deserto, para matar de fame a toda esta comunidade".

4O Señor díxolle a Moisés: -"Vou facer chover un pan do ceo para vós. O pobo sairá e collerá o que lle cumpra para o día. Quero poñelo á proba, para ver se anda ou non coa miña lei.

12-"Oín as murmuracións dos israelitas. Dilles isto: O anoitecer teredes carne que comer e pola mañá pan a fartar. E saberedes que eu son o Señor, o voso Deus".

13O serán viñeron paspallás e cubriron o campamento. Pola mañá había nos arredores unha capa de orballo. 14Cando esvaeu o orballo, apareceu no deserto unha capa miúda, coma escamas miúdas, que semellaban xeada sobre o chan. 15Os israelitas, ó que o viron, preguntábanse uns ós outros: -"¿Que é isto?" Pois non sabían o que era aquilo.



SALMO RESPONSORIAL Sal 77, 3 e 4bc. 23-24. 25 e 54
R/ (24b): O Señor deulles pan do ceo


3O que oímos e sabemos,

o que os pais nos contaron,

témolo que contar ás xeracións vindeiras:

as glorias do Señor, o seu poder,

e os milagres que fixo.


23Ordenou logo ás nubes desde arriba,

abriu as portas do ceo,

24e fixo chover maná para comeren;

deulles trigo do ceo.


25Comeu o home pan dos fortes,

deulles sustento a fartar.

54Levounos á súa terra santa,

ó monte que adquirira coa súa dereita.



SEGUNDA Ef 4, 17. 20-24
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS
Vestide o home novo creado a imaxe de Deus

Irmáns e irmás:

17Dígovos e recoméndovos en nome do Señor que non vivades máis coma os pagáns, coa
mente baleira.

20Vós, sen embargo, non foi así como coñecestes a Cristo. 21Supoño que vos falaron del e
que vos ensinaron o que responde á verdade en Xesús; 22isto é, que vos ispades do home
vello da vida anterior, que vai esmorecendo, seducido polos seus anceios; 23que cambiéde-
la vosa actitude mental, 24e que vistáde-lo home novo, creado a imaxe de Deus, na xustiza
e na relixiosidade auténticas.



ALELUIA Mt 4, 4b:

O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus



EVANXEO Xn 6, 24-35
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Quen veña comigo non terá fame e quen crea en min non terá sede

24En vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron
nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. 25Atopárono na outra banda do mar
e dixéronlle:

-Rabbí, ¿cando chegaches aquí?

26Xesús contestoulles:

-Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque
comestes pan ata vos fartar. 27Traba-llade non polo pan que se acaba, senón polo que dura
deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do Home: pois el é a quen o Pai Deus marcou co
seu selo.

28Eles preguntáronlle:

-¿Que temos que facer para realiza-las obras de Deus?

29Respondeu Xesús:

-Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.

30Replicáronlle:

-¿Que sinal fas ti, para que véndoo creamos en ti? ¿Que podes facer? 31Os nosos pais
comeron o maná no deserto, conforme está escrito: deulles a comer pan do ceo.

32Entón díxolles Xesús:

-Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é
quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: 33pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e que lle
dá vida ó mundo.

34Dixéronlle entón:

-Señor, dános sempre dese pan.

35Xesús respondeulles:

-Eu son o pan da vida: quen vén onda min, non pasará fame e quen cre en min, endexamais
non terá sede. 




RENOVARNOS PARA SER TESTEMUÑAS CRIBLES
TOMADO DE : http://remoldapalabra.blogspot.com.es/2012/08/domingo-18-to-b.html

PÓRTICO
Que sinais fas para que creamos en Ti?. Velaí a pregunta que lle lanzan a Xesús os seus contemporáneos. Esa é tamén a pregunta que hoxe estamos chamad@s a respostar nós, cristiáns e cristiás do século XXI: que aportamos, coma Igrexa, coma seguidores de Xesús, ao noso mundo e á nosa sociedade?. Da resposta que lle deamos a tan importante cuestión, dependerá que a nosa sexa unha Igrexa crible, testemuñal, compañeira, coherente, nai.... Por desgraza, sabemos que moitas veces non ten sido así. No fondo deixámonos levar do laio estéril e das rutinas e inercias, ancorados no “sempre se fixo así” ou no “iso nunca se fixo así”.

Porén, Deus chámanos a non ter medo, a sermos creativ@s, a comezar de novo, a ensaiar novos plantexamentos, a deixar atrás a comodidade.... nunha palabra: a saber ler os sinais dos tempos, inculturando a nosa fe nas distintas realidades que forman a nosa vida.
A que esperamos para aprender esta nova linguaxe?. Nunca é tarde para recomezar e poñer o noso gran de area, porque, aínda que ás veces nos pareza que non, o certo é que outro mundo e outra Igrexa son posibles. Só depende de nós.

O PERDÓN
- Porque somos tan mesquiños que sempre pensamos que o fin xustifica os medios e só nos preocupamos da nosa “salvación”, SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA MEDIOCRIDADE.
- Porque non deixamos que o sopro do Espíritu que Ti pos nos nosos corazóns renove a nosa vida, vestíndoa de xustiza e gratuidade e enchéndoa de amor, CRISTO, NON NOS DEIXES CAER NA MEDIOCRIDADE.
- Porque como “sempre se fixo así” seguimos ancorad@s nunha fe infantil, superficial e moitas veces enchoupada de maxia e supersticións baratas que poñen pesadas cargas sobre os nosos ombreiros, SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA MEDIOCRIDADE.

REMUÍÑO
- Na lectura do libro do Éxodo podemos atopar un espello da historia e da nosa vida: o medo ao risco, o convencemento de que non é posible traballar por unha vida máis digna, o “non te metas en líos” como criterio básico das que se consideran persoas de xuízo, a busca da tranquilidade e da seguridade ao prezo que sexa....Todas estas actitudes forman parte da nosa propia natureza, pero, se as deixamos, destrozan moitos proxectos de mellora e matan a creatividade e a frescura da fe. Os hebreos estiveron a piques de botar por terra o proxecto de Deus, que quería liberar ao seu pobo da dominación exipcia. Os israelitas preferían a tranquilidade da escravitude antes que o risco da loita pola liberdade. Exactamente o contrario do que Deus quería. Na nosa sociedade e na nosa Igrexa atopamos exemplos abondo disto. Cando alguén ten unha idea novidosa e quere levala á práctica, cando alguén quere por en marcha un proxecto novo, cando a creatividade busca romper a rutina.... rapidamente aparecen os profetas de calamidades que tentan botala abaixo falando de inviabilidade, de sen sentido.... Razóns: “iso non se fixo nunca así”. E xa non digamos se a cousa se pon en marcha e non sae ben.... entón caen chuzos de punta por todos lados.... esquecendo o esforzo, a ilusión e o traballo que había detrás. Por iso, o mellor, o máis cómodo, o máis seguro é seguir coma sempre, nas nosas rutinas, na nosa mediocridade, no laio estéril e permanente. Pero..., será iso o que Deus quere?.


- A resposta a esta pregunta vén da man de Paulo, quen lle lembra aos efesios, e a nós tamén, que temos que abandonar o noso anterior xeito de vida, ou o que é o mesmo, como as persoas e as sociedades evoluimos, o que valeu para outro tempo agora xa non é tan válido porque as circunstancias cambian. Por que esta afirmación que tan crara temos nalgunhas cousas na nosa vida cotiá (uso das novas tecnoloxías para comunicarnos, uso de novos electrodomésticos, mesmo cambios no noso xeito de vestir e na nosa imaxe) xa non é que non a teñamos crara no eido da fe, senón que nin tan sequera a contemplamos, e preferimos seguir vivindo na escravitude do medo e da rutina?. Non será que detrás de afirmacións como doutrinalmente seguro, cumprir o precepto, seguir ao pé da letra o ritual.... e outras parecidas agóchanse a nosa inseguridade, a nosa preguiza por apostar por un “aggiornamento” ou un querer seguir mantendo unha estrutura piramidal que fai que tanta e tanta xente se sinta desencantada e desesperanzada, sen atopar o seu lugar nunha Igrexa encorsetada e ríxida?. Paulo chámanos a deixar que o Espírito renove a nosa mentalidade, a que abramos as nosas ventás, facendo de nós persoas creativas que, desde a fidelidade á mensaxe de Cristo, sexamos capaces de aterrar na realidade e dar respostas cribles ás necesidades actuais das persoas no aquí e agora do noso mundo.

- Por iso hoxe, se cadra coma nunca, precisamos que o Señor nos dea dese Pan, para non volver ter fame nin sede. O pan da escoita e do diálogo, o pan do sorriso, o pan da solidariedade, o pan da creatividade, o pan da gratuidade, o pan da xustiza, o pan da compaña, o pan do traballo..... o Pan da Eucaristía, na que El se nos ofrece como forza para a vida, como alento para o desánimo, como novidade contra das rutinas, como caxato para o camiño. Que nos fartemos do seu pan para compartilo coas persoas pequenas, coas que arriscan, coas que non teñen medo, coas que se esforzan, día a día, para que a súa mensaxe chegue a todos os recunchos da terra.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Unha vez máis, unímonos para compartir a forza da oración comunitaria, dicindo xuntos:
QUE VIVAMOS SEMPRE A FE COMO NOVIDADE E NUNCA COMA RUTINA
  • Pola Igrexa, para que nunca teña medo a presentar o Evanxeo no mundo de hoxe dun xeito creativo, con actitudes, palabras e proxectos solidarios, xustos e libres de calquera intento de dominio e poder, Oremos
QUE VIVAMOS SEMPRE A FE COMO NOVIDADE E NUNCA COMA RUTINA
  • Para que nas nosas comunidades nos esforcemos por ter actitudes construtivas e de colaboración, deixando atrás o que nos afasta, para unirnos nas tarefas que nos levan a aunar esforzos e abrir camiños de participación parroquial, Oremos.
QUE VIVAMOS SEMPRE A FE COMO NOVIDADE E NUNCA COMA RUTINA
  • Para que cada un/ha d@s que hoxe sentimos a necesidade de renovar a nosa vivencia de fe saibamos concretar esta renovación na visita aos enfermos, no tempo compartido cos que están solos, no sorriso sincero e solidario dos nosos maiores, na palabra amiga para quen está triste... Oremos.
QUE VIVAMOS SEMPRE A FE COMO NOVIDADE E NUNCA COMA RUTINA
Grazas, por seguir abríndonos camiños que nos levan a facer da fe motor de motivación e sentido da nosa vida. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Señor,
andamos como perdidos entre tantas cousas.
Temos a casa chea de cousas,
temos cheos de cousas as tendas e os almacéns,
cheos de cousas os museos e as cidades,
cheo de cousas o tempo,
chea de cousas a alma.
Ensínanos a desprendernos das que nos estorban,
a repartir as que non precisamos,
a compartir as necesarias,
para gañar aos irmáns e ás irmás,
aínda que perdamos cartos e prestixio.
Ensínanos a descubrir o verdadeiro sentido das cousas,
a súa funcionalidade e a súa caducidade,
o seu sentido de solidariedade,
a súa verdadeira dimensión de dons teus.
Axúdanos a facer un bo uso das cousas,
sen empobrecer aos outros, sen degradar a natureza,
sen poñer en elas o corazón nin a esperanza.
Para que non sexamos consumidores, senón viventes,
crentes, irmáns de todas as persoas,
pois Ti, Señor, es Pai-Nai de tod@s
e déchesnos todo para que poidamos vivir felices e en paz.



CANTOS
ENTRADA: Que ledicia a miña
LECTURAS: Benaventurados
OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas
COMUÑÓN: Ti es o pan do ceo





Comentarios

Publicacións populares